Compostela camiña cara ao centenario do Seminario de Estudos Galegos
Esta semana cúmprese o nonaxésimo noveno aniversario do nacemento do Seminario de Estudos Galegos, unha institución que foi vítima da ditadura e sobre a que é preciso traballar desde as diferentes administracións para que 2023 sexa o ano da restauración da súa memoria, do seu nome e do seu legado.
O Seminario selou a súa irmandade 12 de outubro de 1923 tras un roteiro que levou os seus membros desde Compostela até Ortoño, á casa da familia paterna de Rosalía. O 23 do mesmo mes asínase a acta fundacional na casa do profesor Armando Cotarelo Valledor en Santiago de Compostela. Estaba formado por persoas das xeracións que, de non ser polo golpe militar, transformarían de maneira definitiva este país e nos seus obxectivos conflúen os desexos de poñer en valor todos os aspectos da cultura galega que estaban ausentes dos estudos universitarios. Entre os seus promotores estiveron Losada Diéguez e un grupo de estudantes de Dereito (Lois Tobío, Filgueira Valverde, Ramón Martínez López, Magariños Negreira, Fermín Bouza Brey ou Romero Cerdeiriña).
Ao grupo inicial grupo irá sumándose toda a intelectualidade galega: membros das Irmandades da Fala, o Grupo Nós, o arcebispo Manuel Lago González, o arquiveiro da cidade compostelá, Pablo Pérez Constanti, Xesús Carro ou o matemático e astrónomo Ramón María Aller Ulloa. Foron membros tamén da institución Ricardo Carvalho Calero e Isidro Parga Pondal. Cando Cotarelo Valledor se trasladou a Madrid pasou a exercer de presidente Salvador Cabeza de León.
No ano 2023, pois, terá lugar unha das efemérides máis importantes para a cultura galega despois da conmemoración dos centenarios das Irmandades da Fala en 2016 e da publicación da Revista Nós en 2020.
As Irmandades da Fala conseguiron facer da lingua galega o sinal de identidade do país, potenciando infraestruturas que aseguraron a saída do mundo do privado e o seu emprego na vida pública desde a fundación de Coros Populares, editoriais, compañías de teatro amadoras até a súa defensa pública en actos que percorreron o país. A revista Nós supuxo a renovación estética e literaria, a universalización da cultura galega desde a súa propia realidade e a demostración de que a nosa lingua era válida para calquera ámbito de uso. A Fundación do Seminario de Estudos Galegos significa un pulo máis na tarefa de dignificación da Galiza, a promoción da investigación sobre o país desde todas as disciplinas académicas e científicas. Mais tamén implica un importante avance nos proxectos iniciados con anterioridade, de tal maneira que é neste momento cando se consolida o ensaio en galego e cando se demostran as posibilidades de facer ciencia na nosa lingua e desde a nosa realidade.
O Seminario de Estudos Galegos estruturouse en diferentes seccións relacionadas coas disciplinas científicas do momento: Filoloxía, Historia, Arte e Letras, Prehistoria, Xeografía, Etnografía, Ciencias Aplicadas, Pedagoxía, Historia da arte, Ciencias naturais, Historia da Literatura, Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas.
Vinculado desde o inicio con Santiago de Compostela tivo un lugar propio no Colexio Maior San Clemente e reuniu unha biblioteca e un pequeno museo relacionado coas súas investigacións etnográficas e arqueolóxicas. A partir de 1927 o editor Ánxel Casal, futuro alcalde da cidade, fíxose cargo da publicación interdisciplinar Arquivos do Seminario de Estudos Galegos; a esta revista habería que sumar outras publicacións fundamentais no ámbito da investigación xeográfica, histórica e da arquitectura popular, tres estudos que abren camiños na investigación en galego, A edade de ferro na Galiza de F. Cuevillas, Síntesis xeográfica de Galicia de Otero Pedrayo e As cruces de pedra na Bretaña de Castelao.
Hai cen anos a cidade de Santiago de Compostela, sede do SEG, era tamén a capital científica dunha Galiza con futuro, representada nesa xeración de profesorado, universitarios e universitarias que iniciaron novas liñas de investigación sobre o país e desde o país, que se conectaron co mundo e que lle abriron as portas a investigadores e investigadoras que chegaron de fóra como a romanista alemá Margot Sponer, autora da primeira tese sobre documentos do galego antigo. Hai cen anos en Santiago de Compostela alentaba un espírito democrático que soñaba e traballaba para un mundo mellor e que non podía imaxinar a ruptura que significaría 1936.
Este centenario debe servir, pois, para popularizar o seu papel, difundir o legado das persoas que o conformaron e restaurar o seu nome e memoria. Tamén debe contribuír a visibilizar as investigadoras que formaron parte do Seminario de Estudos Galegos, pioneiras na ciencia na Galiza, como Dolores Lorenzo Salgado, Amparo Aranga Fernández, Encarnación Fraga Padín, Luísa Cuesta (primeira profesora universitaria na Universidade de Compostela), Josefa Iglesias Vilarelle, María Corredoyra, Sara Leirós ou Pura Lorenzana.
Con esa intención, o BNG de Santiago presentou unha iniciativa no pleno do pasado mes de setembro que foi aprobada por unanimidade das forzas políticas da corporación.
Oxalá as administracións e institucións deste país non fagan unha celebración ritual e aposten porque a mocidade deste país, nomeadamente o estudantado universitario galego, coñeza unha parte da historia que habitualmente lles é furtada. Dese coñecemento estamos seguras de que nacerá tamén o amor pola nosa lingua e o impulso para que teña un maior peso nos ámbitos científicos e en toda a vida universitaria, única maneira de logo repercutir positivamente nun uso máis grande en numerosas profesións e ámbitos laborais. A Universidade de Santiago de Compostela é herdeira do bo facer do Seminario de Estudos Galegos nun tempo en que se impulsou a ciencia en galego, como cómpre recoñecer no seu centenario en 2023 para que a mocidade investigadora tome o seu relevo e use a nosa lingua nos proxectos que fan avanzar o coñecemento. @mundiario