David Bruzos: “A escisión de En Marea só sería posible se non se producen as eleccións”

David Bruzos, candidato a liderar a  En Marea. / CRTVG
David Bruzos, candidato a liderar a En Marea. / CRTVG

Sinalou que se atoparon cunha “situación de sorpresa”, xa que “un órgano interno suspende as eleccións por suposta fraude e a día de hoxe non temos información ningunha de que existise”.

David Bruzos: “A escisión de En Marea só sería posible se non se producen as eleccións”

David Bruzos, candidato a liderar a  En Marea, estivo no Bos Días da Televisión de Galicia. Na entrevista falou da cancelación das eleccións primarias do seu partido e explicou as diferenzas da súa candidatura coa do coordinador, Luís Villares.

En primeiro lugar, con respecto á cancelación das eleccións a En Marea, sinalou que se atoparon cunha “situación de sorpresa”, xa que “un órgano interno suspende as eleccións por suposta fraude e a día de hoxe non temos información ningunha de que existise”. Así mesmo, Bruzos afirmou que quen paralizou as votacións foi a comisión de garantías, “un órgano en funcións que é parte interesada, porque tamén se vai renovar”. Sobre este tema manifestou que “temos que pedirlle a Luís Villares e á coordinadora actual as explicacións necesarias” e salientou que ten que haber un órgano que arbitre o proceso.

Bruzos manifestou que “non vai haber escisión de En Marea, rotundamente non, só sería posible se non se producen as eleccións”. Canto as datas para realizalas, manifestou que “non falamos de prazos concretos pero teñen que ser canto antes, en canto cheguen os datos das auditorías”.

Con respecto á súa candidatura, manifestou que estaría baseada na integración, na diversidade e na igualdade, e afirmou que “precisamos a todo o mundo”. Así mesmo, recoñeceu que contan cos apoios das “cidades rebeldes”. Ao preguntarlle polas diferenzas coa candidatura de Luís Villares, Bruzos salientou que se é o próximo coordinador non fará declaracións poñendo en dúbida a militancia da xente do seu partido e non atacará  alcaldes por non ter a mesma liña política. Arredor da súa candidatura, Entre todas, tamén manifestou que é a que representa a pluralidade e que só se centra na coordinación para os próximos dous anos, “ninguén está a pensar na candidatura para a Xunta de Galicia”. @GaliciaMundiari

David Bruzos: “A escisión de En Marea só sería posible se non se producen as eleccións”
Comentarios