Descarbonización no transporte marítimo

Terminal de contenedores en el muelle Príncipe de España del puerto de Barcelona. / Mundiario
Terminal de contenedores no muelle Príncipe de España do porto de Barcelona.
A principios do 2019 a flota mundial comprendía 96.295 buques e era responsable do 90% do comercio mundial. Na UE, segundo a Comisión Europea, transpórtase por mar o 75% do comercio exterior comunitario, o 36% dos fluxos  comerciais dentro de Europa  e permite o desprazamento de  máis de 400 millóns de pasaxeiros cada ano.
Descarbonización no transporte marítimo

O transporte marítimo desempeña un papel fundamental na economía, pero a vez representa preto do 3% das emisións globais de carbono, contaminación que chega en Europa ao 3,7% segundo a Axencia Europea de Medio Ambiente. Na Unión Europea as emisións de dióxido de carbono procedentes do transporte marítimo aumentaron un 48% entre 1990 e 2008, no 2015 significaba un 13% do total das emisións do sector  transporte. A navieira MSC (Mediterránea Shipping Company), segunda empresa navieira do mundo portacontedores,  está entre as empresas máis contaminantes da UE, ocupa o sétimo lugar no ranking de emisores de carbono, por riba de centrais térmicas de Alemaña ou Polonia, grandes contaminantes. España é o segundo país europeo, tras Holanda, en emisións do transporte de mercancías marítimo.

O “Informe sobre Transporte Marítimo 2019 “ das Nacións Unidas  afirma que o comercio marítimo mundial ten un volume que supera os 11.000 millóns de toneladas, e as importacións marítimas de China representaban en torno a cuarta parte do comercio marítimo mundial. A análise de tendencias dinos que as emisións  van en aumento e que tamén van en aumento os buques gaseiros grazas a expansión do sector de gas natural licuado e  a flota de portacontenedores, mentres se estabilizan en número os quimiqueiros e graneleiros e  con tendencia a baixa están  os petroleiros.

Medidas contra a contaminación

Até agora as medidas da OMI (Organización Marítima Internacional)  para diminuír a contaminación  foron consideradas tímidas para o Parlamento Europeo, e por eso a finais do 2020 o  Parlamento  comprometeuse a incluír aos buques no mercado dos Dereitos de Emisión, para poder regular adecuadamente o seu impacto ambiental, e obrigalos ao pago polas altas emisións  - igual que as industrias- , ao mesmo tempo crearían un  fondo, “Fondo do Océano”,  que inverterá en novas tecnoloxías para mellorar a eficiencia dos buques. 

 En xogo están  os Acordos de París, a descarbonización e a sostenibilidade ambiental,  necesitando polo tanto apurar normas e medidas encamiñadas a reducir as emisións de gases contaminantes no transporte marítimo, en particular para compostos de xofre (S) e dióxido de carbono (CO2) principal gas de efecto invernadoiro. Moitos buques están mirando ao  Gas Natural Licuado  (GNL) como alternativa ao combustible tradicional diésel, o gas natural está considerado por moitos como o futuro combustible mariño ate o extremo que hoxe xa o 24% da carteira de pedidos global de novos buques son de GNL. Os barcos que navegan hoxe e utilizan diésel, si queren utilizar gas precisan realizar adaptacións tecnolóxicas nos motores  e nos tanques de combustible.  

A utilización do GNL, representa melloras económicas -aforro- e melloras ambientais importantes, xa que permite notables reducións na emisión de gases de efecto invernadoiro (diminúe 20-21% o CO2), e tamén reduce entre 80-90% as emisións dos compostos de nitróxeno e aínda máis 85-100% no caso das partículas e compostos de xofre. Aparte do GNL, cada vez máis utilizado, están probando outros combustibles por exemplo gases licuados de petróleo (GLP), mesmo  algunha navieira  (BW LPG  de Singapur) utiliza tecnoloxías pioneiras a base de GLP, en barcos que poden utilizar o seu combustible tradicional e este gas GLP. 

- Contido de xofre

Aparte do cambio de combustible, temos normas e medidas adoptadas para diminuír a contaminación, que xa están en vigor a partir do 1 de xaneiro do 2020, así o límite mundial do contido de xofre  (S) do combustible dos buques reduciuse ao 0,50% cando antes era do 3,5%. Coñecido este límite obrigatorio como “OMI 2020” xa permite diminuir  bastante as emisións de compostos de xofre e partículas daniñas para a saúde (que ocasionan enfermidades respiratorias, cardíacas, ictus...)  e  prexudican o medio ambiente. Certas zonas concretas do planeta (zonas de control de emisións ECA) teñen límites máis restrinxidos  (Mar do Norte, Báltico,  zonas de Estados Unidos e do Caribe, e en xeral nos buques fondeados e atracados en portos de todo o mundo), aquí obrigan a utilizar un combustible co 0,10% de contido en xofre, e si os buques non cumprisen  estas normas poden esperar unha multa de 120.000 euros. Outra medida destacada para controlar as emisións de xofre e partículas é  a obrigación de instalar depuradores de gases de escape nos buques, pero hoxe menos do 2% dos buques a están cumprindo, indo por diante en especial os graneleiros que a cumpren nun 47% con datos de finais do 2020.

- Gases invernadoiro

Con relación aos gases de efecto invernadoiro (GEI), o tráfico marítimo mundial xa sobrepasou no 2018 a emisión de mil millóns de toneladas, e a estratexia inicial da OMI, Organización Marítima Internacional, persigue reducir  as emisións de dióxido de carbono  en ao menos un 40% (en promedio) de aquí ao 2030 comparado cos niveis do 2008 e a redución absoluta seria do 50% no 2050.

Pero atopámonos con que os Organismos Internacionais non parecen tan concretos nin marcan obxectivos - tanto en barcos de nova construción como en barcos en navegación- nunha serie de medidas  tecnolóxicas que servirían moito para resolver o problema, por exemplo a mellora da eficiencia do deseño de buques;  utilización de materiais de construción máis lixeiros;  melloras na propulsión, nos motores e sistemas auxiliares; proas de bulbo; melloras na eficiencia enerxética xeral... Tampouco cuantifican porcentaxes para o uso de fontes de enerxía ou combustibles alternativos sin emisión de carbono  como:  baterías ou electricidade como medio de propulsión, pilas de combustible de hidróxeno ou de amoníaco, hidroxeno como combustible, gasóleo e metano sintético, e como non propulsión eólica... Este último será tema dun novo artigo en MUNDIARIO. @mundiario

Comentarios