Mudar o mundo desde os medios, tamén a través da información local

Dicía Ryszard Kapuscinski que o verdadeiro periodismo é intencional, pretende provocar algún tipo de mudanza e iso é, realmente, un dos principais valores. Provocar o cambio, para ben, contribuír a construír un mundo mellor.

Pantallas.
Pantallas.

Os medios de comunicación trasladan o que acontece, as noticias, infórmannos daquilo que, en maior ou menor medida, nos afecta e constrúe o presente en que vivimos. Esas noticias que compoñen os informativos, ocupan páxinas de xornais e entradas en medios dixitais, son maiormente negativas, pesimistas, dramáticas, por veces, mesmo desoladoras. Quen non fixo o exercicio de escoitar un informativo e buscar algunha noticia que mude o ánimo para ben, que contribúa a ter esperanza, sen achar gran cousa nas escaletas ou nas páxinas dos xornais? 

Comprobamos cada día como as informacións negativas sempre son noticia e as positivas moitas veces desaparecen ou siléncianse. A confrontación ten máis forza que o diálogo, os desacordos máis forza que as colaboracións, as frustracións máis forza que os avances. As persoas que estamos no primeiro foco da acción política observamos como aparecen cámaras e máis medios cando agardan unha resposta airada. Ou sentimos o desánimo de asociacións e entidades que nos acompañan en roldas de actividades de interese e, ao remate, algunhas persoas dos medios din: “quería preguntar si, mais doutra cuestión”. 

A calma non é noticia, a tempestade é. Así é e iso leva a que os medios sexan tamén ferramentas para crear estados de ánimo, vehículos que colaboran na felicidade, no desacougo ou na apatía dunha sociedade. Sabíano ben as persoas dedicadas á escrita ou ao xornalismo a comezos do pasado século, que decidiron intervir con forza e optimismo na prensa escrita, en ocasións creando pseudónimos co obxectivo de dar a sensación de seren moitos máis dos que na realidade eran.

Ser alcaldesa tamén consiste en pensar que o noso traballo pode marcar a diferenza e traer bos titulares, polo menos, á prensa local

O xornalismo transmite, por veces, unha sensación de derrota que debemos vencer. Non por repetir as mesmas noticias negativas un feixe de veces van ficar paralizadas mais tampouco se van resolver. Somos nós, as institucións, as persoas, as entidades..., todos os axentes sociais, os que temos que escoitar, interpretar e reaxir. Nese sentido, o xornalismo convértese tamén, cando alerta e notifica, nun faro, nun espertador..., nesa ferramenta que nos fai estarmos atentas, escoitar e responder. 

Ese xornalismo que interpela, que conmove, é tamén unha inspiración para as persoas que participamos en política. Ser alcaldesa tamén consiste en pensar que o noso traballo pode marcar a diferenza e traer bos titulares, polo menos, á prensa local. É cambiar o mundo –ou intentalo!– comezando pola casa.

Todo isto, cando o xornalismo é honesto e responde á verdade, de xeito imparcial –a obxectividade xa sabemos que non existe– e contribúe a mellorar a sociedade, o territorio, o país, o concello, a cidade... Dicía Ryszard Kapuscinski que o verdadeiro periodismo é intencional, pretende provocar algún tipo de mudanza e iso é, realmente, un dos principais valores. Provocar o cambio, para ben, contribuír a construír un mundo mellor. 

Mais o motor que move o xornalismo ten que ser a honestidade, a vontade de trasladar a verdade, fuxindo da parcialidade, de tomar partido e actuar en consecuencia, de manipular, en fin, para cambiar o sentido da opinión pública. Ou de reducir o abano de voces que emiten cara ao exterior. Diso tamén temos exemplos que son estudados nas universidades, desde moi diferentes ámbitos.

Moldear o curso da historia

"O xornalismo ten poder para influír na opinión pública e moldear o curso da historia", dixo a pioneira xornalista afroamericana Ethel Payne e ese poder é un motor de prosperidade se se activa para ben das maiorías, para o ben común, en definitiva. 

É evidente que este mundo sería moi diferentes sen os medios de comunicación, sen as investigacións, sen querer ir máis alá do superficial, sen afondar alén do politicamente correcto, sen as persoas que arriscan a súa vida para dar conta do que está acontecendo. As cifras son aterradoras: en dous anos de conflito en Gaza, máis de 240 xornalistas asasinados. E a listaxe continúa.

En especial, é moi relevante a transmisión de información local, tan próxima ás persoas, tamén tan diversa, tan variada, en ocasións difícil de reducir ao caixón da confrontación que xa está deseñado de antemán. Máis un capítulo da mesma historia! Quizais por iso os poderes da CRTVG practicamente renunciaron a facer información local. Só deciden que asuntos (fóra dos sucesos) pasan a ser elevados a aparecer nas noticias nacionais. Non descubro nada se digo que se inclúe dos concellos que non son do PP: aquelas cuestións negativas que tamén existen nos concellos do PP mais, por exemplo, no caso do BNG magnificándoas, esaxerando a súa repercusión, sobre todo se realizamos un mínimo contraste con outros lugares gobernados, coa retranca propia desta época de entroido, “como Deus manda”.

Afortunadamente existen outros medios dedicados a ofrecer información local que non seguen ese esquema. Falamos das páxinas locais dos xornais, dos medios dixitais, mais tamén das radios que conservan espazos importantes para informar do máis próximo ao conxunto da poboación. Un medio público galego debería ter entre os seus obxectivos trasladar a acción dos gobernos locais, para facer chegar á veciñanza todo o que na administración local se produce, e todos os debates xerados ao seu redor. A decisión de eliminar as desconexións locais por parte da Radio Galega foi moi contestada publicamente, de maneira directa polas persoas profesionais do medio. Mais non houbo sorte, porque a decisión estaba tomada. Eliminouse así unha das especializacións necesarias no mundo do xornalismo para ter máis rigor e solvencia, a da política local. Pasados uns anos xa ninguén fala disto, xa ninguén se pregunta por que se tomou esa decisión. E se funcionou para o obxectivo que o poder político galego planificou.

Cando se reserva oco para a información local só nos períodos electorais estase renunciando a mostrar a pluralidade de voces existentes interactuando na vida cotiá e tamén minimizando o seu papel á hora de construír unha sociedade mellor. Estase trasladando unha realidade falsa, onde se elimina o disidente.  

A pesar disto, hai persoas e gobernos que continuamos a traballar para que haxa cada vez máis noticias felices, para que se reserven espazos nos medios para aplaudir ás persoas protagonistas de promoveren mudanzas, en positivo, desde a ciencia, a investigación, o deporte, a cultura, o terceiro sector, en definitiva, para trasladar a esperanza de que o mundo pode ser, ten que ser, moito mellor. A comezar pola transformación que estamos a facer desde a base, desde o ámbito local. @mundiario

Comentarios