O museo que A Coruña lle debe a Luís Seoane
Definitivamente, este país carece dunha clase dirixente política que teña o país na cabeza como o tiñan nos anos vinte e trinta do século XX as grandes figuras da Xeración Nós, do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista. Tampouco conta Galiza cun empresariado minimamente ilustrado na cultura do país e disposto a poñer unha pequena parte do seu capital ao servizo da recuperación da personalidade cultural deste pobo, como si o fixeron no seu tempo don Enrique Peinador, Antonio Fernández López, Valentín Paz-Andrade, Ramón Castromil, Isaac Díaz Pardo ou Álvaro Gil Varela, entre outros. Se o que aquí afirmamos con esta rotundidade non fora así, como se explica que a cidade da Coruña, nas catro últimas décadas, desde as primeiras eleccións democráticas aos concellos e desde a creación das institucións autonómicas, non fora quen de erguer nesta cidade o Museo Luís Seoane, co que poderiamos compararnos con outros museos de Madrid ou Barcelona, co Museo Sorolla ou co Museo Picasso, por exemplo.
Espero que ninguén pense que coa Fundación Luís Seoane estamos á altura do grandísimo artista que foi Seoane e da súa inmensa xenerosidade con este país. Quen coñeza a súa traxectoria intelectual e humana, a súa entrega sen límites á cultura galega e a Galiza e o mar inmenso da súa obra sabe ben que precisariamos dedicar dous ou tres edificios como o da Fundación Barrié ou da Sede Afundación ou o Palacio de Palexco para mostrar todo o que creou e impulsou Luís Seoane ao longo da súa vida, aquí e nos anos do exilio en Arxentina.
“A figura de Luís Seoane –di Xosé Díaz nun dos seus traballos sobre o artista- abraia pola súa amplitude, pluralidade, rigor, paixón, amor, intelixencia, pureza, anovación e universalidade. É, sen dúbida, a maior rara avis da cultura galega desde o Rexurdimento”. E engade: “Se Luís Seoane fora catalán, a estas alturas Catalunya xa tivera feito o gran centro adicado exclusivamente a estudiar e difundir a súa obra e a súa persoa, téndoo convertido nun personaxe de gran prestixio internacional (…) Desaproveitamos a gran oportunidade de converter a Seoane na gran figura galega da plástica contemporánea, como fixo Catalunya con Miró ou Tápies”.
Descubrir a Luís Seoane en toda a súa dimensión creativa, como artista plástico, ilustrador, deseñador, editor, director de revistas, ensaísta, poeta, xornalista literario, gráfico e radiofónico, pensador, animador, promotor e divulgador da cultura galega, figura do exilio, colaborador de Díaz Pardo na posta en marcha do Laboratorio de Formas de Galicia e do Museo Carlos Maside, descubrir a Luís Seoane en todo o seu inxente labor, repito, resulta imprescindíbel non só como un elemental acto de xustiza cunha personalidade tan extraordinaria como a súa, senón como unha forma de descubrir o noso propio país, de afirmarnos no compromiso con Galiza e de colocar a súa cultura no mosaico internacional.
Só unha clase dirixente política e empresarial que non sabe agradecer o que algunhas figuras fixeron para engrandecernos como pobo, que non sente orgullo da súa cultura milenaria e que vive á marxe da restauración da nosa propia identidade colectiva como país pode permanecer allea á tristeza que lle produce a calquera persoa con cultura e conciencia de país que unha figura como Luís Seoane aínda hoxe non teña o seu grande museo na cidade da Coruña.
Naturalmente, todo isto hai que contextualizalo no estado de abandono e destrución dos espléndidos murais de Urbano Lugrís nun antigo restaurante da Coruña, na lamentábel situación na que se atopa o Museo Carlos Maside en Sada ou mesmo no pouco publicitado que está na cidade coruñesa o Museo de Belas Artes. Temos algúns grandes pintores que serían a envexa de moitas cidades e vilas europeas, que con moita menor riqueza plástica saben valorar o que posúen e atraer visitantes de todo o mundo. Pero en Aix-en-Provence aprecian moito máis o humilde estudo de Paul Cézanne que nós todo o conxunto da obra de Luís Seoane. Así de triste.
Galiza é riquísima en pintores. Cada cidade galega podería ter unha grande ou pequena pinacoteca. Pensemos, por exemplo en Ferrol: Jenaro Pérez Villaamil, Sotomayor, Bello Piñeiro, Imeldo Corral, Camilo Díaz Baliño, Máximo Ramos, Segura Torrella… Sabíao ben o Alcalde Xaime Bello cando no seu mandato encargou a Nova Galicia Edicións a edición dun libro de gran formato e fermosamente ilustrado dedicado aos pintores ferroláns. Ou pensemos en Carlos Maside, Eugenio Granell, Xulio Maside e Aurichu Pereira en Santiago. A sensibilidade artística da súa Alcaldesa, Goretti Sanmartín Rei, estamos seguros que contribuirá a que Compostela sexa tamén para cantas persoas a visitan a cidade dos Masides e da arte galega contemporánea. Ou pensemos en María Antonia Dans, que acabamos de descubrir aínda recentemente en todo o seu esplendor nun magnífico e marabilloso libro da autoría de Rosario Sarmiento editado pola Deputación da Coruña.
Este país precisa urxentemente outra clase dirixente, culta, ilustrada, sen complexos para defender Galiza como unha nación no mundo. Debémosllo a Castelao, a Carlos Maside, a Luís Seoane, a Isaac Díaz Pardo, a Colmeiro e a tantas outras personalidades que só co seu talento, coa súa xenialidade e coas súas mans fixeron posíbel que a pintura galega sexa un dos tesouros máis valiosos que deu o pobo galego á Humanidade. Non contemplar marabillados toda esta obra artística e non facermos o necesario para poñela en valor e mostrala ao mundo con orgullo sería tan aberrante como tapar cun inmenso toldo a Torre de Hércules ou a Catedral de Santiago.
Ás veces penso que non merecemos o que outras xeracións fixeron con tanto esforzo e tanto amor pola continuidade da nosa existencia como país e por situar a Galiza na renovación das artes plásticas e noutro lugar na Historia. @mundiario
