"Toca postularnos como alternativa na Coruña fronte a un goberno local sin proxecto", di Jorquera

Francisco Jorquera. / BNG
Francisco Jorquera. / BNG
“A Coruña é unha cidade que ten enormes potencialidades, mais creo que existe a percepción xeral de que a cidade está a perder impulso”, alerta o líder do BNG.
"Toca postularnos como alternativa na Coruña fronte a un goberno local sin proxecto", di Jorquera

O presente da Coruña, as potencialidades da cidade, o balance de xestión do goberno local, os orzamentos do Concello para 2022, o BNG como alternativa e a vivencia persoal en María Pita son as cuestións que aborda Francisco Jorquera durante “Un café con...”, na canle de Youtube do BNG da Coruña.

“A Coruña é unha cidade que ten enormes potencialidades, mais creo que existe a percepción xeral de que a cidade está a perder impulso”, di Francisco Jorquera. “Está a perder impulso no económico, estamos a perder a nosa industria, apostouse por unha hiperinflación de centros comerciais e a consecuencia é que hoxe moitos deses espazos son cascas sen contido e as rúas da nosa cidade están cheas de baixos baleiros”, refire o voceiro nacionalista.

E, como corolario, estase a producir un moi preocupante incremento das desigualdades sociais: “Hai barrios que están a sofrer un proceso de crecente degradación e hai problemas estruturais que non se acaban de resolver: o acceso á vivenda, a planificación da cidade a escala metropolitana...”.

“A miña sensación é que A Coruña é unha cidade que parece que leva anos funcionando por inercia, sen unha dirección que lle proporcione un horizonte claro cara ao que avanzar”, esténdese Francisco Jorquera.

"Temos un goberno municipal cada vez máis ensimesmado, froito das súas liortas internas"

Para o BNG, o problema é que o goberno local non ofrece solucións, máis ben é un problema: “Temos un goberno municipal cada vez máis ensimesmado, froito das súas liortas internas e, o que é máis grave, dá a sensación de que carece de proxecto: non sabe que modelo quere para esta cidade”.

Ante a falta de impulso do goberno local, “e con toda a humildade”, Francisco Jorquera ve o BNG en condicións de ofrecer á cidade a alternativa que precisa. Como forza de oposición, xulga, “soubemos conxugar o papel de crítica, de fiscalización do goberno local, cunha actitude positiva, propositiva, pensando sempre nos intereses das veciñas e veciños”. Ese traballo avala a formación nacionalista e “agora o que nos toca é postularnos como alternativa, ofrecer á sociedade coruñesa o proxecto de cidade, o modelo de cidade do que carece”.

Que modelo? "Pois o dunha cidade concibida a escala metropolitana, que mesmo vaia alén dos límites da nosa comarca”, sendo que A Coruña é “o corazón do Golfo Ártabro, a área máis dinámica da Galiza” e, por tanto, a esa escala “hai que planificar a cidade”.

“A Coruña ten que ter a vocación de ser a capital económica e cultural do noso país. Ten que ser un referente en políticas de progreso, de cohesión social, de calidade urbana”, alega Francisco Jorquera.

E canto á súa vivencia persoal, Francisco Jorquera fala dunha experiencia “grata”, pois a política municipal “é a máis próxima, máis a pé de rúa”.  “E nestes tempos nos que temos un presidente da Xunta ausente, envorcado en facer carreira no Estado, a miña concepción é a contraria: para min, como galego e como coruñés, o máis importante é a política galega e a política coruñesa, é servir a miña cidade e servir o meu país”, conclúe. @mundiario

Comentarios