A táctica dos vellos ultramarinos ou como reiventarse contra a crise

Hoxe quedan realmente moi poucos. Mais debiamos volver a eles. Á táctica das tendas de ultramarinos. O seu sistema de negocio semella aproveitable neste desconcerto da crise, sobre todo cando falamos de emprendemento individual. A crise leva de
Montaje de la revista 'New York' sobre la figura de Bernie Madoff.
ultramarinos

Hoxe quedan realmente moi poucos. Mais debiamos volver a eles. Á táctica das tendas de ultramarinos. O seu sistema de negocio semella aproveitable neste desconcerto da crise, sobre todo cando falamos de emprendemento individual. A crise leva derrubado grandes certezas e fai agromar, por outra banda, vellas estratexias. Como a do ultramarinos.

Os ultramarinos son especialistas na diversidade. Non debemos confundilos cos supermercados de hoxe. Os supermercados son dispersos e a súa oferta é horizontal. Os ultramarinos, pola contra, tiñan tres ou catro espazos ben diferenciados, ás veces mesmo con mostradores diferentes; en cada un deles chegaban a un alto grao de especialización, con clientela propia, pero caixa común, e sempre ofrecían, dun xeito accesible, algo que non se podía atopar en ningures.

Un dos espazos, por exemplo, ocupábao a gastronomía (a perecedeira máis a outra: todo ese mundo exótico dos afumados, dos escabeches ou das especias). Noutro espazo do local desenvolvíase o que hoxe sería ferretería (selectiva e práctica, con pouco stock, destinada a atopar arranxo rápido a calquera imprevisto). Noutro, bebidas a granel que se podían consumir in situ: ou sexa, tiñamos bar tamén, e tele. E segundo as habilidades ou capacidades de cada propietario, os ultramarinos podían especializarse nunha cuarta ou quinta función (que podería ser do máis singular ou exótico: dende ofertar queixos de importación ata cordas de todos os diámetros, como era o caso dun preto da miña casa luguesa nos anos oitenta).

A táctica do ultramarinos era/é, xa que logo, a multifunción, a transversalidade, a especialidade no diverso, como diciamos. Nunha situación de emerxencia como a que agora estamos a vivir, este é un espello posible ao que mirar. Trátase de combater a precariedade laboral como fixeron eles: tocando varios paus, diversificando.

O que é evidente é que os especialistas unívocos, eses que o controlan todo pero dunha soa cousa, e que fóra dela quedan atoados, non parecen resolver as demandas deste mercado laboral. Estamos en “economía de guerra” e iso require novas/vellas tácticas de combate profesional.

A táctica dos ultramarinos esixe, evidentemente, un despregue físico e mental. Non é nada doado. É como montar minitendas dentro da cabeza dun. Ao mellor tampouco dá resultado. Pero mentres non escampe non hai outra que a proba do ensaio e do erro.

Comentarios