Ana Pontón abandeira un novo proxecto de país liderado polo BNG no Día da Patria Galega

Ana Pontón. / Xurxo Lobato

O secretario xeral do PSdeG - PSOE reiterou no Día Nacional de Galicia a súa oferta a PP e BNG para sentarse a dialogar e reformar o Estatuto de Autonomía.

Varios milleiros de persoas desfilaron polas rúas de Santiago de Compostela este 25 de xullo con motivo do Día da Patria Galega, no que Ana Pontón abandeirou un novo proxecto de país liderado polo BNG. A manifestación convocada polos nacionalistas baixo o lema 'Gañarmos o futuro' partiu pasadas ás 12 horas da Alameda con berros de "Galiza ceibe, poder popular". O BNG "ten o seu proxecto para pór os galegos e as galegas por diante dos intereses das empresas eléctricas e da banca".

A manifestación da formación frontista volveu contar coas delegacións internacionais convidadas. Nesta ocasión, estiveron Joana Mortagua (Bloco de Esquerdas), e as deputadas no Congreso Marta Rosique (ERC) e Mertxe Aizpurua (EH Bildu). Ana Pontón encara este 25 de xullo sendo o último antes dun ano electoral no que a formación nacionalista deberá medir as forzas tras converterse no Parlamento galego en segunda forza política en xullo de 2020, ao superar ao PSdeG - PSOE en votos e escanos.

A líder do BNG desexou ás galegas e galegos un "feliz día, sintan como sintan a galeguidade". "Evidentemente, Galiza é unha nación, temos dereito a avanzar en igualdade a outras nacións do mundo, a traballar desde aquí por un mundo mellor e Galiza é un gran país que queremos construír entre todos", proclamou a voceira nacional do BNG.

Nunha entrevista en Nos, Ana Pontón xa explicara que é o Día da Patria Galega: "É un día de celebración, celebrar que somos unha nación, e tamén de reivindicación, reivindicar que a cidadanía galega ten que ter nas mans o seu futuro. Por iso chamamos a participar a todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón e que queren unha saída xusta, social e galega a esta crise. Hai alternativas, nós cremos que baixo ningunha circunstancia podemos permitir que esta crise a paguen os de sempre. Esta crise non pode significar máis empobrecemento e máis centralismo."

Día da Patria Galega na Quintana. / Xurxo Lobato

Ana Pontón apela a non permitir os "erros do pasado" e insiste en pór en marcha "un proxecto para as traballadoras e traballadores, para as pequenas e medianas empresas, para as persoas que traballan no mar e no campo...". Tamén aposta nunha "alternativa social para este país" e nun futuro no que sexa chave a mocidade, que "xa pasou dúas crises".

O Día da Patria Galega 2022, segundo Ana Pontón, "é especial, porque está marcado pola maior crise de prezos dos últimos 40 anos, e sabemos que hai unha maioría de galegos e galegas e que están a pasalo mal".

Referiuse tamém aos incendios que afectaron o interior da Galiza na última semana. Así, amosou "toda a nosa solidariedade" ás persoas que perderon a súa vivenda, aquelas que tiveron que saír das súas casas e a quen traballan na loita contra os fogos. Pontón abandeira a necesidade de "pór en marcha un cambio para recuperar o medio rural, para recuperar o monte".

Outros actos do Día Nacional de Galicia

O secretario xeral do PSdeG - PSOE, Valentín González Formoso, expresou no Día Nacional de Galicia a súa oferta a PP e BNG para sentar a dialogar e reformar o Estatuto de Autonomía.

"Galiza necesita máis ferramentas para poder xerar maiores oportunidades de futuro para o seu pobo", proclamou Formoso, no marco da tradicional ofrenda floral ante a estatua de Castelao en Rianxo (A Coruña).

Noutras marchas estiveron, por un lado, as asembleas abertas independentistas e, por outro, Agora Galiza-Unidade Popular, Causa Galiza e o Partido Comunista pola República Galega baixo o lema "Independencia e socialismo". @mundiario