Dúas etapas luminosas da prensa galega
Francisco Pillado Rivadulla (A Coruña, 1918-1989) entrara no xornalismo de moi mozo como redactor-taquígrafo e corrector do semanario Hoja del Lunes da Coruña, do que logo sería tamén redactor-xefe. Posteriormente accedeu a La Voz de Galicia como corrector, que era a categoría máis baixa. Co paso do tempo asina como comentarista en primeira plana e en 1951 figura xa como redactor-xefe da Voz, baixo a dirección de Pedro de Llano, Bocelo. En 1963 será nomeado subdirector do importante diario coruñés e entre 1968 e 1977 ocupará o cargo director. Esa etapa entre o tardofranquismo e o inicio da Transición foi, sen dúbida, un dos períodos máis luminosos de La Voz de Galicia.
LA HOZ DE GALICIA
Pillado Rivadulla era un home culto, cunha grande sensibilidade musical e literaria, lector de Federico García Lorca, Juan Ramón Jiménez, Rafael Alberti, Pablo Neruda…, amigo de personalidades como Salvador de Madariaga, Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo, Domingo García-Sabell ou Rafael Dieste, e ideoloxicamente de ideas moi próximas ao PSP de Tierno Galván.
Naquel tempo tan difícil para unha información veraz, sempre coa lousa da represión e da censura enriba, Francisco Pillado exerceu o xornalismo con talento e valentía, e durante a súa dirección o periódico ábrese á lingua galega e incorpora como colaboradores a Tierno Galván, José Luis Aranguren, Salvador de Madariaga, Francisco Umbral, Alfonso Álvarez Gándara, Eduardo Blanco-Amor, Luís Seoane, Lorenzo Varela, Ramón Chao e Xosé Chao Rego, Manuel Espiña, Carlos Casares…
Neses anos eu pasei da nenez á adolescencia e aínda que na miña casa só entraba o periódico os domingos, lembro perfectamente o suplemento semanal Los domingos de “La Voz”, os artigos de Francisco Umbral, moito antes de que o puideramos ler en El País, algúns artigos de Salvador de Madariaga, artigos sobre María Casares, o relato da odisea de Antón Alonso Ríos, os artigos de Luís Álvarez Pousa e, sobre todo, a sección “A ledicia de ler” de Carlos Casares, que seguín semana a semana desde 1975, case desde o seu inicio.
Décadas despois tivemos o privilexio de gozar da amizade e do maxisterio do seu fillo Francisco Pillado Maior, unha das persoas máis intelixentes que eu coñecín, que todos os días nos descubría algo de Beethoven ou de don Ramón María del Valle-Inclán, e foi daquela cando souben o que de verdade significou para a prensa galega a etapa de Francisco Pillado Rivadulla e como fora a súa relación co franquismo e o seu cese como director de La Voz de Galicia. Estamos falando dunha época na que en Madrid se facía referencia ao periódico coruñés como “La Hoz de Galicia”.
REPRESIÓN E CENSURA
Pancho Pillado contounos moitas veces como foran os problemas de seu pai co réxime, e nomeadamente con Fraga Iribarne, entón ministro de Información e Turismo. O primeiro incidente fora a raíz dun artigo de Alfonso Álvarez Gándara titulado “La iglesia no habla la misma lengua que los gallegos”, galardonado co Premio “Fernández Latorre”, louvado ao día seguinte por Felipe Fernández Armesto, que formara parte do xurado. Iso foi motivo para que Fraga, que eses días se atopaba na Coruña, chamara ao seu despacho ao xerente do periódico, Santiago Rey Fernández-Latorre, e a Francisco Pillado, que nese momento era subdirector e estaba ao fronte do diario polas vacacións do director. Contaba Pancho que Fraga, indignado e ameazante, lles dixo que el non estaba disposto a que “nadie le perturbe los desayunos al caudillo!”. E non quedou aí a ameaza: Fraga abriu un expediente administrativo cunha multa de 50.000 pesetas a Francisco Pillado pola publicación da carta aberta de Augusto Assía “Sobre el idioma gallego”.
