Falou a poeta. E falou ben.
“Non queremos un sitio, queremos outro lugar”, dixo Ana Romaní, referíndose ao desexo das mulleres feministas e á súa tarefa e contribución de transformación da sociedade que nos rodea e ás veces engana. O enunciado ten potencia abondo para se aplicar tamén a outros contextos, de maneira clara, á construción doutro mundo posíbel desde unha política de altura que mire a longo prazo e non se deixe levar pola cosmética nin pola rutina.
En Prefiro condenarme Margarita Ledo achéganos a historia de Sagrario, unha muller popular que se arrepón ao estabelecido nos tempos da ditadura apostando polo seu dereito a ser feliz. A directora afincada en Compostela relata así un novo capítulo nesa ringleira de persoas que contribuíron a construír un lugar en que todo puidese acontecer, como ela definiu o nacionalismo anterior a 1936. O compromiso individual que remata por ser loita colectiva.
Hai moitas historias que poderían exemplificar as bases que sustentan o labor que o goberno municipal de Compostela está a desenvolver. Santiago precisa quererse máis, sentir orgullo de ser a capital de Galiza e contribuír, desde a súa complexidade social e territorial, a mellorar a vida da veciñanza e ser vangarda nas políticas que define. A mostra máis significativa foi conseguir que o PP mudase a súa posición sobre o imposto de estadías turísticas e que permitise que todos os concellos puidesen implantalo. Aí están outros, petando na porta. Tempo ao tempo. O noso municipio iniciou un camiño –en que a Xunta puxo varias pedras e fixo cambadelas– que terá continuidade.
Compostela adiantouse á celebración do Ano Castelao creando un recoñecemento para as persoas que fan cidade, a Alba de Compostela, no ronsel da Alba de Gloria do autor do Sempre en Galiza e defensor da nosa lingua e identidade. Máis un elemento para fachendear, como tamén reivindicamos, á beira doutras administracións locais, na Gala Youtubeiras+, baixo o lema “Fachenda ao cadrado”. Porque Santiago sempre foi referente en compromiso co noso idioma. E queremos contribuír sumando máis e máis falantes de novas xeracións. En tempos de políticas lingüicidas da Xunta de Galiza, desde algúns concellos apostamos por garantir os dereitos lingüísticos da poboación, avanzar e consolidar ámbitos de uso, sermos exemplo e referente de compromiso co galego e apoiar aos sectores máis activos na reivindicación do idioma. Temos que traballar de maneira máis intensa fronte a ese reducionismo a que nos quere levar o PP, conducindo o galego cara ás marxes e someténdoo a un acoso constante para que non poida ter o status que lle corresponde como lingua propia do noso país. Velaí a causa de nos sumarmos como Concello á Plataforma Queremos Galego e de apoiarmos a mobilización do próximo 23 de febreiro.
Hoxe tamén somos un concello pioneiro, ao apostar por desenvolver políticas contra a emerxencia climática, desde a defensa dun urbanismo sustentábel e da aposta pola rehabilitación por un lado, e da reciclaxe e eficiencia enerxética, por outro. E todo, tripando un territorio en que conta tanto o rural como o urbano e a cidade histórica como os barrios. Coidar o planeta comeza coidando o noso concello, mudando os materiais que se utilizan, repensando a mobilidade, planificando o Santiago das próximas décadas.
Acreditamos nas persoas e facemos dos colectivos vulnerábeis o centro das nosas políticas. Unhas políticas que á forza teñen que fuxir do curtopracismo, das datas sinaladas, dos cálculos electorais, do insulto fácil, do estereotipo reducionista. E, sobre todo, teñen que posuír memoria, ollar atrás e descubrir onde estivo e onde está o mellor de Compostela, que sempre é onde e cando se quere a si propia. Porque, como sempre dicimos, só será bo para as persoas que nos visitan o que o é bo para quen aquí residimos.
Compostela é a capital de Galiza, centro de acollida de e espazo de solidariedade. Por iso tamén desde Compostela temos que expresar o noso rexeitamento máis profundo aos plans de Trump sobre Gaza, unhas declaracións dunha gravidade tal que deberan ser obxecto de masivas mobilizacións en todo o mundo. En momentos de afirmación do dereito á vivenda como fundamental, non son aceptábeis expresións que confirman o que Israel leva tempo planificando: unha Gaza sen palestinas/os. A obscena declaración de que o mundo é seu. A mensaxe que queren enviar os dous mandatarios supremacistas (Trump e Netanyahu) é clara: ou o exterminio ou a dispersión. A resposta dada a esta ameaza polos diferentes estados non esta a ser o suficientemente enérxica. E deberían telo claro. Polo dereito do pobo palestino, en primeiro lugar, un dereito irrenunciábel. Mais, por se iso aínda fose pouco, cando falamos de extrema dereita e supremacismo, o que temos que pensar é que agora son eles/elas, e nun suspiro podemos ser nós. A resposta social e institucional non pode ser a resignación. O mundo deu un paso de xigante cara a unha involución de consecuencias dramáticas con este anuncio de Trump que supón non respectar dereitos fundamentais de pobos e territorios.
Xustamente porque o mundo é estes días bastante peor é moi importante guiármonos nas nosas políticas cos criterios que van á raíz dos problemas. E por iso na cerna do noso traballo asumimos as palabras da poeta: “Non queremos un sitio, queremos outro lugar”. @mundiario



