O Día das Letras Galegas é xa o Ano das Letras Galegas, festa grande da cultura

Este ano está dedicado a Francisco Fernández del Riego, un loitador cultural incansable que chegou a se converter nunha auténtica institución do país.
Francisco Fernández del Riego. / RAG
Francisco Fernández del Riego. / RAG

Este 17 de maio, a Real Academia Galega dedicaralle o Día das Letras Galegas 2023 a Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010). A data cadra coa celebración do sesenta aniversario do primeiro Día das Letras Galegas, do que Fernández del Riego foi inspirador, e os cento dez anos do seu nacemento. O Día das Letras Galegas é xa o Ano das Letras Galegas, festa grande da cultura, que se celebra dentro e fóra do país, alí onde Galicia existe como tal, nas comunidades galegas de todo o mundo, e nos sectores máis diversos: no ámbito institucional, educativo, político, asociativo, festivo, empresarial…, argumenta Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega.

Membro da nova xeración de intelectuais que lle deron continuidade ao ideario do Grupo Nós, Francisco Fernández del Riego foi un loitador cultural incansable que chegou a se converter nunha auténtica institución do país, respectado por todos e aberto ás diversas manifestacións do galeguismo. Foi tamén unha das figuras centrais do galeguismo progresista e clave da resistencia no exilio interior durante o franquismo, cunha traxectoria polifacética e prolífica que abrangueu dende a política, a creación e crítica literaria á edición. A comezos dos anos 50 foi un dos fundadores da Editorial Galaxia, empresa que desempeñou un papel central na resistencia cultural de Galicia durante o franquismo, e na última etapa da vida presidiu a Real Academia Galega (1997-2001). 

O Día das Letras Galegas permite cada ano viaxar a un capítulo da memoria colectiva a través da persoa á que se lle dedica a celebración. "Nesta ocasión a significación é dupla. Por unha banda, a personalidade e a obra de Francisco Fernández del Riego, unha das grandes figuras da resistencia e a revitalización cultural do galeguismo despois da guerra civil, cofundador da editorial Galaxia e doutras moitas iniciativas a prol da recuperación da lingua e a identidade de Galicia: editor, publicista, antólogo, memorialista, ensaísta, viaxeiro, narrador de ficcións, autor dunha inxente correspondencia coas personalidades máis sobranceiras da cultura galega do seu tempo, político cando puido selo, editorialista, orador brillante, crítico literario, xestor de empresas culturais… Unha vida dedicada enteiramente ao seu país. Corazón e pulmón", sostén o presidente da Academia.

Francisco Fernández del Riego ingresou como membro de número da RAG no ano 1960. Tres anos despois, a institución dedicáballe a Rosalía de Castro, no centenario de Cantares Gallegos, o primeiro Día das Letras Galegas, unha proposta que, co apoio das sinaturas dos académicos Ferro Couselo e Gómez Román, presentara ao pleno aquel novo académico cheo de arelas renovadoras, que contaba xa cunha sólida historia de compromiso coa lingua e a cultura galegas e a modernidade. Demostrárao con claridade dende os seus anos de estudante en Santiago de Compostela durante a II República. Con só 20 anos, os seus compañeiros elixírano para pronunciar o discurso de representación do alumnado na inauguración oficial do curso 1933-1934, no que demandaba unha universidade foco de modernización e galeguización da sociedade.

A cabalo da cultura e da política

Fóra das aulas, Francisco Fernández del Riego fora membro do Partido Galeguista, secretario xeral da Federación de Mocidades Galeguista e, posteriormente, parte do Seminario de Estudos Galegos. Na etapa compostelá comezou tamén a escribir nos xornais como articulista, redactou manifestos, pronunciou discursos e conferencias, participou na constitución de Galeuzca e integrouse dende o primeiro momento na comisión encargada de redactar o proxecto do Estatuto de Galicia. A súa actividade foi tal que Ramón Piñeiro chegou a cualificar a súa voz como “unha das manifestacións máis vibrantes do pensamento galeguista daqueles anos” .

Xunto con Ramón Piñeiro, Fernández del Riego fundou en 1963 a revista Grial, que codirixiu ata 1988, animou as emisións en lingua galega da BBC de Londres entre 1947 e 1956, foi a ponte necesaria entre os máis vellos (xeracións Nós) e os máis novos (Brais Pinto), entre o exilio interior e os exiliados de América sobre todo (Luís Seoane, Rodolfo Prada, Silvio Santiago, Florencio Delgado Gurriarán)…  

Este ano 2023 ofrece a oportunidade de visitar feitos moi significativos da cultura e da historia do galeguismo do século XX, con proxeccións cara ao século XXI. "Haberá que organizar e sistematizar con xeito a información dunha figura tan rica e tan lonxeva (97 anos), pensando sobre todo nas novas xeracións", alerta Víctor F. Freixanes. Entre as moitas iniciativas que marcaron un novo tempo da man de Fernández del Riego, sobrancea de xeito especial a invención do Día das Letras Galegas. "A isto nos referiamos –explica o presidente da Real Academia Galega– cando falabamos dunha dupla significación. Utilizo o termo 'invención' na súa significación etimolóxica: inventio, descubrimento… O 17 de maio de 1963, xunto con outros dous académicos que asinaron a proposta, Fernández del Riego presentou a idea de celebrar anualmente un día dedicado á nosa lingua e á nosa literatura". 