Hai que lembrar aquí que nese tempo María Victoria Fernández España e Felipe Fernández Armesto frecuentaban as tertulias da casa de Domingo García-Sabell, na Rosaleda, onde se reunía case todo o galeguismo e toda a intelectualidade galega que había no país. Victoria Armesto neses anos sesenta pronuncia conferencias en galego na Agrupación Cultural “O Facho” e na cidade de Barcelona, publica en Galaxia en 1969 o libro Galicia feudal e incluso o matrimonio ten unha estreita amizade con Manuel María e Saleta Goi. Para que nos fagamos unha idea do compromiso galeguista que tiñan durante o franquismo algunhas persoas que logo acabaron na dereita española e en combate diario co nacionalismo galego, como foi o caso de Augusto Assía.
A DESTITUCIÓN DE FRANCISCO PILLADO
Cando chegou a Transición, Fraga Iribarne consegue que María Victoria Fernández España -accionista do periódico que noutrora el mesmo ameazara con pechar- sexa a persoa que encabece a candidatura de Alianza Popular ao Congreso pola provincia da Coruña. Estamos en xuño de 1977, e Francisco Pillado vive dous enfrontamentos con Victoria Armesto e con Augusto Assía. A María Victoria Fernández España obrígaa a pasar por Administración e a pagar como publicidade política un artigo, a ela, que pertence nada menos que á familia propietaria de La Voz de Galicia. Lembremos que era neta do fundador do periódico, Juan Fernández Latorre. Ese é o primeiro incidente. Días despois, Santiago Carrillo dá o seu primeiro mitin en Galiza e Augusto Assía publica un artigo en La Voz de Galicia e en La Vanguardia chamándolle ladrón e asasino a Carrillo. Francisco Pillado recolle a contestación de Santiago Carrillo, pero non un novo artigo de Augusto Assía, e iso provoca un novo incidente e definitivamente a destitución de Pillado Rivadulla como director do diario, que é substituído por Juan Ramón Díaz.
EL IDEAL GALLEGO E XOSÉ ANTÓN GACIÑO
Outra etapa luminosa da prensa galega foi a de El Ideal Gallego desde os anos finais da ditadura até a Transición. Para min persoalmente, na miña mocidade, nos anos setenta, foi o periódico que eu máis devecía por ler todos os domingos. Antes de ser lector de libros en galego, xa accedéramos ao galego escrito a través das súas páxinas, dos seus artigos, da información política publicada en galego e, sobre todo, do magnífico suplemento “Arco da Vella”, que corría a cargo da Agrupación Cultural “O Facho”, no que, por certo, eu publiquei os meus primeiros artigos en El Ideal Gallego, que lle enviaba directamente a José-María Monterroso Devesa, que ás veces os incluía tamén no programa “Da Terra e dos Tempos” de Radio Nacional de España.
Naquel periódico que dirixía Rafael González (Sevilla, 1932- Majadahonda, 2013) publicouse un número extraordinario baixo o título de “Sempre en Galiza”, creo que en 1972, cuns versos de Salvador García-Bodaño na portada. Nese mesmo xornal apareceu un suplemento especial en 1975, antes de morrer Franco, dedicado á figura de Castelao, coincidindo co 25 cabodano do seu pasamento. E en Ideal Gallego lin tamén a mellor crónica que se podía escribir do enterro de don Ramón Otero Pedrayo, unha lectura que me impactou emocionalmente. Grazas a iso fun moi consciente aos meus 15 anos de que con Otero Pedrayo desaparecía unha figura excepcional da cultura galega. Nunca antes vivira eu a morte dun escritor galego con esa conciencia e esa emoción.
En El Ideal Gallego tiñamos igualmente as caricaturas de Siro e as viñetas de Xaquín Marín. E logo estaba a crónica política semanal de Xosé Antón Gaciño (Cádiz, 1945), que foi outro dos grandes xornalistas da prensa galega desa época, e con quen este país ten unha débeda impagábel. E xunto con Gaciño ou Luís Pita, traballaba na redacción de El Ideal Gallego outra xente moi moza, como Margarita Ledo Andión, militante da UPG, que un día ten que marchar precipitadamente para o exilio a Portugal, ou un rapaz de 15 anos que se chama Manuel Rivas, ao que, entre outros labores, lle encargan ir ás paradas dos coches de liña recoller as crónicas que viñan das comarcas, até que un día, coincidindo cunha estancia de Luís Seoane na Coruña, vai e proponlle ao redactor-xefe a idea de facerlle unha entrevista ao mesmísimo Luís Seoane. E aló foi. Estaba nacendo outro destacado xornalista. Todo iso antes de matricularse na Facultade de Ciencias da Información.
