A derradeira páxina da sentenza do caso Diana Quer aínda está por escreber

Diana Quer. / Twitter.
Diana Quer. / Twitter.
O xurado popular ven de declarar culpábel ao Abuín Gey dos delictos de detención ilegal, asasinato e agresión sexual indeterminada a Diana Quer.
A derradeira páxina da sentenza do caso Diana Quer aínda está por escreber

Malia que o artigo 140 do Código Penal determina a imposición da pena da prisión permanente revisábel para delictos de asasinato simultáneos ou inmediatamente posteriores a calquera delicto contra a liberdade sexual, a introdución no veredicto de Abuín Gey dunha circunstancia atenuante prantexa lexítimas dúbidas a respecto dunha pena sospeitosa de inconstitucionalidade.

O xurado popular ven de declarar culpábel ao Abuín Gey dos delictos de detención ilegal, asasinato e agresión sexual indeterminada a Diana Quer. Ao tempo, considera non probada a violación e admite a confesión polo reo da morte causada e a súa colaboración coa policía relevante, mais non absolutamente determinante, para achar o corpo da vítima.

Ao abeiro deste veredicto o Maxistrado-Presidente só podería condenar á prisión permanente revisábel (PPR), pois que o artigo 140 CP dispón a aplicación automática desta pena cando o reo por asasinato cometese sobre a vítima con anterioridade un delicto contra a liberdade sexual. Non se require que sexa violación (=acceso  vía vaxinal, anal ou bucal) . Pode ser calquera outra agresión ou  abuso.

Así e todo, a  defensa do reo  poderá explorar futuras vías de apelación perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, por mor de eventuais feblezas do veredicto, nomeadamente na determinación acreditada deses actos de contido sexual non acreditados.

O xurado popular recoñece a base de feito precisa para considerar presente na conduta do Abuín Gey unha atenuante de confesión relevante, mais non determinante. Poderá, pois, cualificarse como atenuante, quer simple, quer moi cualificada. Se o Presidente coida que esa relevancia cualifica nomeadamente esa atenuante poderá rebaixar a pena de PPR á inferior en grao (de 20 a 30 anos, máis ben entre 20 e 25 diante da ausencia doutras agravantes).

Mais se o Maxistrado-Presidente considera que a atenuante é simple non poderá evitar a condena á PPR. Mais si poderá suspender a sentenza cuestionándolle ao Tribunal Constitucional-TC- (como pode e debe facer todo xuiz que considere que unha lei directamente aplicábel a un caso é de dubidosa constitucionalidade) se é compatíbel neste caso cos principios constitucionais de legalidade, humanidade, proporcionalidade, determinación, rehabilitación e reinserción das penas unha sentenza que non poida moderar en nada unha pena de PPR malia existir unha circunstancia atenuante baseada nunha  confesión-colaboración relevante.  Nese caso o TC habería acumular esta cuestión da Audiencia compostelà co recurso de inconstitucionalidade de 2015 do PSOE, CiU, PNV e BNG.

Xa que logo, o aparente automatismo que determinaría  imposición da PPR non é tal. A derradeira páxina  da sentenza aínda está por escreber, sen prexuizo do que no futuro dirán o TSXG en apelación,  o TS en casación ou o TC en amparo. @mundiario

Comentarios