Antón Costas e o papel dos economistas na sociedade
O profesor Antón Costas pronunciou un discurso de ingreso construído a partir dun conxunto de reflexións sobre os mercados, os gobernos e a política, que resultaron moi esclarecedoras para entender a realidade económica e social que vivimos e á vez inspiradoras de posibles liñas de actuación para blindar as democracias liberais fronte ás ameazas que poden acabar comprometendo a súa viabilidade como tales.
Entre as ideas que vertebraron a súa intervención fágome eco de dúas: o papel que lle corresponde á economía como ciencia social e ós economistas como expertos. No primeiro caso, o profesor Costas insiste na idea do valor da ciencia económica como ferramenta útil e efectiva para mellorar a sociedade, ofrecendo solucións concretas a problemas reais. No segundo, subliña o novo papel dos economistas que, nos tempos que corren, non deben limitarse exclusivamente ó asesoramento dos políticos na toma de decisións, senón que o recomendable é que o reorienten o foco cara a sociedade para influír nas súas preferencias e, en definitiva, sobre nas súas prioridades.
Esta reorientación resulta especialmente pertinente nunha época na que a política económica se enfronta a unha realidade marcada pola existencia de conflitos entre obxectivos desexables, pero ata certo punto incompatibles. Este “trade off” entre obxectivos complica enormemente a toma de decisións, sobre todo polo dolorosas que poden resultar algunhas das renuncias inherentes aos procesos de elección. As medidas de transición cara unha economía descarbonizada e os seus efectos sobre a actividade económica ou a redistribución da renda e a riqueza son exemplos ben ilustrativos do tipo de disxuntivas ás que deben facer fronte os gobernos. Precisamente é aquí onde se requiren grandes doses de pedagoxía para que as políticas que se estimen máis oportunas conten cun un amplo apoio social, sen o cal están abocadas ao fracaso.
Tamén é neste contexto onde emerxe unha idea forza a que Antón apela ultimamente con bastante frecuencia: a necesidade de construír novo contrato social que permita abordar os retos aos que se enfrontan. En particular, este novo contrato social debería servir para establecer as guías que permitan superar o medo, a inseguridade, a frustración e o resentimento que están a abrollar en amplas capas da sociedade. Dar pasos nesta dirección desactivaría estas fontes de malestar e, conseguintemente, reduciría o risco de que as democracias liberais entren en derivas totalitarias.
Reminiscencias kantianas: ¿cabe o optimismo da razón?
O presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio, no discurso de peche do acto evocou a figura do economista e xurista galego do século XIX Manuel Colmeiro, trazando algúns paralelismos entre as súas peripecias vital e profesional e as do novo académico. A min, persoalmente, agora que se compren tres centos anos do seu nacemento, o que me ven á mente son algunhas vertentes do pensamento de Kant. Explícome.
Hai un aspecto do pensamento de Antón que na miña opinión non se resalta suficientemente e que ten un indubidable valor. Refírome a que, mesmo nos momentos máis críticos e convulsos, con máis incerteza, Antón sempre fuxiu do fatalismo e do catastrofismo, irradiando un razoable optimismo, que nos remite a ese optimismo metodolóxico que caracterizaba ao filósofo prusiano e que se baseaba na esperanza moral de que o perfeccionamento das persoas e da sociedade poden transformar o futuro.
Ademais, en grande medida, as preguntas que se formulaba Kant no ámbito da filosofía, ¿que podo saber?, ¿que podo facer? e ¿que debo esperar?, son as mesmas ás que trata de darlles resposta Antón no eido da economía, co engadido de que ambos afrontan a súa tarefa intelectual cuestionando os dogmas imperantes na súas respectivas épocas. As coincidencias tamén se estenden ó método para abordar a resposta este tipo de cuestións. A Kant atribúeselle a frase de que os conceptos sen percepción empírica están baleiros e a percepción empírica sen conceptos está cega. En liña con esta visión, Antón no seu discurso lembrounos que para ser un bo economista necesítase cando menos saber Teoría Económica, Estatística e Historia. De feito, a falla dalgún destes alicerces está na orixe de moitos diagnósticos erróneos ou incompletos e da adopción de políticas desacertadas.
Prescricións para tempos difíciles
Nos seus últimos libros, nalgúns casos escritos a dúas mans co profesor Xosé Carlos Arias, recomendou a pausa e a reflexión sobre o futuro como antídotos fronte ao desconcerto que padecen as sociedades en etapas de incerteza (El fin del desconcierto), sinalou as oportunidades que poden orientar ás economías capitalistas no labirinto no que se atopan á hora de buscar unha saída que conduza a unha prosperidade inclusiva (Laberinto de prosperidad), alertounos sobre como o cambio de pel do capitalismo pode agudizar as contradicións entre a lóxica dos mercados e a da política democrática (La nueva piel del capitalismo) e tamén fixo un chamamento á necesidade de recuperar a arte da política económica para superar as crises (La torre de la arrogancia). Precisamente, a alusión no seu discurso a esta última cuestión resultou especialmente acaída nunha data na que se celebrada o día mundial da arte.
Como integrantes dunha audiencia na que había unha nutrida representación da academia, da política e da sociedade civil en xeral, tivemos ocasión de ser testemuñas dun exemplo do papel que teoricamente lle corresponde a un auténtico intelectual, figura esta que, en palabras de Keynes, ten a obriga moral que dicir a verdade fronte as “mentiras necesarias dos políticos en activo”.
En suma, o ingreso do profesor Antón Costas na RAGC, máis alá da acreditación do mérito persoal, supón un recoñecemento por parte da institución da importancia do papel da economía de dos economistas na transformación e mellora das sociedades. @mundiario