Galicia pode escoller entre multinacionais de fora e industrias do país

Sede de Plexus. / Mundiario
Sede da empresa galega Plexus. / Mundiario
Poderosas multinacionais de fora que viñeron a Galicia saciaronse e agora vanse. No país hai empresas innovadoras, de futuro, ás que compre axudar a seguir progresando.
Galicia pode escoller entre multinacionais de fora e industrias do país

Nos últimos anos déronse notables cambios nas industrias multinacionais que operan en Galicia, cambios que non se deberon a aumentos na carga fiscal, nin a controis da administración por ser grandes contaminantes, nin  por  cuestións laborais ou sindicais. Os cambios execútanse dende o  interior das empresas para adaptarse á novos criterios empresariais e a claros intereses económicos que buscan maiores beneficios, todo en consonancia cos mandatos políticos propostos dende Bruxelas, mandatos  aceptados de bo grado  porque serven aos grandes grupos transnacionais. Vexamos algúns cambios: peche en centrais térmicas de carbón  en Meirama e  próximo en As Pontes ; ERTE e futuro peche en Aluminio primario de San Ciprián; crise en electrointensivas  como en Alcoa Inespal de A Coruña, con novo empresario e nova denominación Alu Ibérica; crise en Ferroatlántica de Cee e  en Dumbría que hoxe ao cambiar de dono denominase Xeal -Xallas electricidade y aleaciones SA; problemas por diminución do traballo e da produción no sector do motor en PSA de Vigo; incerteza na celulosa  Ence de Pontevedra  e interrogante na Repsol de A Coruña...

As poderosas multinacionais Naturgy, Endesa, Alcoa, Ferroatlántica... todas con sede fora de Galiza, que desembarcaron hai 50 anos  recollen agora velas e buscan negocios que esperan sexan máis rendibles fora do noso territorio. Non viñan para quedarse senón para aproveitar situacións de privilexio con facilidades, subvencións, mao de obra, auga e electricidade baratas, e conquistaron o territorio apoiadas ou apadriñados polos gobernos amigos,  contaminaron  o que querían -o que non lles permitían noutras partes-, e hoxe saciados xa buscan novos caladoiros.

Mellor, industrias sostibles, do país

Quen ocupará o seu espazo? Desde logo deberían ser industrias sostibles, diversificadas, respectuosas co entorno sen contaminación e asentadas no territorio, industrias que pechen os ciclos produtivos e podían ter como punto de partida  a agricultura, gandeiria, forestal, pesca e  recursos mariños, mineiros.... industrias que prioricen a eficiencia e aforro enerxético,  consumo de auga e materias primas ... e sempre unha industria intensiva en postos de traballo para non ter que emigrar e que cotice no país  creando riqueza aquí, o que non fan as actuais multinacionais.  

Qué nos ofrece a Xunta? Nada que ver co anterior, apostan por un modelo que interesa de novo  as multinacionais que buscan negocios. Dende Galiza propoñen proxectos tractores que levarán case a mitade da inversión total que ofrece Europa  -proxectos da Xunta, seleccionados no Estado e determinados en Bruxelas ao ser cartos de Next Generation EU. Novedosos, modernos  e europeos din que son os proxectos relacionados co sector do  hidróxeno, biogás, viscosa, eólica, automación, vexamos algúns:

> Produción de hidróxeno verde. Ten como finalidade fabricar e utilizar o hidróxeno como combustible ou como almacén de enerxía eléctrica,  industria que interesa a Repsol, Iberdrola... e que demandaría gran cantidade de enerxía renovable. Iberdrola decidiu xa en marzo  instalar unha industria similar en Puertollano con maior produción que a proposta na Galiza.

> Produción de biogás. A Xunta  por mandato comunitario centrase nos residuos gandeiros para  producir  fertilizantes e biogás - combustible-, detrás do proxecto está a urxente necesidade de adaptarse as boas prácticas agrícolas que obrigan na PAC -Política Agraria Común-  si é que queremos seguir desfrutando  de subvencións. A industria dos residuos interesa especialmente a Naturgy.

> Produción de fibras téxtiles a partir de celulosa (viscosa). Proxecto que ten dobre intención, por un lado  interesa moito a celulosa Ence – a fabricación de viscosa está no Plan Estratéxico de  Ence 2019-2023 - e por outra parte serve para intensificar a política forestal, arrastra o proxecto  100-150.000 ha de plantacións novas de eucalipto e piñeiro, pois demandará 1,5 millóns de m3 de madeira/ano.

> Eólica. Non importa que a terceira parte da electricidade que se produce na Galiza se exporte e que no 2019 a enerxía eólica  represente “récord” co 47% da demanda galega, a Xunta pretende novos parques eólicos porque os demanda o Estado e as electricas. Electricidade para  exportar máis e para a produción de hidróxeno verde e  electrointensivas.  Na Galiza os parques eólicos pouco aportan (canon, impostos...) non chega ao 5% dos  beneficios que obteñen as eléctricas, esas que pechan aquí fabricas de palas  e compoñentes. Os parques eólicos sin industrias de arrastre detrás  interesan a Greenalia, Iberdrola, Naturgy , Endesa...

> Motor. Non podían faltar 1.300 millóns -o maior  proxecto en inversión- para apuntalar o sector automobilístico e beneficiar fundamentalmente a PSA... O proxecto centraríase na “propulsión limpa”, “innovación”, “desenvolvemento e validación do  vehículo do futuro”, “reforzo da competividade”...  Curioso, primeiro deixamos que as empresas aquí asentadas do sector do motor se vaian a establecer e dar riqueza ao norte de  Portugal – decenas de provedores directos de PSA  pasaron da área de Vigo ao país veciño-  e logo temos  que gastar  para reforzar a competividade e fortalecer a multinacionais.  

Temos posibilidades no noso? Centos de pequenas e medianas empresas galegas  dispersas no territorio podian ser as grandes beneficiadas é non as multinacionais.  Apoio necesario a industria de transformados e derivados cárnicos, lácteos, agrícolas, pesqueiros, mineiros, carpinteira e ebanistería do moble, artesanía (madeira), calzado, naval... Apuntalando e fortalecendo estes sectores e potenciando e creando innovación, teriamos sectores con arrastre  que devolverían actividade, postos de traballo e riqueza á cidades e vilas “latentes” que  volverían recuperar e potenciar o perdido como Ferrol, A Estrada, Sarria, Monforte... 

Si se quere máis modernidade  non deixemos pechar ou marchar a mediana e pequena industria galega, e a vez pensemos en sectores de nova creación como o de reciclado  de aluminio, reutilización e reciclado do vidro, fabricación de cartón e papel, produción de envases, transformación e reciclado de materia orgánica, segunda transformación da madeira, fabricación de compoñentes eólicos, aproveitamento de enerxía solar e as suas auxiliares, maremotriz.... Pensemos no país, potenciando e innovando no que temos propio, non en multinacionais de fora. @mundiario

Galicia pode escoller entre multinacionais de fora e industrias do país
Comentarios