A conta atrás para o cambio galego

Ana Pontón. / Mundiario
Ana Pontón. / Mundiario
Comezou a conta atrás para o cambio político na Galiza, algo que hoxe é moito máis evidente. Ana Pontón representa a Galiza con capacidade e confianza.
A conta atrás para o cambio galego

Rematamos unha semana de grandes actos solemnes e moita pompa mais onde para o PP non mudou nada. As mesmas políticas. Os mesmos nomes. Semellantes descualificacións. Moita soberbia. Porén, xa nada será o mesmo nunha Galiza que comezou a súa particular conta atrás da man de Ana Pontón e o BNG. Iníciase, desde xa, o cambio galego.

Alfonso Rueda acaba de empaquetar hoxe o agasallo político que tardou semanas en preparar para o conxunto do pobo galego. Hoxe, si, domingo, 15 de maio, o día en que coñecemos as persoas que van formar parte do seu goberno. E, como el mesmo preanunciou, nada de sorpresas. Todo pura continuidade. Máis do mesmo.

Rueda dálle carpetazo a calquera posíbel ilusión dunha mudanza, por moi mínima que fose. As mesmas persoas, as mesmas políticas. Se quixésemos agarrarnos a algunha pequena diferenza respecto do que xa tiñamos, o único que constatamos é algún paso atrás. 7 homes e 5 mulleres: presidencia, vicepresidencia primeira e vicepresidencia segunda para homes. Temas menores. Xa Ayuso dixo que a única “regla” que lle importaba era e de tres. E coido que non é o único aspecto (agora que estamos no mes das “letras”) en que concordan Ayuso e Rueda, este último tamén con interese por manifestar o seu fervor monárquico e a subordinación galega.

Este presidente substituto chega despois de que o actual rematara o seu periplo de procura do momento para saltar á política estatal. Após demasiado tempo de interinaxe e coa cabeza en Madrid, Feijóo dálle as costas ao goberno da Xunta para dirixir o seu partido despois dun esperpéntico espectáculo de corrupción. Falamos, nin máis nin menos, que do enriquecemento con cartos públicos pola compra de material sanitario en plena pandemia! Mais neste desmemoriado mundo, este asunto parece non ter importancia.

A sociedade galega asistiu o pasado xoves a un debate sobre dous proxectos de país

Comezou a conta atrás para o cambio político na Galiza, algo que hoxe é moito máis evidente. Porque acabamos de coñecer un nomeamento sen ningún propósito de emenda e, por tanto, supercompracente coas desfeitas do goberno Feijóo: privatizacións dos servizos públicos, falta de apoio á creatividade galega, aposta pola eucaliptización e a destrución do territorio, espolio eólico, 0 transferencias para o país, ataques á igualdade, planificación da redución de uso da nosa lingua cos ollos postos na súa eliminación, e un longo etcétera que padecemos día a día.

A sociedade galega asistiu o pasado xoves a un debate sobre dous proxectos de país. Foi un debate do futuro contra o pasado. Constatamos as diferenzas entre un proxecto, con ideas e solvencia para poñer a Galiza en marcha e unha política esgotada, sen altura de miras, sen obxectivos nin ambición, cun proceso que non ilusiona nin aos seus.

Ana Pontón representa a Galiza con capacidade e confianza. O BNG é unha forza que acredita no seu país e na súa xente, que aposta por apoiar quen traballa cada día para sacar adiante o seu negocio, o seu comercio, a súa pequena empresa, que defende que un goberno ten que coidar e atender a quen sente como a vida empeora. O Bloque Nacionalista Galego é unha forza que confía en quen ten talento e boas ideas, para que poida facelas realidade, unha forza que quere un país vivo e sustentábel, unha forza innovadora, ecoloxista, moderna, feminista, orgullosa da identidade e da capacidade do seu país.

Certeza de que Rueda non suporá ningunha mudanza

A Galiza de Ana Pontón é unha Galiza que fai valer, que defende os seus intereses e que vai poñer en marcha todo o seu potencial, os seus recursos e a súa capacidade. E tamén é a Galiza do amor polo noso país e polas súas xentes, a Galiza de quen olla de fronte os problemas para solucionalos, de quen sitúa no centro das políticas o mellor que temos: as persoas.

Non é que eu reciba con desinterese a proposta de goberno do novo (?) presidente da Xunta. Non é que eu non ache nada positivo nas súas mensaxes. É que o conxunto de habitantes desta nación  teñen a absoluta certeza de que Rueda non suporá ningunha mudanza. Nada novo baixo o ceo.

E por iso, neste mes das nosas letras cun presidente accidental que hai tempo que lle deu as costas ao galego –lembramos perfectamente a súa presenza a se manifestar contra o noso idioma–, comeza a conta atrás para o cambio galego. @mundiario

A conta atrás para o cambio galego
Comentarios