Bugallo, Rueda e Feijóo: amizades perigosas ou de como o falar non ten cancelas

Pazo de Raxoi, sede do Concello de Santiago e da Xunta de Galicia.
Chega a cita de Alfonso Rueda con Ana Pontón, unha muller ilusionada que acredita no país e posúe as capacidades precisas para collerlle o pulso e iniciar un novo tempo.

Este luns, 6 de xuño, producirase a primeira entrevista oficial entre o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a líder da oposición, Ana Pontón, unha xuntanza que, infelizmente, xulgamos que poucos resultados positivos terá. Ora ben, menos interese vemos na próxima reunión entre Alfonso Rueda e Xosé Sánchez Bugallo dada a submisión do alcalde de Santiago ao PP na Xunta e o seu nulo interese en trasladar as propostas do conxunto de forzas que integran a corporación e de ter en conta as alternativas que a propia veciñanza demanda.

A xuntanza entre o presidente da Xunta e a líder da oposición tiña que ser normal, habitual, e non un acontecemento extraordinario. De ser así, daría moito menos que falar nos medios de comunicación e entraría na lóxica do diálogo e do debate permanente. Mais a verdade é que sabemos que o PP nunca contou coa oposición nin coa condición do BNG de líder. E é por iso que pouco podemos esperar da entrevista que manterán nesta segunda feira do 6 de xuño, Alfonso Rueda e Ana Pontón. O representante dun proxecto esgotado e sen ideas, que leva anos dándolle as costas a Galiza, terá en fronte unha muller ilusionada que acredita no país e posúe as capacidades precisas para collerlle o pulso e iniciar un novo tempo. Precisamos unha nova Galiza. Con altura de miras. Con ambición. Con orgullo. 

Ninguén pensa que o actual presidente da Xunta vaia mudar a súa aposta e reverter o proceso de privatización da Sanidade, que admita pórse de inmediato a traballar por un novo modelo cun sistema de xestión pública das residencias, que mercase xa o billete para ir a Madrid co paquete de transferencias pendentes debaixo do brazo e que, ao mesmo tempo, demande do Goberno do Estado unha tarifa eléctrica galega que compense as consecuencias de sermos un país produtor de enerxía. Por suposto, ninguén cun mínimo de sensatez pode albiscar a máis mínima intención de fomentar a nosa lingua e promover o seu uso fóra dos rituais xa estabelecidos (que, por outra parte, foron resultado da loita dos sectores máis comprometidos co idioma).

Mais o encontro entre Ana Pontón e Alfonso Rueda ten o seu interese. Coñecer as propostas globais para mellorar as condicións de vida do pobo galego, das súas maiorías sociais. Saber en que están pensando o presidente da Xunta e a líder da oposición, a alternativa ao PP. Estou certa de que haberá unha síntese da xuntanza de que cada galega/o poderá deducir con clareza as posicións dun e doutra, as súas prioridades, as propostas de solución da portavoz nacional do BNG ou a aposta polo continuísmo rutineiro de quen leva máis dunha década instalado na autocompracencia. Coñeceremos dúas propostas, dous xeitos de entender o país, dúas maneiras de enfrontar o futuro.

Os gastos da capitalidade

O que xa dubido máis é de que conclusións tiraremos do encontro entre Rueda e Bugallo, o presidente da Xunta e o alcalde do concello a quen Feijóo negou a cantidade que lle correspondía polos gastos da capitalidade (cifrados en, como mínimo, 5,5 millóns de euros, fronte aos 2,3 que recibe actualmente). Bugallo demostrou nestes tres anos da súa volta á alcaldía unha submisión cega ao PP na Xunta de Galiza. Tanto é así que votou en contra dunha proposta do BNG para incrementar a achega á capitalidade. Iso si, nese seu malabarismo de prestixiditador afeito a que onde digo “digo” digo “Diego”, logo gábase de que o PSOE presentou a proposta de incremento no Parlamento, onde el persoalmente non ten que se mollar.  

O alcalde de Compostela non reclamou nas diferentes xuntanzas con Feijóo que houbese unha partida específica para saneamento e abastecemento do rural e dos barrios do noso concello, en situación ben peor respecto aos servizos públicos que moitos dos concellos da contorna, como aínda onte lle botou en cara a veciñanza de Mallou nunha xuntanza en que esta tamén rexeitou o seu proxecto de plataforma loxística. E non por se opor á infraestrutura, senón polo lugar elixido e o procedemento utilizado para escoller a localización, con ocultación e aleivosía.

Tampouco se esforzou Bugallo que houbese un compromiso do goberno do PP na Xunta co novo edificio para a Escola Oficial de Idiomas, a ampliación do Conservatorio de Música nin a aposta polo de Danza, mesmo que unha ex concelleira súa –hoxe deputada– se manifestase ao seu favor e entendese a demanda.

Pazo de Raxoi. / Mundiario

E, por se todo isto fose pouco, aí está o nulo resultado para construír un centro de día nas Fontiñas, após unha moción do BNG aprobada no pleno de novembro de 2019 cos votos a favor do propio BNG, de CA e do PSOE. Naquel momento aínda o PSOE local non optara por se abster en toda canta iniciativa presentaramos desde a oposición e entenderan –quizais por non ser a súa responsabilidade directa– que era de xustiza cun barrio avellentado con numerosas carencias onde a Xunta xa non ía facer a residencia prometida. Desde aquela nada sabemos do aprobado nin existiu a máis mínima referencia a esta demanda nas numerosas notas de prensa do grupo de goberno. O resultado desa negociación foi nula porque non estivo nas súas prioridades.  

Na reunión Rueda e Bugallo falarán de cifras de turismo, que é o único que parecen querer contabilizar e iso vai en detrimento das necesidades da propia veciñanza. Mais ese turismo masivo marchará sen coñecer a historia da Galiza e a diversidade patrimonial e cultural de Santiago, porque tanto á Xunta como ao PSOE local lles importa máis a cantidade de persoas que cheguen que a calidade da experiencia que reciban.

Cumplir con Compostela

Non haberá dúas propostas enriba da mesa porque o alcalde de Santiago renunciou hai tempo a lle reclamar solucións ao PP, tampouco respecto da necesidade de ter aparcamento suficiente na contorna do Hospital. Bugallo practica o conformismo co PP e desculpa a negativa sistemática da Xunta a cumprir con Compostela no que a investimentos se refire. 

Que podemos agardar, pois, da xuntanza entre Bugallo e Rueda? Ben pouco, a verdade. Sobre todo porque o alcalde non tivo agora, nin nas ocasións anteriores, ningunha intención de asistir cunha proposta de concello, que tivese o visto e prace de todas as forzas que conformamos a corporación. O seu é un goberno en minoría que non vela polo conxunto da veciñanza. E iso que oxalá me equivoque e defenda os intereses da poboación compostelá, a comezar pola reivindicación polo centro de día para as Fontiñas. Mais é difícil abstraerse de que Rueda é o cabaleiro fiel de Feijóo, e que o alcalde da capital de Compostela é tan tan tan amigo do ex presidente da Xunta que na rolda en que valorou a súa marcha desexou que fose el quen estivese á fronte do PP cando o PSOE deixase o goberno do Estado. E fíxoo case anunciando que iso era o que ía acontecer porque se trataba de aplicar a lóxica lei da alternancia bipartidista. Évos ben verdade que o falar non ten cancelas. @mundiario