Carta a Ánxel Casal no 86 aniversario do seu asasinato

Ánxel Casal. / RR SS
Ánxel Casal. / RR SS
Sei ben o moito que amaches Santiago, a cidade de que fuches alcalde e onde aínda non tes un monumento na túa honra.
Carta a Ánxel Casal no 86 aniversario do seu asasinato

Prezado Ánxel: Ti, que traballaches arreo pola nosa Terra e que a levaches sempre no corazón, fixeches máis por Galiza que toda a túa xeración, dixo Castelao, ese home que está a agardar que a estación intermodal de Santiago leve o seu nome e que foi quen nos ensinou que a fronteira entre a vida e a morte é moi difusa e, por tanto, que hai moitas maneiras de facer chegar mensaxes ao alén. Por iso é que decido hoxe enviarche esta carta, escrita nun 14 de agosto, a data do asasinato do teu amigo e valedor, Camilo Díaz Baliño, quen pintou o teu derradeiro retrato na Falcona.

Sei ben o moito que amaches Santiago, a cidade de que fuches alcalde e onde aínda non tes un monumento na túa honra. Tiñas tantas ideas na cabeza para transformala! Converter o Gran Hospital de Santiago, o actual Hostal dos Reis Católicos, na sede do Museo Nacional Galego, en plena Praza do Obradoiro, para que as persoas que fixesen o camiño rematasen coñecéndonos de verdade, sabendo que veñen a un pobo orixinal, diferenciado, cunha lingua e cultura de seu. Menos mal que aínda temos o Museo do Pobo Galego, o noso verdadeiro Museo Nacional!

E quixeches tamén mudar ese Ensanche caótico e desordenado por unha cidade máis humana e vangardista. Canto fica por facer para que Compostela recupere a vitalidade doutrora e que nos pertenza de verdade, para que decidamos sobre ela as persoas que aquí vivimos e/ou traballamos. Propuxeches recuperar nomes respectuosos coa nosa tradición e lingua. E apoiar o audiovisual en galego, algo tan necesario daquela e sobre o que sei que aínda estamos en débeda.

Mais non era só esta túa arela de mudar Santiago por ser a cidade en que te instalaches e continuaches o teu proxecto editorial, senón por ela representar todo o país. A Universidade, ese espazo de encontro, ese lugar onde xermolou o Seminario de Estudos Galegos, toda unha institución a punto de cumprir os seus 100 anos e a quen debemos o desenvolvemento da prosa en galego. Dedicaches parte da túa vida –ti, que non eras mestre nin pedagogo, mais eras un político de acción– ao proxecto das Escolas de Ensiño Galego. Alí recibiron clases Xenaro Marinhas del Valle, Manola Somoza ou Pedro Galán Calvete, o teu benquerido alumno vilmente asasinado un mes despois ca ti, cando só tiña 19 anos.

Potencia creadora

Compostela ten o orgullo de ser unha potencia creadora porque nela aniña unha parte moi relevante do mundo da cultura. E da historia. O Banquete de Conxo. Tantos anos da vida da túa benquerida Rosalía, cuxo monumento rehabilitaches tras sufrir diferentes actos vandálicos. E a ela e a López Ferreiro querías dedicar os actos de celebración do ano santo de 1937, nada que ver coa feira de mercaderes e o parque temático sen identidade en que queren converter Santiago nesta altura.

E estas rúas foron o escenario onde se desenvolveu a derradeira batalla dos mártires de Carral, dese momento soñado por Antolín Faraldo, quen descobre que a Galiza só lle estaba reservado un secundario papel de colonia da Corte e que cumpría rebelarse contra o noso fado. A reivindicación da liberdade, dos dereitos colectivos, da verdadeira democracia, en que as persoas –tamén as mulleres– sexan cidadás e non servas. Faraldo é outro persoeiro de vida fugaz e con pouco recoñecemento, de cuxo nacemento se cumpren nuns días –o vindeiro 2 de setembro– 200 anos. El é tamén coresponsábel da existencia das Irmandades da Fala e, se me apurades, dese primeiro Estatuto de Autonomía que ti e María, entre outras persoas, entregastes en Madrid co anceio de que se desenvolvesen as ansias de liberdade do pobo galego.

