Non hai feitos, só interpretacións
O noso problema político non é que os socialistas non teñamos moitas razóns, argumentos, logros, dereitos, progreso económico e social conseguidos, iso está ben pero é insuficiente sen votos, e destes votos, temos cada vez menos. O certo e axustado a realidade política actual é aquela frase tremenda de Nietzsche: “Non hai feitos, so hai interpretacións”.
Dous secretarios de organización, e un asesor, deterioraron a situación política actual do PSOE, xa moi difícil, e, sabemos por experiencia, co voto da esquerda sempre é moi sensible aos escándalos, manifestándose de seguida coa abstención ou a división. Menos votos e máis fragmentación.
O PP busca alcanzar en España, por si só mellor, ou se cadra con Vox, unha maioría absoluta. Xa a lograron deste xeito en moitas comunidades autonomas. A calquera prezo e de calquera xeito ou forma. O seu proxecto alternativo, nin se nomea, nin se fala del, nin é sequera preciso. Para o PP vale todo: mentiras, liortas, calumnias, ameazas, simplezas, e frases grosas. Son a nova “normalidade” asumida para alcanzar o poder e amplificada nos medios.
Non van moderarse senón todo o contrario, estanse radicalizando. Vailles ben así, porque envorcallarse na bosta resulta atractivo para eles e mais para o seu electorado. O fixeron como ensaio en Galicia no ano 2008, atribuíndolle ao Presidente daquela, Pérez Touriño, en plena campaña electoral, trolas sobre o gasto de mobiliario, a compra de coches, dilapidar cartos públicos en cuestións superfluas... E funcionoulles ben!
A situación no PSOE e no PSdeG
Quen ten intención de enganar, coma Feijoo, sempre atopa as persoas que queren ser enganadas, porque para moitos electores, a falsidade, o dixomedíxome e as faladurias carentes de probas, teñen moito atractivo, sobre todo se coinciden cos desexos políticos propios ou inducidos.
Contan para iso, tanto PP como Vox, con abundantes axudas mediáticas, empresariais, institucionais, xudiciais, un contexto mundial favorable, e, a elo, debe sumarse unha parte importante dos votantes novos, e outra de traballadores autónomos e asalariados, tal e como manifestan as sucesivas enquisas de opinión.
Deberían centrarse en España, os dirixentes socialistas, en ir preparando de forma discreta, o posible pase preventivo á oposición, de xeito intelixente e ben medido. Para iso é básico organizarse, sobre todo na nosa terra polas súas características territoriais, e facelo en cada cidade ou vila, con certa autonomía e obxectivos comúns. Isto, non se arranxa desde Ferraz nin desde a CEF, e menos desde a Rúa do Pino ca situación actual do PSdG e da militancia. Isto non se improvisa, nin se soluciona cunhas ordes por escrito no último momento.
De achegarse a un acordo amplío e novo, vai depender un resultado ou outro, pero sempre debería ter ese acordo aquí e agora, un ámbito local por riba de outras consideracións, e dicir un acordo municipal e unha pacificación interna, recuperando e impulsando agrupacións, anulando expedientes e sobre todo recobrando a compañeiros valiosos hoxe desaproveitados. Todos van facer falta.
Haberá congresos socialistas, e se queremos sobrevivir como formación, haberá que repensar en transformar moitos liderados e métodos actuais. Non queda outra, salvo agardar unha mais que probable desfeita. O noso ciclo de goberno estase a pechar aos poucos. A caída municipal é un feito, a desfeita autonómica tamén. Faltan agora eses mediadores, intermediarios, diálogo forzado polos acontecementos, e xenerosidade da dirección.
Un declive político en “diferido”
Somos moitos conscientes de asistir a un declive político en “diferido”, e temos unha fonda preocupación polo desastre político que empeza a sentirse obxectiva e subxectivamente entre nos. Na nosa comunidade de Galicia teñen que empezar a moverse eses “homes e mulleres bos e xenerosos” para “sentarse a falar”, poder reunirse, e mais empezar a deseñar xuntos cos actuais dirixentes e outros lideres, espazos previsibles e cambios de persoas, recuperacións de outras, e modos de actuar diferentes. É dicir, chegar a consensos con futuro e realismo. Cambiar non sempre supón mellorar, pero para mellorar debese cambiar. Temos que ir a un cambio radical no xeito de facer as cousas. Gobernar e anticiparse aos posibles acontecementos, e pactar. E resistir.
Podemos estar na oposición sen intelixencia, pero e imposible aspirar a estar nun futuro goberno sen ela. Agora, e nos próximos meses vanse dar as ocasións e as oportunidades paliativas… non queda moito tempo, pero depende de nos. @mundiario