Morreu D. Ramón Castromil

Ramón Castromil. / Xurxo Lobato
Ramón Castromil. / Xurxo Lobato

Foi presidente da histórica compañía de transporte de viaxeiros Castromil e pianista de éxito. Era fillo predilecto de Santiago.

Morreu D. Ramón Castromil

Sinto moito a morte de D. Ramón Castromil. Coñecino hai moitos anos, con ocasión das primeiras eleccións sindicais da democracia en 1978. Eu tiña daquela 25 anos. E coa ousadía propia da idade presenteime nas oficiñas de Castromil á saída de Santiago na carretera da Coruña, para comunicar oficialmente a convocatoria das eleccións sindicais na súa empresa, pois tiñamos forte presencia e influencia. 

Recibiume D. Ramón, a quen non fun quén de chamar Moncho nunca, como algúns o trataban, un home educado, culto, sensible, que deu tódalas facilidades. Gañamos e constituimos o comité de empresa, maioritariamente da CSUT. 

Desde algúns anos antes, cando aínda non se derrubara o edificio Castromil (1975) un atentado urbanístico que os picheleiros non esquecemos, ó seu carón, no Hórreo, había unha taberna famosa, A Estradense, na que coincidíamos tomando tazas ó mediodía, obreiros e patróns do transporte, sindicalistas, estudantes e conspiradores. Alí vin a D. Ramón convidar a algunha ronda pero non o trataba.

Logo das eleccións sindicais de 1978 coñecino mellor e seguín a súa traxectoria artística como pianista de éxito.

Cando en 2018 o chamei, como presidente da Comisión de Condecoracións do Concello, para comunicarlle a concesión do merecido recoñecemento como fillo predilecto da cidade, emocionouse moito. No acto de entrega, presidido polo alcalde Martiño Noriega, no que coincidía con D. José Otero e Cantigas e Agarimos, tivemos ocasión de lembrar aqueles tempos pasados e botar algunha risa.

Foi un pracer coñecelo, e debo valorar aquí a súa gran categoría humana e artística, tamén o seu compromiso galeguista. Cómo esquecer os seus autocares percorrendo as carreteras do país cos nomes de grandes personalidades da nosa cultura?

Grazas por tanto. Que a terra lle sexa leve. Cántos máis como él serían necesarios!

Descanse en paz, D. Ramón. @mundiario

Morreu D. Ramón Castromil