Podería escribirche cando comezamos como BNG de Santiago a desenvolver un acto na túa memoria no mes de agosto, unha vez que desde o goberno local non se fai nada ao respecto. Ou cando promovemos como BNG que desde a Deputación da Coruña un retrato teu e outro de López Bouza presidisen un pleno con familiares das vítimas da cruel represión do 36. Foi o acto máis emotivo que vivín neses catro anos!

Mais decidín agardar a ver se a cita se consolidaba e vexo que si, que aquí seguimos a trasladar con orgullo todo canto simbolizas para nós. Ti e María, a túa querida María, que tivo que refacer a súa vida levando só unha maleta cunhas cantas pertenzas e recordos e da que case nada soubemos. Ela, que tanto fixo polo noso país, polo daquela incipiente nacionalismo galego e pola edición de libros na nosa lingua, é tamén en parte causante de que me decidise a escribirche.

Non sei se soubeches que en febreiro se inaugurou en Cornes unha estatua no seu nome. Non me parece mal que se represente cunha agulla e un dedal coa bandeira galega. A profesión de costureira é dunha gran dignidade e tradición no noso país e eu, filla de costureira, gardo na casa a máquina da miña nai para honrar a súa memoria. Mais son moitas as noticias e estudos que nos lembran que non foi ese o seu principal traballo a prol da causa galeguista. Ela foi unha das mentes máis preclaras da nosa amada Galiza. Antes de a ti tratares xa frecuentaba os núcleos republicanos da cidade da Coruña na compaña de Elvira Bao ou Amparo López Jean. Foi militante das Irmandades da Fala e estivo na súa Xunta directiva. Por iso é que xulgo que igual che sabe a pouco ese recoñecemento e quizais quixeras que algún día a túa María estivese de corpo enteiro, na rúa do Vilar por exemplo –nese espazo hoxe estraño por estar ateigado de tendas de souvenirs e desaparecer as librarías que configuraron a súa fasquía durante décadas–, para que todo o mundo coñecese o seu rostro e que a súa figura puidese transmitir a súa determinación. Eu imaxínoa coa súa maleta, fuxindo da súa terra cando ningún mal fixera para así poder lembrar o seu sufrimento despois de abandonar a Galiza por que traballou arreo.

Xeración perdida

Quixen tamén dirixirme a ti para que soubeses que foi a iniciativa do BNG –sen ningunha dúbida legatario dos ideais das Irmandades e do Partido Galeguista– que se constituíu unha Comisión de Memoria Histórica no noso concello. O seu impulso non é o que debera con este goberno local, a pesar das promesas e das numerosas propostas que están enriba da mesa. Tardaron case dous anos en convocala e aínda foi o mes pasado cando botou a andar. Por iso quero comprometerme a que o ano próximo nos xuntaremos á beira dunha estatua na túa honra e oxalá que o fagamos cun goberno nacionalista, seguidor dos teus ideais. Xa é hora de que o nacionalismo goberne este país e tamén o concello que é a súa capital.

Tócanos agora, tócalle tamén a Compostela, pórlle o ramo aos tempos que, sen dúbida, son chegados. Ti pertences a esa xeración perdida, como tamén o foi María, a pesar de vivir até 1964. Mais quero que saibas que o teu exemplo e compromiso son parte substancial para nos dar azos, para nunca decaer e conseguir unha Galiza dona de si.

Despídome, pois, afirmando que seguiremos traballando a prol da causa do infindo amor á nosa Terra. E que o faremos co corazón en Compostela.

Recibe unha fonda aperta, Goretti Sanmartín Rei. @mundiario

Comentarios