O CCG propón medidas a prol do galego dende unha nova e acaída metodoloxía

O Consello da Cultura Galegas (CCG), dende as súas funcións definidas pola lexislación galega de desenvolvemento básico do Estatuto, ven de presentar un potente documento "Un país coa  súa lingua", que presenta o atractivo dun estudo moi amplo e participativo, atendendo ás Administracións Públicas, academia, educación, sociedade civil e  tecido asociativo e tecido empresarial. 
Manifestación en defensa do galego. / @anaponton
Manifestación en defensa do galego. / @anaponton

O Consello da Cultura Galega (CCG) é un órgano recoñecido no Estatuto de Galicia e na súa lexislación de desenvolvemento básico para o asesoramento da Xunta de Galicia, mais foi definido para desenvolver a súa alta función consultiva non dun xeito a demanda, senón proactivo, nomeadamente por se alicerzar tamén nas Universidades e noutros entes académicos e de estudos. Deste xeito (artigo 6 da súa Lei reguladora) cómprenlle, entre outras, as seguintes funcións : i) analizar cantas cuestións se refiran ao patrimonio cultural, ii) fomentar a lingua e a cultura galegas, iii) investigar e valorar as necesidades culturais do pobo galego, iv) asesorar e consultar ós poderes da Comunidade Autónoma no que xulgue preciso para a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego. e  v) elevar ao Poder Galego informes e propostas a favor da defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.  Ningunha dúbida, pois, a respecto da súa capacidade xurídica para analisar os problemas do galego e buscar solucións.

Dende a lexitimidade de orixe destes alicerces estatutarios o CCG ven de xustificar a súa lexitimidade de exercicio presentando o estudo “Un país coa súa lingua”, que ten o acerto de se elaborar dende un foro participativo no que se escoitou ás Administracións, comunidade educativa e científica, sector cultural e creativo, tecido económico e sociedade civil. Deste xeito considera o CCG que pola diversidade de perfís evítanse nesgos de elite e pola infraestrutura participativa detéctanse barreiras operativas “ ...que non adoitan aparecer nas estatísticas”.  Por outra banda, o estudo esixe unha metodoloxía aplicativa que require i) proba, ii) medición, iii) xeneralización e iv) publicación de resultados. As medidas haberán ter obxectivos claros, métrica sinxela e un responsábel de publicar os resultados, cando menos anualmente, de xeito que as medas de hoxe alimenten as reformas do mañá. É dicir, todo o contrario do que acompañou na (non) execución do Plan de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade no 2004 polo noso Parlamento.

Cómpre salientar como o CCG constata a fenda entre dereitos e prácticas. Malia a liberdade teórica, no plano xurídico, de usarmos do galego, o CCG conclúe unha clara asimetría: mentres quen desexa vivir en castelán faino sen restrición ningunha, quen desexamos vivir en galego  atopamos “...ausencia ou baixa calidade de opcións en trámites, atencións e contidos...”, concreta, mais non exclusivamente, na educación, na xustiza e na sanidade.

Tamén constata o CCG graves eivas na socialización e transmisión interxeracional do galego cun lecer dixital e mediático producido maioritariamente noutras linguas e operando dinámicas de grupo que penalizan o uso do galego. Pola súa banda os servizos de normalización están infradotados e mal coordinados, a infraestrutura dixital e tecnolóxica é ”incompleta” e padecemos un déficit de información xeral, faltando “...unha práctica estendida de rendición pública de contas  e publicación periódica de resultados.” .

Un país coa súa lingua” organiza as súas propostas en dous níveis: inmediatas (non requiren remudas normativas e xeran impacto rápido e concreto) e estruturais, que si requiren as devanditas remudas e teñen un meirande impacto futuro. Unhas e outras estrutúranse en sete liñas transversais: 1) gobernanza e planificación, 2) contratación pública e calidade de servizo, 3) educación e socialización, 4) infraestrutura dixital e tecnoloxías lingüísticas, 5) medios, cultura e acción exterior, 6) economía, turismo e deporte e máis 7) sociedade, crenzas e participación. 

A metodoloxía novidosa deste documento ofrece unha base común para Administracións Públicas, sociedade civil, educación e tecido empresarial e asociativo para que cada quen poida desenvolver e verificar resultados das accións que execute en cadanseu ámbito de actuación. Velaí que a Xunta non poida cuestionar esta metodoloxía de análise nin se pechar nos preconceitos (bilingüismo cordial e equilibrado ou o  amplo coñecemento teórico do galego) aos que nos ten tan afeitos.

E velaí, tamén, que consideremos que paga a pena seguir a debullar,  nas vindeiras semanas, estas propostas do CCG en cadanseu deses sete eixos sectoriais. @mundiario

    

Comentarios