UNHA XUNTA DE CENTRO-ESQUERDA
EL Ideal Gallego –propiedade, lembremos, da editorial católica EDICA- mesmo publicou nas eleccións de xuño do 77 un cadro a dobre páxina con todas as opcións electorais que tiña a sociedade galega, coas candidaturas completas e co programa básico de todas as siglas políticas, desde a dereita á esquerda, algo impensábel na prensa actual. E tras aquelas primeiras eleccións xerais, realizou incluso unha enquisa entre os seus lectores para escoller unha futura Xunta de Galiza, da que resultou presidente o daquela principal dirixente do PSG, Xosé Manuel Beiras, acompañado naquel executivo galego doutras personalidades como Ramón Piñeiro, Ricardo Carvalho Calero, Valentín Paz Andrade, Celso Emilio Ferreiro ou Francisco Fernández del Riego. Está moi clara, pois, a influencia deste periódico na construción dunha conciencia galega entre as persoas máis fieis ás súas páxinas. Foi talvez o xornal máis comprometido co autogoberno.
Nada a ver co papel que naquel momento xogou un diario tan progresista para a esquerda española como El País, que chegou a negarlle a condición de nacionalidades a Euskadi, Galiza e Cataluña. “No existen en la Península Ibérica más que tres nacionalidades, a saber: España, Portugal y Andorra”, dicía o periódico madrileño nun editorial en setembro de 1976. E esa foi igualmente a liña discursiva de El País a respecto do Estatuto de Autonomía de Galicia.
Queremos pensar que o comportamento das empresas xornalísticas galegas fronte á postura hostil da prensa madrileña coa problemática nacional galega tivo máis a ver seguramente cunha adaptación aos novos tempos e coa valentía e o compromiso cívico de moitos xornalistas que cunha verdadeira e decidida vontade das propias empresas de contribuír ao autogoberno galego. Tampouco podemos ignorar que nese momento aínda non había a publicidade institucional que veu máis tarde e, xa que logo, os propios medios actuaban con outra independencia que anos despois quedou absolutamente condicionada polo poder político.
O DESCUBRIMENTO DA CULTURA GALEGA E DO PAÍS
Xa desde unha perspectiva estritamente máis persoal, eu estou convencido de que sen a lectura daqueles periódicos, da prensa galega daquel tempo, o meu proceso de galeguización non acontecería neses anos da nosa mocidade, nesa etapa tan temperá, anterior á nosa militancia política no nacionalismo galego. Eu, dese logo, débolles a eses dous periódicos unha parte fundamental da miña formación cultural e o meu primeiro descubrimento da cultura galega e do meu país.
Desde os quince anos recortei e arquivei en carpetas milleiros de noticias e de artigos e incluso páxinas enteiras, un fondo documental ao que recorría con frecuencia para reler ou consultar. Na nosa mente aínda permanecen hoxe titulares e imaxes daquela prensa en papel dos anos setenta, algo que hoxe non somos capaces de reter nin un só día coa lectura da prensa dixital, que nos ofrece a inmediatez e a multiplicación de lecturas en breves minutos, pero nunca a emoción que nós sentiamos diante daqueles artigos que podiamos ler e reler en La Voz e El Ideal dos anos finais do franquismo e de comezos da Transición e que tanto influiron na nosa visión sobre Galiza.
En novembro de 1976 chegaba aos quioscos a revista semanal Teima, en febreiro de 1977 saía a revista Encrucillada e o 4 de decembro dese mesmo ano reaparecía a cabeceira do semanario A Nosa Terra. Aí xa non había nada que recortar. Só gardar un número enriba doutro. Lembro como agardabamos con impaciencia cada novo número desas publicacións e con que ilusión abriamos as súas páxinas. Pero esa xa é outra historia. @mundiario