Parques Nacionais: morrer de éxito pola masificación turística e polos novos vertedoiros
Ata hai pouco, o perigo e as principais ameazas dos Parques Nacionais (PN) centrábanse no cambio climático, nas especies foráneas, exóticas e invasoras, na sobreexplotación, na contaminación… Agora a preocupación científica e social está na masificación turística, pois o turismo nos PN aumentou nun 77% nos últimos 20 anos. Ademais, o MITECO, no 2025, aprobou dúas novas zonas mariñas para vertedoiros de dragados de portos próximas ao PN marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (Cíes, Ons, Sálvora…). Recentes estudos científicos dan a voz de alarma porque, despois de nove anos, aparecen cambios nos ecosistemas e perdas do 40% da biodiversidade na auga de dous Parques Nacionais: o das Illas Atlánticas de Galicia e o PN de Cabrera, no Mediterráneo.
As visitas aos PN alcanzaron os 16 millóns no 2024. Nos dezaseis Parques Nacionais do Estado, o PN do Teide (18.990 hectáreas) contou con 5,2 millóns de turistas, case a terceira parte do total; no PN da Serra de Guadarrama foron 2,4 millóns; Picos de Europa, 1,6 millóns; Timanfaya, 1,5 millóns; Garajonay, 1,3 millóns… E no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, con tan só 1.194 ha en terra, no ano pasado case se alcanzou o medio millón de turistas, sendo o parque máis pequeno en superficie do Estado.
Esta masificación turística nos PN fai difícil a protección e a sostibilidade da natureza e, ademais, as visitas concéntranse en tres ou catro meses do ano. A administración non parece capaz de desenvolver destinos turísticos alternativos nin de frear ou mesmo limitar máis esta escalada de turistas. Parte desta presión explícana os entendidos porque asistimos á mobilidade e á visita turística como símbolo de status e, ademais, as autofotos e fotos na paisaxe dun parque subidas ás redes sociais serven para dicir “eu tamén estiven aquí”. En realidade, a preocupación, os hábitos, a sensibilidade e o comportamento ambiental diario dos turistas non parecen modificarse nin mellorar con este turismo masificado de “visita” a parques.
O turismo nos Parques Nacionais medrou un 77% en vinte anos. A biodiversidade mariña reduciuse ata un 40% en menos dunha década
A administración, ante as protestas por un vertedoiro próximo a un PN, crea dous máis. Desde a década dos anos 70, entre as illas de Ons e Sálvora, na boca sur da ría de Arousa, estaba o vertedoiro de Sálvora para materiais de dragado de portos, denominado tecnicamente E/8, vertedoiro autorizado polo Ministerio de Fomento en 1998, antes de declarar a zona próxima Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. Os barcos de dragado recolleron, transportaron e depositaron na zona E/8 da orde de 3,8 millóns de metros cúbicos de terra, area, rochas e sedimentos finos e lixeiros que, evidentemente, contiñan en cantidades baixas ou moi baixas hidrocarburos, microplásticos, aceites, metais e metais pesados (cadmio, níquel, cromo, zinc, mercurio…), fertilizantes e outros químicos. Moitas destas substancias son tóxicas e bioacumulativas nos seres vivos e pasan a través das redes tróficas duns seres a outros, amplificando a contaminación.
No ano 2021, o Ministerio para a Transición Ecolóxica, ante as protestas polo vertido en Sálvora E/8 e a ameaza que significaba para a pesca e o marisqueo a entrada de sedimentos na ría de Arousa, ordenou que cesasen os depósitos e pechou temporalmente o vertedoiro, paralizando medio cento de dragados previstos nas rías de Vigo, Pontevedra, Arousa e Muros-Noia. No 2025, o Ministerio de novo reabre o vertedoiro de Sálvora para recibir dragados e o ano pasado (3/9/2025) o MITECO deu o visto bo para abrir dous novos vertedoiros: a zona B, a 3,1 millas de Ons (unha das illas do Parque) e a unha milla do antigo E/8, e a zona D, a 3,6 millas ao suroeste de Cíes (illa principal do PN), este ademais relativamente próximo á boca sur de entrada da ría de Vigo, zona de entrada de auga exterior por correntes mariñas que poden arrastrar os sedimentos finos desde o vertedoiro cara ao interior da ría.