Daquela –1963– cumpríanse cen anos da primeira edición de Cantares Gallegos, o primeiro libro en galego de Rosalía de Castro, título auroral do Rexurdimento. A proposta foi adiante, van sesenta anos dende entón, mais o que inicialmente era unha celebración académica, con algúns poucos actos de carácter simbólico, hoxe é un acontecemento social e cultural "de primeira magnitude", segundo Freixanes.

A correspondencia de Paco del Riego con Cunqueiro e Carvalho Calero. / Mundiario
A correspondencia de Paco del Riego con Cunqueiro e Carvalho Calero. / Mundiario

Represaliado polos golpistas

Coma moitos outros compañeiros, Francisco Fernández del Riego sería represaliado polos golpistas. Foi destituído como profesor de Dereito Civil da USC e tivo que abandonar Santiago de Compostela e instalarse en Vigo, onde era menos coñecido, e sobrevivir dando clases particulares. Despois dos anos máis escuros da posguerra, nos que mesmo tivo que ocultar o seu verdadeiro nome para gañar a vida, comezou de novo a escribir co pseudónimo de Salvador Lorenzana no xornal compostelán La Noche. Dende esta cabeceira, xunto a Ramón Otero Pedrayo, conseguiu que os temas sobre Galicia e a súa cultura acadasen cada vez unha maior presenza e proxección, atraendo canda eles plumas ata daquela caladas coma as de Florentino López Cuevillas, Valentín Paz Andrade, Vicente Risco, Ricardo Carballo Calero, Álvaro Cunqueiro e os irmáns Álvarez Blázquez.

Pero tan salientable ou máis foi o seu labor de ponte entre a Galicia do interior e a do alén mar. A súa correspondencia con Luís Seoane mostra como o seu talante aberto e dialogante, xunto coa súa autoridade intelectual e inquebrantable entusiasmo, conseguiron manter vivo un fío de entendemento entre eses dous xeitos de vivir a galeguidade. En América foi onde publicou tamén o seu primeiro libro, Cos ollos do noso esprito (Buenos Aires, 1949).

Na década dos 50 do século pasado participou moi activamente nos diferentes proxectos que procuraban a recuperación do proceso cultural de Galicia, nomeadamente na creación da Editorial Galaxia, da que foi secretario do consello de administración e máis tarde director xerente, e dende a que animou a novos escritores a crearen en galego. Foi tamén cofundador da revista Grial (1951) e da Fundación Penzol (1964), da que acabou sendo director ata o seu pasamento.

Cando os grupos nacionalistas e resistentes antifranquistas máis novos comezaron a manifestar o seu rexeitamento ás posicións do galeguismo histórico, Fernández del Riego foi, unha vez máis, o elo que tentou manter canles de diálogo e achegamento.

O seu nomeamento en 1997 como presidente da Real Academia Galega significou un cambio radical nas actividades desta institución, que se reactivaron significativamente e, sobre todo, se axeitaron aos novos tempos que estaban a vivir Galicia e o mundo.

Imaxes e obras de Francisco Fernández del Riego. / Mundiario
Imaxes e obras de Francisco Fernández del Riego. / Mundiario

Unha inmensa obra

A obra escrita de Francisco Fernández del Riego, que tocou case todos os xéneros, foi inmensa, comezando polas súas colaboracións en practicamente todos os xornais de Galicia e nas revistas máis representativas do interior e da diáspora. Posiblemente o seu número, aínda sen catalogar, supere o milleiro de artigos.

Participou en numerosos libros, propios ou colectivos, nos que acotío asinaba cos pseudónimos Salvador Lorenzana, Cosme Barreiros, Adrián Solovio ou Adrián Soutelo. No eido do ensaio, case sempre sobre a produción literaria galega, asinou, entre outros títulos, Galicia no espello (Buenos Aires, 1954), Historia de la literatura Gallega (Vigo, 1951), Escolma de poesía galega. Os contemporáneos (Vigo, 1955), Escolma de poesía galega. O século XIX (Vigo, 1957), Letras do noso tempo (Vigo, 1974), Diccionario de escritores galegos (Sada, 1990) ou Sinais dunha cultura (Pontevedra, 2003).

A literatura de viaxes é outro xénero que cultivou en volumes como As peregrinacións xacobeas (A Coruña, 1983), A pegada das viaxes (Vigo, 2000), Portugal norteño (Vigo, 2000), a serie Vigo, Pontevedra, Ourense e A Coruña, sentimental (Vigo, 2001-2003) e Lourenzá (2004). Escribiu, así mesmo, monografías sobre diversos autores da cultura galega, como A xeración Galaxia (Vigo, 1996), O señor da Casa Grande de Cima de Vila (Ourense, 1988), Antolín Faraldo, o gran soñador (Vigo, 1998), Con Pondal en Bergantiños (Sada, 2001) ou O Padre Sarmiento e Galicia (Vigo, 2002), e a novela O cego de Pumardedón (Vigo, 1992). Cun carácter autobiográfico, cómpre nomear O río do tempo. Unha historia vivida (Sada, 1990) e Camiño andado: memorias (Vigo, 2003).

A súa traxectoria foi recoñecida en vida con numerosas distincións, entre elas o nomeamento de doutor honoris causa da Universidade de Vigo, o Premio Trasalba, ou a Medalla Castelao. @mundiario

Comentarios