A burbulla eólica en Galicia choca coa presión social e co freo ambiental a novos parques
Nunha semana deste mes de abril as empresas Enel Green Power, Energy Group, Greenalia... sufriron un claro revés nos seus proxectos eólicos de Galiza e no Bierzo, polo que non é estraño que se dean titulares de prensa diaria que poñan: “Transición Ecológica pincha la burbuja de grandes parques eólicos en Galicia. Tumbó ya una treintena de proyectos por el impacto y avaló 21 con condiciones para mitigarlo”. Vexamos.
Parques eólicos Trabadelo e Hedreira
O BOE publicou unha resolución aceptando o “desistimento” de parques eólicos no Bierzo e na Galiza, formulado por Enel Green Power España e pola ourensá Hedreira Eólica. A Dirección General de Política Energética y Minas arquivou este mes definitivamente o expediente para construír o Parque eólico “Trabadelo” de 110 MW de Enel Green Power que constaba de 18 muiños aeroxeradores de gran tamaño e evacuación con liña de alta tensión (LAT), de 26 km que afectaban a 11 concellos do Bierzo. O proxecto contaba co permiso de acceso outorgado por Red Eléctrica de España e cunha Declaración de Impacto Ambiental favorable, aínda que condicionada. O parque “Hedreira” de 75 MW de potencia, proxectaba instalar 13 aeroxeradores en Ourense (A Lama, Avión e Beariz) e as LAT afectarían en km na provincia de Ourense e Pontevedra, quedou arquivado en febreiro e non pode continuar co proxecto actual ao ter informe ambiental negativo.
Ambos parques foron moi criticados e alegados desde o principio con mobilización e forte oposición veciñal. “Trabadelo” supoñía “fragmentación do territorio”, “afeccións a hábitats de interese comunitario”, “impacto visual acumulativo”... “Hedreira” tiña núcleos habitados a menos de 1 km de distancia dos muiños e presentaba impactos negativos significativos sobre a Serra do Suído, unha serra incluída na ampliación da Rede Natura 2000 pola Xunta xa no 2011 pero que nunca chegou a declararse protexida. Este parque quería instalarse nunha zona de alta concentración eólica onde xa teñen máis de 500 aeroxeradores nun radio de 25 km, aparte do problema que presentaban as liñas de evacuación LAT.
Greenalia en Gran Canaria
A Audiencia Nacional desestimou recentemente o recurso de Greenalia e fixo naufragar o proxecto de cinco parques de eólica mariña en Gran Canaria cunha potencia total de 250 MW. O grupo recibiu negativas de Red Eléctrica, do Ministerio para a Transición Ecolóxica, do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (2023), e agora da Audiencia Nacional. A Dirección General de Política Energética y Minas viu nos proxectos de eólica mariña de Greenalia unha fragmentación artificial dun único parque de 250 MW en lugar de cinco de 50 MW, intentando así evitar unha regulación ambiental e un estudo de impacto ambiental máis esixente que se necesitaría para parques de máis de 50 MW. Agora quedará cun parque de 50 MW e catro parques máis que non poderá construír.
Greenalia xa sufrira en anos anteriores a paralización de parques eólicos terrestres na Galiza e o TSXG, Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, decretou en varias ocasións paralización cautelar da construción de parques desta empresa (“Campelo”, “Bustelo”...), empresa defendida e protexida sempre pola Xunta e máis concretamente polo vicepresidente económico Francisco Conde, do Goberno Galego que presidía Feijoo. Conde fora criticado no Parlamento Galego por “trato de favor” ás eólicas e á Greenalia en particular; a mesma exconselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato formou parte do Consello de Greenalia, demostrando así a existencia de “portas ou portalóns xiratorios” e a connivencia político-empresarial.
Parque eólico Satrebares
O luns 13 de abril o BOE publicaba unha resolución desfavorable de declaración de impacto ambiental para o proxecto «Instalación eólica «Satrebares», de 125 MW de potencia do Grupo manchego de renovables Energy Group a través da súa filial Maracaibo Solar. O parque eólico “Satrebares” pretendía instalarse no termo municipal de Monfero e Guitiriz e as súas infraestruturas de evacuación, LAT, estenderíanse por 7 municipios das provincias de Lugo e A Coruña.
A resolución desfavorable está documentada e xustificada por:
-
Posibles impactos negativos sobre o medio ambiente. O estudo de impacto ambiental identifica un escenario de alta saturación de parques eólicos no entorno: en 10 km localízanse 17 parques que teñen 171 aeroxeradores e, aparte, outros 7 parques que suman 53 muiños que están en diferentes fases de tramitación administrativa. As medidas propostas pola empresa non son garantía suficiente para unha adecuada “prevención, corrección ou compensación”.
-
O emprazamento seleccionado para a instalación do parque eólico Satrebares e as súas infraestruturas de evacuación albergan valores ambientais de alta sensibilidade, situándose no interior das reservas da Biosfera Terras do Miño e As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, e próximo á zona especial de conservación do Parque Natural de Fragas do Eume da Rede Natura 2000.
-
O proxecto contemplaba 3 alternativas posibles pero segundo o MITECO a “sensibilidade ambiental dos territorios afectados é similar nas tres alternativas”.
-
No expediente de información pública constan 5.105 alegacións particulares de persoas físicas e asociacións, baseándose entre outros nos puntos anteriores e en que o estudo de impacto non reúne nivel de detalle nin a escala adecuada, nin ten cartografía actualizada...
A presión social e os informes ambientais frean novos macroparques eólicos. Máis de 5.000 alegacións cidadás evidencian o rexeitamento a proxectos en zonas sensible
Ao final temos das empresas eólicas un denominador común: “prepotencia”, “soberbia”, “desprezo polo territorio” e unicamente buscan “negocio rápido”. Moitas presentan proxectos ou macroproxectos fragmentados ambientalmente con efectos sinérxicos e acumulativos, proxectos impresentables en zonas xa saturadas de eólicos con liñas de alta tensión quilométricas que afectan a varias provincias e que implican impactos paisaxísticos e servidumes gratis, permanentes e prexudiciais para o medio agrícola-forestal.
A maioría dos proxectos presentan informes ambientais “á medida dos seus intereses” con carencias, cando non ocultando ou mentindo, e son agresivos cos valores ambientais básicos, paisaxísticos, socioeconómicos e humanos mesmo situando os muíños próximos ás aldeas e vivendas. O abuso, espolio e depredación son unha constante; a rendibilidade que deixan aquí é insignificante, por non dicir unha miseria, comparada co alto beneficio empresarial que obteñen e o impacto e custos sociais quedan para todos nós.
Pero aínda queda a dignidade dunha sociedade que é capaz de defender o seu territorio. Parabéns a aqueles xuíces e administración que analizan e valoran rigorosamente os proxectos e, se “non cumpren”, paralízaos. Ao mesmo tempo, buscando o ben común, debemos estar polo lema de moitas mobilizacións veciñais: Eólica sí, pero non así. @mundiario