Seica non hai mulleres

Lola Ferreiro xa conta coa súa entrada na Wikipedia, un paso fundamental para que a súa traxectoria tome parte do coñecemento colectivo.
A Casa das Máquinas ateigouse de memoria e afectos para presentar narepublicamalva.gal, o proxecto de UTE-pías Feministas que garda o legado de Lola Ferreiro. / Concello de Santiago
A Casa das Máquinas ateigouse de memoria e afectos para presentar narepublicamalva.gal, o proxecto de UTE-pías Feministas que garda o legado de Lola Ferreiro. / Concello de Santiago

O pasado 27 de marzo presentáronse na Casa das Máquinas de Santiago os resultados do proxecto “Saúde, pracer, república e terra malva” que, en recoñecemento á figura da psiquiatra e activista feminista Lola Ferreiro, desenvolveron as entidades Feitoría Verde, Libraría Lila, Atalaias, Atabías e Illa Bufarda. Esta proposta recibira un dos Premios Luísa Villalta a proxectos pola Igualdade da Deputación da Coruña, representada neste acto por Sol Agra, deputada de  Igualdade, Lingua e Dereitos Civís.

O obxectivo da iniciativa é visibilizar un referente para o feminismo, para a medicina e, especificamente, para a saúde mental con perspectiva de xénero, para o traballo interdisciplinar que enfronte a necesidade de ter datos fiábeis que neguen o contrarelato que pretende refutar o concepto de xénero e a súa aplicación nas políticas públicas. Lola foi pioneira sinalando que había doenzas mentais que se diagnosticaban ás mulleres que eran en realidade produto do sistema heteropatriarcal e dos seus múltiples tentáculos de dominación. Lola foi tamén vangarda traballando pola sororidade e decidindo acudir a calquera lugar -fose quen fose quen o organizaba- para falar, impartir obradoiros, denunciar, reclamar e contribuír a aquilo que nos pode dar seguranzas nun mundo de fake news e manipulación mediática. O imprescindíbel “dato mata relato” bebe da súa bagaxe, dunha vida dedicada á ciencia e de coadxuvar, desde ela, á mellora da vida das mulleres.

Lola é unha de tantas pioneiras no activismo feminista. Eu trateina máis a finais dos 90 e comezos dos 2000, vinculada á Marcha Mundial das Mulleres, un espazo en que demostrou a súa aposta polo traballo horizontal e en rede, algo de que o seu benquerido Grupo T sabe moito. Nesa etapa souben do seu carácter alegre, da importancia, xunto con Begoña Caamaño, da risa e da festa como magníficas armas de combate. Cómpre lembrar que Lola estaba xa no activismo feminista desde finais dos anos 70 e participando desde o inicio no nacemento da Asociación Galega da Muller.

Hai décadas que as mulleres estamos rompendo barreiras, traballando por un mundo máis xusto, contribuíndo desde todos os ámbitos ao avance social

Tamén a finais dos 70 María Xosé Queizán publicaba A lingua galega e a muller, onde incluía a análise comparativa de dous sistemas de dominación actuantes na Galiza, o patriarcal e o da lingua. Pouco máis tarde, en 1980, lanzaba o seu poderoso Recuperemos as mans. Cando eu cheguei a Filoloxía, a comezos dos 80, os Grupos de mulleres da Universidade, moi concretamente as de Psicoloxía, trouxeran María Xosé Queizán impartir unhas charlas sobre conceptos feministas. Lembrarei sempre a pegada que en min deixaron aquelas actividades e a aprendizaxe de horas de formación partilladas fóra das aulas.

O mércores desta mesma semana, 25 de marzo de 2026, inaugurabamos no Auditorio de Galiza a exposición Antifémina, con fotografías de Colita e  textos de María Aurelia Campany, as dúas importantes activistas feministas catalás. A extraordinaria exposición parte da recuperación dun libro destruído en 1977, por entender que atentaba contra o sistema por cuestionar os moldes da feminidade do franquismo e boa parte da transición e por significar un empoderamento feminino que daquela -como agora- hai quen quere paralizar. Eu reflexionaba aquel día nas referentes tamén naquela altura na Galiza, necesitadas asemade de recoñecemento e visibilización.

O papel da Deputación da Coruña

O propio 27 de marzo o Colexio de Traballo social de Galiza festexaba o seu día e recoñecía todas as persoas que exerceran a presidencia do Colexio con anterioridade, todas elas mulleres. Todas eran mulleres. E falamos das décadas dos 60, 70, 80 e 90 do século pasado e dos 25 anos xa transcorrridos do século XXI. Entre estas mulleres estaba Branca Rodríguez Pazos, muller rompedora que chegou ao nacionalismo desde o traballo social, disciplina que lle abriu as portas a un profundo coñecemento da realidade galega.  Branca falou dos anos estudantís en Compostela, do potente movemento contra o réxime de marzo de 1968, de que ela tamén foi protagonista. Fíxoo sen saber que a Concellaría de Memoria Histórica acaba de posibilitar a estrea dunha novela visual interactiva sobre ese momento histórico, “Antes de maio”, protagonizado xustamente por mulleres. E xorde de novo a Deputación da Coruña, premiando esta iniciativa da cooperativa Aqueladas, en colaboración con Maos Innovación Social, no I Certame de Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social.

Por iso cando repetimos o debate de as mulleres conseguiren chegar a determinados espazos (recentemente a primeira reitora da USC, a primeira reitora do sistema universitario galego; antes a primeira muller na Alcaldía de Santiago) insistimos en que estas consecucións son anomalías históricas. Hai décadas que as mulleres estamos rompendo barreiras, traballando por un mundo máis xusto, contribuíndo desde todos os ámbitos ao avance social. Mais, infelizmente, custa moito converter estas mulleres en referentes. E doe ver que nin a sociedade galega nin moitas administracións se encargan de divulgar as súas figuras e mensaxes. Como cando souben pola radio que morrera Luísa, a poeta, ensinante e violinista Luísa Villalta, e cheguei a un acto cultural para dar unha charla e só había dúas persoas na sala que a coñecían.

Non perder os nosos referentes, facer memoria con quen tanto quixo –como Lola Ferreiro- a memoria histórica e democrática, é das mellores tarefas que podemos realizar para situar as persoas no centro das políticas e para continuar no camiño de transformación social cara a un mundo de igualdade. @mundiario 

Comentarios