Galicia será, un ano máis, a comunidade coas taxas universitarias máis accesibles

Alberto Núñez Feijóo. / Mundiario
Alberto Núñez Feijóo. / Mundiario

O presidente Feijóo avanza que Galicia será referente en España ao conxelar as matrículas de grao para o curso 2014-2015, tanto en primeira como en sucesivas convocatorias.

Galicia será, un ano máis, a comunidade coas taxas universitarias máis accesibles

“Decidimos conxelar, un ano máis, as matrículas de grao para o curso 2014-2015, tanto as primeiras matrículas como as sucesivas. Polo tanto, Galicia volverá ser, un ano máis, a comunidade autónoma coas taxas universitarias máis accesibles de España e Galicia volverá ser, un ano máis, o lugar onde estudar nas universidades sexa máis fácil para as familias e para os alumnos”. Así o salientou o mandatario galego, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa tras o Consello da Xunta, que abordou os prezos públicos dos graos universitarios.

“Un ano máis volvemos insistir na nosa idea de facer unha universidade pública accesible en Galicia. Levamos conxelando as taxas todos os anos desde que chegamos ao Goberno, na súa totalidade ou na primeira matrícula” aseverou Feijóo, lembrando que “iso nos ten permitido ser a comunidade autónoma máis accesible desde o punto de vista de cursar estudos universitarios do conxunto das universidades españolas”.

Feijóo incidiu en que Galicia é a comunidade coas taxas máis reducidas de toda España, tanto en primeira como en segunda matrícula. Non en van, cada crédito universitario na comunidade galega está por debaixo dos 12 euros, mentres que en Cataluña supera os 33 euros.

Ante estas cifras, o titular da Xunta afirmou que ter as taxas máis baixas de España “é bo para os estudantes, sen dúbida, e para as súas familias”, porque facilita a súa formación en momentos de crise económica; pero tamén, dixo, “é bo para Galicia”, porque “eses estudantes son os que van liderar Galicia nos próximos anos”. Por iso, abundou, “conscientes diso, temos decidido reforzar ese compromiso no curso 2014-2015”.

Feijóo precisou que arredor de 67.000 alumnos “non terán que pagar nin un euro máis para o próximo curso 2014-2015”. Polo tanto, “Galicia volverá ser, un ano máis, a comunidade coas taxas universitarias máis baixas do Estado; este era o compromiso e esta proposta ímola remitir ao Consello Galego de Universidades e ímola debater -creo que con consenso- cos reitores das universidades galegas, aos que xa lles comunicamos, de forma extraoficial, a nosa decisión de volver conxelar, un ano máis, non só nas primeiras matrículas, senón tamén nas segundas matrículas as taxas universitarias”, concluíu. 

Galicia será, un ano máis, a comunidade coas taxas universitarias máis accesibles
Comentarios