FEGAMP: "Non ten sentido ter cada vez mais obrigas sen máis financiamento”
O presidente da FEGAMP reclamou unha negociación paralela co Goberno e comunidades autónomas para o financiamento dos concellos.
O financiamento municipal e o superávit nos concellos centraron a entrevista que esta mañá lle ofreceu ao programa Bos Días da TVG o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García.
Segundo García, o superávit orzamentario nos concellos “foi posible porque fomos moi prudentes e gastamos menos do que ingresamos, é unha moi boa noticia para todos”. Sobre o destino para eses cartos, o presidente da FEGAMP sinalou que “cada concello sabe a que ten que destinar os cartos, non pode haber unha norma xeral, os veciños de cada concello teñen que xestionar e ver o que precisan”.
Sobre as palabras da ministra de Política Territorial, Meritxell Batet, que afirmou que o Goberno central podería ceder competencias en igualdade e servizos sociais aos concellos, García sinalou que “non é un problema de competencias senón de recursos. Nunca estivemos en contra de asumir competencias, pero non ten sentido ter cada vez mais obrigas sen máis financiamento”. De feito, o presidente da FEGAMP reclamou unha negociación paralela co Goberno e comunidades autónomas para o financiamento dos concellos. García engadiu que “o repartimento de cartos ten que ser en igualdade de condicións”.
Durante a entrevista, o alcalde de Valdeorras tamén se referiu á loita contra os incendios e afirmou que “os concellos non temos os recursos materiais nin económicos para asumir a limpeza dos montes, diga quen o diga, é imposible”. Tamén salientou que el xa avisara de que o 31 de maio as franxas estarían sen limpar e que "os responsables son os donos das fincas". Por último, informou que ten prevista unha reunión co ministro de Fomento para tratar o tema da A-76 e do tren de mercadorías, “prioridades non só para os concellos como Monforte ou O Barco, senón para toda Galicia”. @galiciamundiari