En definitiva, ante a crítica pola existencia dun vertedoiro de dragados, Xunta e Ministerio impóñennos tres (E/8 como secundario e B e D como principais), e todos en zonas igual de sensibles e igual de problemáticas. Portos de Galicia (Xunta), en agosto de 2025, lamentaba profundamente os catro anos de parálise imposta polo Ministerio e o seu presidente aseguraba que “a presenza de metais pesados dáse en concentracións moi baixas”. O Ministerio fixo caso a unha proposta que tamén apoiou a Xunta de Galicia do Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (Cedex), organismo técnico que manifestaba: “supoñemos que os vertedoiros non teñen afección nos espazos da Rede Natura 2000”, e o Ministerio, para xustificar a súa decisión, chegou a afirmar que non se ía observar “efecto negativo significativo”. Todos de acordo ocultaban que en Sálvora E/8 tan só queda no vertedoiro o 53,2% dos dragados de sedimentos alí depositados e o resto dispersouse xa; non cabe dúbida de que en parte cara ao interior da ría de Arousa e posiblemente estiveron afectando a bancos de marisqueo, peixes e prexudicando a biodiversidade en xeral. A diminución de capturas observada en peixes e marisqueo na ría de Arousa terá algo que ver cos vertidos de dragados?
O vertedoiro E/8 prexudicou o fondo mariño na área de vertido, pois elevouse ao longo de máis de 1 km entre 16 e 23 m de alto; vemos unha montaña no fondo mariño que tivo que arrasar todo o que o fondo tiña. Posiblemente tamén prexudica os 47 bancos de fondos maërl da zona, formación vexetal composta por coralináceas de lento crecemento e vida libre, cuxa estrutura tridimensional serve como substrato e refuxio dunha gran cantidade de animais e vexetais. Os fondos maërl, con 130 especies distintas de algas (Sálvora 102, Ons 88 e Cíes 95), localízanse exclusivamente na fachada oriental do arquipélago, onde ocupan unha extensión de 16 km². O arrastre e a remoción dos sedimentos e partículas finas, e a resuspensión da auga ao mover os sedimentos, acaban por dar turbidez ás augas próximas e ás augas do Parque, que está moi próximo (5 km nas augas), e prexudican o ecosistema.
Ademais, e para colmo, os novos vertedoiros escollidos están dentro dunha zona ZEP Corredor Migratorio Galaico-Cantábrico da Rede Natura 2000, xestionada polo MITECO, que acolle 28 especies protexidas e outras migratorias. Ambas as zonas, B e D, serán preferentes para vertido antes que Sálvora E/8. Nos próximos dez anos prevese o vertido de 1,68 millóns de metros cúbicos de material diverso de dragado. O vertedoiro da zona D pronto recibirá 146.000 metros cúbicos de lodos e áridos procedentes de dragados, na súa maioría de Vigo, e o vertedoiro da zona B recollerá 484.000 m³ dun dragado do canal do Lérez, porto e ría, con sedimentos antigos ricos en metais, en especial mercurio procedente do vertido de industrias asentadas anos atrás ao pé da ría (Tafisa e Elnosa, que xa pecharon, e Ence), mercurio que se resuspenderá e pasará de novo á circulación da auga ao remover os fondos. A ría de Arousa ten previsto dragar 1,04 millóns de m³ que irán destinados á zona B. Podemos preguntarnos: son compatibles estes vertedoiros coa pesca, o marisqueo e os cultivos mariños das rías e do litoral? Pode seguir existindo como mellor praia do mundo Rodas, nas Cíes, tendo preto un vertedoiro?
A ameaza xa é unha realidade: perdas de diversidade do 40% nos últimos nove anos
Un estudo realizado por investigadores da Universidade de Barcelona e do Centro de Estudos Avanzados de Blanes (CEAB-CSIC) comprobou que tanto o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia como o Parque Nacional Marítimo-Terrestre do Arquipélago de Cabrera, en Baleares, perderan biodiversidade en distintos niveis do ecosistema mariño ata un 40% de media, e isto sucedía nos últimos nove anos. O estudo está baseado en mostraxes repetidas nos mesmos hábitats do fondo mariño entre 2014 e 2022, “e detectaron cambios na estrutura do ecosistema cun marcado descenso en riqueza e diversidade (40%)”, e afirman que “os parques non están illados do entorno que os rodea”.
Tal investigación contradí as previsións do Ministerio, da Xunta e do organismo técnico Cedex, que consideraban “moi improbable que o Parque Nacional das Illas Atlánticas poida quedar afectado…”.
Mentres a administración nos distrae nos PN cun plan de control e erradicación de especies invasoras como acacia, eucalipto, visón americano, gato doméstico…, xustificado para preservar o entorno natural, primeira misión do parque, non adopta medidas fronte a problemas maiores como a masificación turística e, para colmo, fixa novos vertedoiros de dragados que ameazan as augas protexidas dun Parque Nacional. Será tan difícil entender o principio de precaución? Tratar ou inmobilizar en terra os dragados dos portos será misión imposible? Poderían ensinar os vertedoiros próximos aos turistas do Parque? @mundiario