DE BOLINA

Do dereito a reparación como protección medioambiental

Vivimos expuestos a inadmisibles concentraciones de residuos.
Residuos. / RR SS

A contaminación producida polos residuos de produtos manufacturados está a causar graves danos medioambientais porque non existe a cultura de reutilizar eses refugallos, cando poderían volver ter unha vida útil.

Do dereito a reparación como protección medioambiental

Estes días produciuse mediante o Real Decreto lei 7/2021 unha modificación lexislativa que pasou desapercibida, pero que vai ter incidencia no día a día de empresarios e consumidores, de cada un de nós. Enmárcase no Pacto Verde Europeo -financiado por un terzo dos 1,8 billóns de euros de inversións do plan de recuperación Next Generation EU e nos orzamentos de sete anos da UE- que, entre outras finalidades, busca introducir a denominada “Economía Circular” como xeito de produción e consumo, coa idea de que se compartan, reutilicen, reparen, renoven e reciclen os materiais e mercadorías todas as veces que sexa posible, aumentando o seu ciclo de vida. Nese sentido a Comisión Europea aprobou en marzo de 2020 o denominado “Novo Plan de Acción para a Economía Circular”, quizá moi asustada porque non convén esquecer un dato esmagador: A Unión Europea produce máis de dous mil cincocentos millóns de toneladas de refugallos cada ano.  É ata difícil imaxinar o volume desa cifra. O obxectivo buscado por ese Novo Plan é o de que que se reduzan os residuos ao mínimo, facilitando que os materiais se manteñan na medida do posible dentro da economía ao poderen ser empregados varias veces.

Consumismo, usar e tirar e obsolescencia programada

Este enfoque pretende ir contra un dos principios mais salvaxes da produción comercial destes últimos trinta anos: o fomento dun consumismo ao alcance de todos para absorber a fabricación masiva de obxectos de usar e tirar  que está a causar universalmente por unha banda descomunais beneficios para o capital e, por outra, danos no medio ambiente. E para que ese modo de produción fose inacabable no mantemento do consumo, os fabricantes, axudados polo afán humano de sermos modernos ou de estar á moda, deron en producir bens de comercio coa denominada obsolescencia programada; é dicir: fabricar cun tempo de vida para que os obxectos comprados deixen de servir ou funcionar, nos desfagamos deles e volvamos comprar outros máis novos, máis actuais. Esa espiral de fabricación e consumo compulsivos produciu efectos extraordinariamente perniciosos: desde o esgotamento de materias primas, incrementos de consumo de enerxía e de emisións de CO2 ata a produción dun volume inaceptable de lixo. Por iso esa recente modificación lexislativa española, que incluso mellora normativas europeas, inicia un camiño na busca de reducir os efectos tan nocivos dese xeito de producir bens de consumo para empregar e guindar.

Novos prazos de garantías, servicios postventa e dereito a reparación 

O máis sobranceiro dela entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2022 e, a xeito de resumo, destacan varios aspectos que van ter incidencia directa acotío. Por un lado está a ampliación da chamada “falta de conformidade dos bens” -que o que se compra non vale para o que se di que sirve- aos servizos dixitais. Tamén a ampliación do prazo xeral de garantía, que pasa de dous a tres anos, tanto para compravendas de bens existentes como para os que aínda se teñan que producir e para os contratos de subministro de contidos ou servizos dixitais. A outra reforma está no prazo de dispoñibilidade de pezas de reposto para bens de consumo susceptibles de reparación que se establece en dez anos a contar desde a data na que deixe de fabricarse cada modelo -ata agora eran cinco anos-.  Esta norma define o que xa se está a denominar o “dereito á reparación”  como defensa  fronte a un consumismo exacerbado, pero sobre todo incardinado nunha concepción de protección do medio ambiente.  Vai polo bo camiño. Fainos falta. @mundiario

Do dereito a reparación como protección medioambiental
Comentarios