Enerxía eólica: o "cómo" é a clave

Molinos de viento en Galicia. / Mundiario
Muiños de vento en Galicia. / Mundiario
O acordo por o Desenvolvemento sostible do sector eólico en Galicia foi asinada por PSdeG - PSOE, Unións Agrarias, CC OO, UGT e Ventonoso: É un primeiro paso na sostenibilidade do desenvolvemento eólico que se nos ven encima.
Enerxía eólica: o "cómo" é a clave

Galicia, ao igual que o resto de Rexións da UE, por decisión firme da Comisión, do Parlamento e do Consello Europeo, está inmersa no proceso de reconversión do seu modelo enerxético, que ten que mudar dende a actual dependencia de combustibles fósiles, e de importación, a un outro masivamente electrificado (para incluir a electrificación do actual parque móbil) e baseado ben en enerxía nuclear, ou ben en renovables. Os obxectivos de descarbonización para a  loita contra o Cambio Climático, marcados pola Comisión para os anos 2030 e 2050 son moi claros aos efectos. E cada país, e cada Rexión da UE desenvolverá máis ou menos unha ou outra tecnoloxía renovable, en función daquelas capacidades naturais específicas que teña: enerxía solar nas rexións máis mediterráneas, eólica nas que teñan condicións de ventos constantes, caso de Galicia, hidráulica e biogás noutros casos.

Por elo, a cuestión en Galicia, se queremos descartar o desenvolvemento nuclear, non vai estar en enerxía eólica sí ou non, como algún parece dar a entender, senón enerxía eólica cómo, e onde para cumprir os obxectivos asignados que son obrigatorios a nivel de Estado membro.

Dentro dese contexto de inevitabilidade da reconversión enerxética, a nosa aposta é clara: no que atinxe ao cómo, enerxía eólica desenvolvida con criterios non só economicistas senón de integración social, e no tocante ao onde,  alí nos lugares nos que o territorio teña capacidade de acollela, cos mínimos impactos posibles.

Por elo asinamos esta proposta para un “Desenvolvemento sostible do sector eólico en Galicia.” Onde queremos sentar as bases que pensamos terán que cumprir as futuras normativas, e os futuros parques eólicos que se implanten en Galicia. Onde no “cómo”, hai que corrixir os erros e abusos que houbo ata o de agora, onde o rural e as súas xentes, viñan sendo un suxeito pasivo a quen se lles instalaba un parque baixo ao coacción da expropiación dos seus terreos polo seu valor rústico (nin sequera polo valor da potencialidade para xerar enerxía) en caso de non chegar a un acordo co promotor do parque.

Queremos que haxa un marco normativo que exixa negociación previa cos propietarios afectados e as comunidades, de xeito que non haxa declaración de Utilidade Pública dos proxectos eólicos, nin posibilidade de expropiar de non haber acordos previos asinados cos afectados que superen o 50% da superficie afectada. Queremos que non se autoricen parques nin instalación fotovoltaicas, nos solos agrarios de calidade en produción. E que haxa compensacións para os habitantes dos lugares e parroquias onde se instalan os parques, como descontos na factura eléctrica, apoio para despregar comunidades enerxéticas, ou outras medidas de contido social que se poidan pactar cos promotores eólicos. De xeito que haxa unha implicación coas comunidades onde se asentan os parques, e un compromiso en mellorar as condicións de vida. Sen importar que logo o parque pase a mans dun conglomerado empresarial chinés, árabe ou australiano, totalmente alleo onde irían a parar os beneficios, habería xa alomenos unhas compensacións sobre o terreo sobre iso que se da en chamar agora “Galicia valeirada” e que precisa feitos e medidas que melloren a calidade de vida e a súa competitividade, máis aló de poses, declaracións e xestos cara á galería.

Asemade, no acordo asinado, apoiamos as reivindicacións doutros axentes sociais, entre outras a necesidade de fixar industria eólica en Galicia, apoio aos acordos de PPA coas industrias electrointensivas, e para as empresas e industrias agroforestais do entorno dos parques, que melloren así a súa competitividade vía control de custes enerxéticos de produción.

Sabemos que poñer en marcha un marco como este, onde o desenvolvemento das renovables poida chegar a sumar, e non restar no rural, vai demandar importantes acordos a nivel de normativa estatal e autonómica, e compromisos coas empresas eólicas. E probablemente voltar a un modelo de adxudicación de potencia eólica baseado en concursos, con valoración de iniciativas de compensacións e investimentos e compromisos adicionais, e non as actuais poxas, onde só conta abaratar sobre o papel o kilowatio hora producido, que se acabará cobrando as máis das veces na práctica aos prezos estratosféricos que estamos a ver nos últimos meses. Pero é preciso empezar a dar pasos firmes para a sostenibilidade do desenvolvemento eólico que se nos ven encima. E este acordo é un primeiro paso. @mundiario

Comentarios