Galicia ante o espellismo do “café para todos” en Medicina
Galicia atópase de novo ante unha encrucillada política, educativa e territorial. A proposta da Universidade da Coruña (UDC) de abrir a súa propia facultade de Medicina desatou un debate de gran calado, non só polas súas implicacións académicas, senón polo que revela sobre a forma en que xestionamos as nosas institucións públicas. E o que se desprende deste episodio non é tanto unha aposta polo futuro como un retorno a vellas inercias: as do localismo, o oportunismo e a improvisación.
Cinco voces autorizadas, cinco catedráticos da Universidade de Santiago de Compostela —Mari Luz Couce Pico, Enrique Domínguez Muñoz, José Ramón González Juanatey, Rafael López López e Federico Martinón-Torres— alzaron a voz en MUNDIARIO para advertir, con datos e experiencia acumulada, dos riscos de fragmentar sen planificación un modelo que ten sido exemplar. Non falan desde a nostalxia nin desde o inmobilismo, senón desde a responsabilidade que esixe traballar con recursos públicos, nun contexto de esixencia crecente e orzamentos limitados.
Dende hai décadas, Galicia funcionou cun modelo singular: unha única Facultade de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, con docencia clínica descentralizada na Coruña e en Vigo. Este sistema non só foi eficaz, senón que colleitou prestixio nacional e internacional, sustentado por centros de referencia como o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) e con resultados constatables no exame MIR, na produción científica e na formación de profesionais altamente cualificados.
É un modelo perfecto? Non. Debe abrirse a melloras, innovación e maior integración co resto de Galicia? Sen dúbida. Pero a resposta non pode ser a súa multiplicación sen estudo de impacto, sen estratexia nin avaliación. Crear unha facultade de Medicina non é plantar unha pancarta nin cortar unha cinta: é un proceso longo, complexo e custoso. Requere masa crítica de profesorado, estrutura investigadora, hospitais universitarios con capacidade docente, financiamento sostido, planificación e, sobre todo, visión de país.
Unha decisión de enorme envergadura
E aí reside o problema de fondo: estamos ante unha decisión de enorme envergadura tomada ao calor dunha conxuntura política. Non hai un informe técnico que a avale. Non hai un debate sereno entre institucións. Non hai unha folla de ruta consensuada. Só unha declaración unilateral que responde máis a unha lóxica de capitalidade frustrada ca a unha estratexia de sistema.
Algunhas voces cualifican a situación actual de “asfixia”, pero o que de verdade asfixia é converter a política universitaria nunha suma de agravios. Como ben apuntan os catedráticos da USC, a descentralización mal entendida conduce á dispersión improdutiva. Xa vivimos este “café para todos” nos anos oitenta e noventa, cando se multiplicaron facultades sen os recursos necesarios para manter a súa calidade. O resultado foi previsible: centros sen masa crítica, sen atracción para os mellores estudantes, sen capacidade de reter talento nin de captar fondos europeos.
Queremos repetir ese erro con Medicina, unha das titulacións máis esixentes e custosas? Queremos que o sistema universitario galego derive nun mapa de equilibrios políticos en vez de nunha rede de excelencia académica? As preguntas que se fan os docentes composteláns non son retóricas: son un berro de alerta ante un modelo que pode esfarelarse se non se goberna con responsabilidade.
As posicións dos partidos
A reacción dos partidos políticos foi reveladora. O PSdeG – PSOE, con José Ramón Gómez Besteiro á fronte, intentou manterse nunha ambigüidade calculada. O seu discurso fala de aproveitar todos os recursos docentes e asistenciais sen romper abertamente o acordo de 2015 que consagrou a unicidade do modelo. É unha postura de equilibrios, que sinala con sutileza a falta de liderado da Xunta, pero que evita un pronunciamento claro sobre a viabilidade real da proposta coruñesa.
Máis contundente foi a alcaldesa Inés Rey, que levou o debate ao pleno municipal e axitou a bandeira do agravio territorial: A Coruña, sostén, cedeu demasiado e xa non pode seguir agardando. A peza clave do seu razoamento é o CHUAC, hospital de referencia da área sanitaria, ao que se lle nega a posibilidade de ser nó docente. Un argumento potente, sen dúbida, pero insuficiente se non vai acompañado dun análise rigoroso sobre a sustentabilidade dunha nova facultade. O talento asistencial non sempre se traduce automaticamente en capacidade formativa.
O BNG, pola súa banda, optou por unha prudencia institucional. Ana Pontón reivindicou o valor do acordo de 2015 e a necesidade de respectar o pactado. Pero tamén se percibe no seu discurso unha certa rixidez: coma se o modelo actual fose intocable por principio. A alcaldesa nacionalista de Santiago, Goretti Sanmartín, defendeu abertamente a centralidade da USC, o cal era previsible. Pero o inmobilismo tampouco é a solución: non se trata de blindar un statu quo, senón de reformalo sen destruílo.
E logo está Vigo. O alcalde Abel Caballero, eterno aspirante a todo, aproveitou o ruído xerado pola Coruña para recuperar a súa vella demanda dunha facultade propia. Nunca aceptou o pacto de 2015, e agora ole sangue. A súa mensaxe é claro: se A Coruña rompe, Vigo tamén debe ter a súa. Un prantexamento que abandona calquera visión de sistema para abrazar unha lóxica puramente territorial. O mesmo fixo a presidenta local do PP, Luisa Sánchez, quen elevou o ton cun discurso comparativo que reduce o debate a unha competición entre cidades. Nada máis lonxe do que necesita Galicia.
Formar os mellores profesionais
Porque aquí non se trata de repartir sedes como quen reparte estacións de tren, nin de competir por prestixio institucional a golpe de titular. Trátase de construír un sistema universitario capaz de formar os mellores profesionais nas mellores condicións. De facer política pública baseada en evidencias, non en presións locais. De entender que unha facultade de Medicina é, ante todo, un compromiso a longo prazo coa saúde, a ciencia e o coñecemento.
Os países que conseguiron sistemas universitarios sólidos —Países Baixos, Dinamarca, Irlanda ou o propio Portugal tras a reforma impulsada por Mariano Gago— non o fixeron dispersando esforzos, senón concentrando recursos, profesionalizando a xestión e apostando pola calidade. Galicia non necesita tres facultades de Medicina. Precisa unha que funcione mellor. E iso conséguese reforzando o que xa temos, abríndoo máis á sociedade, garantindo o seu financiamento, conectándoo cos hospitais do país e atraendo talento onde queira que estea.
O que está en xogo non é só o modelo de formación médica, senón a credibilidade do sistema universitario galego. A decisión da UDC activou un debate necesario, si, pero tamén destapou a debilidade da nosa planificación estratéxica. Agora tócalle á Xunta exercer o seu papel de árbitro e planificadora. Non pode seguir de perfil. Ten que decidir se Galicia quere un modelo de excelencia ou un mosaico de réplicas. Se aposta polo longo prazo ou se deixa arrastrar pola conxuntura.
Unha facultade non se improvisa. Constrúese. Con datos. Con planificación. Con visión. Galicia non pode permitirse o luxo de errar nisto. @mundiario