O fracaso de Altri sinala o fracaso do modelo industrial de encraves

Demostrouse que na Galicia do século XXI non hai proxecto industrial importante que poida ser viábel sen aceptación social. Rueda fica nunha posición moi pouco  confortábel e Ana Pontón emerxe como a líder que mellor soubo ler o divorcio da sociedade galega co proxecto Gama.
Manifestación contra Altri en A Pobra. / Xurxo Lobato
Manifestación contra Altri en A Pobra. / Xurxo Lobato

A caducidade do expediente de Altri en Palas de Rei e o vindeiro- xa anunciado pola Xunta- rexeitamento da autorización ambiental integrada (AAI) non son simples accidentes administrativos, senón a crónica dunha morte anunciada. O proxecto "Gama", acabou morrendo por mor dunha tripla carencia: musculatura financeira,  solvencia técnica e, sobre todo,  lexitimidade social. Estamos diante do colapso dunha forma de entender a política industrial que, moi probabelmente para beneficio dunha curta elite, sacrifica sen condicións o territorio e maila capacidade deste país para  xerar valor engadido  a  medio dun desenvolvemento endóxeno.

Desde unha perspectiva xurídico-administrativa, a declaración de caducidade pola Xunta é o recoñecemento dunha imposibilidade de feito. E, máis claro aínda na constatación desta imposibilidade, será o inminente rexeitamento da AAI pola Consellaría de Medio Ambiente. Sen a garantía de acceso á rede de transporte eléctrica e sen o osíxeno dos fondos Next Generation, o proxecto era inviábel. Altri e mailo PP na Xunta quixeron vender a sofisticada factoría de fibras téxtiles que se nos debuxou no 2022,  cando dende marzo de 2024 ficou abondo claro que o proxecto era en realidade unha macrocelulosa de impacto hidrolóxico masivo que chocou frontalmente coa conciencia dunha comarca, a Ulloa e dun país enteiro, Galicia, que rexeitou ser terra de  sacrifício. Que rexeitou ser o vertedoiro de Europa.

A presión social -ese clamor que uniu  mariscadores de Arousa e gandeiros da Ulloa canda centos de milleiros de persoas- dobrou o brazo de Rueda e do PPdeG, que estaban a enfrontar  un desgaste que ameazaba con erosionar as bases rurais do PP galego. A mobilización social alicerzouse en tres compoñentes de éxito: unha grandísima capilaridade que representaba a maioría social  nas bisbarras da Ulloa, da Ulla e colindantes, unha alianza transversal entre o mundo da produción e da empresa da Arousa á Ulloa, o ambientalismo,  e os gobernos locais de concellos gobernados polo BNG, PSdeG e independentes e unha organización plural que, porén, tiña moi claro onde estaban as forzas políticas e sociais nas que  podía confiar e onde estaba o Goberno galego e a dirección galega do PP.   

No ámbito político  é evidente que Ana Pontón e a dirección do BNG, canda o  conxunto do ecosistema soberanista souberon ler a xeito o divorcio entre a maioría social deste país e o modelo industrial de "proxectos de enclave" de onde se extraen recursos (auga, terra, madeira) para exportar valor engadido fóra, precisamente por se alicerzar a súa proposta  económica no desenvolvemento sostíbel e autocentrado. Souberon tamén tirar ao PSdeG da súa posición inicial na terra de ninguén, probabelmente xerada polas xestións iniciais de coñecidos lobbistas. En calquera caso emerxe a consideración de que o BNG foi a forza que mellor soubo interpretar, non só a reacción social, senón mesmo a partillada esixencia dunha  outra política industrial que sexa quen de garantir  o procesamento integral da cadea de valor no país nun contexto de respecto escrupuloso polos nosos ecosistemas.

Agora ben, precisamente esta sintonía na oposición  a Altri esixe arestora de Ana Pontón e do BNG emitir unha mensaxe inequívoca a prol da implementación en positivo desa outra política industrial. A grande produción primaria de leite e madeira esixen dunha transformación que hoxe non existe e que vai requirir política, ideas e recursos financeiros.  

Fronte esta vantaxe do BNG (que, porén, leva inserida un imperativo para deseñar política industrial en positivo) Rueda fica nunha posición nada confortábel. Porque descarrilou o seu grande  proxecto tractor, proxectando a idea de que o PPdeG non é quen de atraer grandes investimentos que non sexan extractivos, entregando o país a multinacionais que foxen en canto non hai subvencións. Cando a lección desta xeira é que, na Galicia de hoxendía, non  pode haber un grande proxecto industrial viábel que non pase pola peneira da aceptación social. O resto é literatura de DOG e fume de despachos. @mundiario

 

 

 

 

 

Comentarios