Leiceaga, un importante reforzo para a candidatura socialista de Bugallo en Santiago
O profesor e senador Xoaquín Fernández Leiceaga é xa un importante reforzo para a candidatura socialista de Xosé Sánchez Bugallo en Santiago. A figura deste colaborador de MUNDIARIO ven a apuntalar unha lista do PSdeG - PSOE que busca recuperarse nas enquisas. Trátase dunha persoa de prestixio que pode contribuir a que o PSdeG - PSOE non se veña abaixo en Compostela, cidade na que agora goberna en solitario e na que o BNG pode ser un socio necesario en maio.
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, explicou que desde comezos de ano o economista e portavoz socialista de economía no Senado, Xoaquín F. Leiceaga, está coordinando o programa electoral do PSdeG-PSOE en Compostela. “O meu obxectivo era que o conxunto da sociedade se puidera sentir identificado nunha candidatura que está pensada para un escenario incerto”, dixo o alcalde, que hoxe en rolda de prensa deu máis detalles da lista que o acompañará nas eleccións municipais do próximo 28 de maio.
Xoaquín Fernández Leiceaga é doutor en economía e profesor de economía aplicada na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Foi director do IDEGA, concelleiro en Noia e Santiago e deputado no Parlamento de Galicia. En 2016 tamén foi candidato do PSdeG - PSOE á presidencia da Xunta de Galicia. Agora é senador. Recibiu o Premio da Crítica Galega de Investigación en 1994. Entre os seus traballos destacan: Economía (política) da montaña galega, Capital estranxeiro e industrialización en Galicia, Fecundidade e actividade en Galicia, O impacto das multinacionais nas economías de acollida e Estrutura económica de Galiza. (con E. López Iglesias). Forma parte de Galicia Debate, partner da edición GALICIA deste xornal.
Na lista completa deo PSdeG en Santiago están Xosé Antonio Sánchez Bugallo, Mercedes Rosón Ferreiro, Xoaquín Fernández Leiceaga, Mª Milagros Castro Sánchez, Gumersindo Guinarte Cabada, Marta Abal Rodríguez (Independente), Gonzalo Muíños Sánchez, Marta Álvarez Vázquez, Antonio Bermúdez Vaamonde (Independente), Isabel Gómez Cambón (Independente), Aitor Bouza Manso, Begoña Rodríguez Rodríguez, Rafael Sexto Alende (Independente), Ana Carricoba Engroba, Antonio Llovo Guillán, Jimena Sierra Vázquez, Jesús Peón Otero, Silvia Iglesias González, Pablo Seoane Mallo, María Moure Ramos (Independente), Gabriel Rama Rodríguez, María Sesar Vázquez, Juan Suárez Quintanilla (Independente), Joaquín Buergo del Río y Pilar Cancela Rodríguez.
“Con enerxías renovadas e cun proxecto de cidade reforzado”, Sánchez Bugallo está convencido en que concorre ás eleccións a gañar: “eu preséntome para gañar as eleccións, non me presento para empatar, aspiro a ter 13 concelleiros, a maioría absoluta”. E asegura que a candidatura que deu a coñecer este xoves é “solvente e conta con perfís do asociacionismo, da cultura ou do deporte aspirando a ser representativa de toda a sociedade”. Son, explica, “persoas que sen ter unha militancia activa no PSOE asumen o compromiso de participar neste proxecto con vocación de servizo plena”.
O alcalde Bugallo recoñeceu ademais a dificultade de conformar unha candidatura porque “o nivel de compromiso que esixe é moi importante”: “hai 40 anos todo o mundo quería ocupar un posto de natureza política pero, hoxe, moitas persoas que se senten cómodas na súa actividade profesional evitan meterse en política por medo ás críticas e porque o compromiso que se require é moi elevado”. En todo caso, Sánchez Bugallo deixou claro que o “compromiso dos 25 é incuestionable e a nosa ambición é gañar e facelo con maioría”. @mundiario



