Expertos do Foro apostan pola Intelixencia Artificial para a xeración de riqueza e competitividade

Expertos do Foro Económico de Galicia. / Mundiario
Expertos do Foro Económico de Galicia. / Mundiario
Suxiren a creación dun fondo para impulsar ás empresas deep tech e recomendan á Administración velar por unha IA ética e centrada nas persoas.
Expertos do Foro apostan pola Intelixencia Artificial para a xeración de riqueza e competitividade

O Foro Económico de Galicia considera determinante a implantación da Intelixencia Artificial nas empresas. De xeito xeral os estudos mostran que os efectos provocados pola IA son unha mellora na eficiencia dos procesos, a xeración de coñecemento, a transformación dos modelos de negocio e un incremento do rendemento operativo. Ademais, os expertos consideran que unha estratexia ambiciosa na implantación da IA podería  xerar claras vantaxes competitivas entre as comunidades autónomas e, polo tanto, un incremento da riqueza.

Esta mañá foron presentados dous informes elaborados por expertos do Foro Económico de Galicia sobre o papel da Intelixencia Artificial no tecido empresarial galego e ambos coinciden en que Galicia non pode deixar de apostar por las enormes posibilidades que ofrece la IA, pero tamén inciden ambos estudos na necesidade de formación como da mobilización de recursos económicos para o fomento das empresas deep tech.

O primeiro informe  titulado “Unha Estratexia en IA para a Empresa Galega”, foi elaborado por Senen Barro Ameneiro (USC), Luis Otero González (USC), Luis Pérez Freire (Gradiant), Oscar González Represas (ITG), Manuel Rodríguez Fernández (Deloitte) e Marcos R. Torres Carlos (USC) e realiza unha diagnose do estado e potencial da IA no tecido produtivo galego.

Os expertos constatan neste primeiro traballo que en sectores como a construción, a metalurxia e inmobiliario (algúns deles tractores da economía galega) aínda son dixitalmente menos avanzados e menos proclives a incorporar IA que outros sectores coma a industria, o turismo e o sector TIC. Entre os sectores galegos con sinais moi claros de aplicación da IA están o da industria, a  sanidade, a agricultura ou a enerxía.

O estudo  realizado de maneira más recente por María Bastida e Alberto Vaquero, profesores da USC e UVigo,  sobre o “Desenvolvemento da IA en Galicia”,  os autores fan unha diagnose do estado actual da IA no tecido empresarial galego, realizada tanto dende unha perspectiva cuantitativa coma cualitativa, incluíndo as opinións de membros do empresariado galego.

 A principal conclusión deste informe é que a IA está nunha fase incipiente na comunidade galega, pero as empresas manifestan unha intención de adquirir tecnoloxías intelixentes superior á media nacional. Paralelamente, Galicia avanza na incorporación de formación en IA con iniciativas no marco do Sistema Galego de Universidades, fundamental para mellorar o grao de coñecemento e dominio das tecnoloxías. Isto permite intuír que a IA en Galicia pode converterse nunha vantaxe competitiva a curto prazo, aínda que para elo convén avanzar no afrontamento de eivas coma o tamaño medio empresarial ou a especialización produtiva, que poden supor barreiras para o completo desenvolvemento da IA na comunidade galega.

En canto ás recomendacións,  ambos  informes coinciden en que se debe apostar pola mellora nas infraestruturas, a aposta pola formación combinada no plano formal e informal, e o reforzo das liñas de financiamento, incluíndo a posibilidade de creación dun fondo de investimento para as empresas deep tech, as empresas que desenvolvan estratéxicas específicas e que sirvan para que as pemes sexan organizacións áxiles e con  capacidade para reaccionar rapidamente ante os cambios do mercado e posuír unha cultura de innovación.

O Foro Económico de Galicia é unha plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade. Está integrada por profesores das tres universidades galegas, empresarios e directivos de referencia e xornalistas especializados en divulgación económica.  Un total de máis de 60 persoas referentes para a análise e confección de propostas para a economía galega. @mundiario

Comentarios