Laxeiro, artista do Día das Artes Galegas 2022 da RAGBA

caratula dia das Artes 2022
caratula dia das Artes 2022

Unha exposición de fotografía de Xurxo Lobato recolle o especial momento vivido na Galería Trinta de Santiago o 28 de abril de 1987, cando o pintor lalinense creou en vivo o cadro “Aparición”.

Laxeiro, artista do Día das Artes Galegas 2022 da RAGBA

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrou hoxe venres, 1 de abril, o Día das Artes Galegas cun acto institucional en lembranza do pintor José Otero Abeledo, coñecido como Laxeiro, persoeiro homenaxeado neste 2022. O evento iniciouse coa inauguración da exposición de fotografía “Acción Laxeiro”, comisariada polo  académico numerario da RAGBA e fotógrafo Xurxo Lobato, no hall da Academia. A continuación, procedeuse coa celebración do acto oficial á que asistiron a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane; Rebeca Blanco en representación do Consello da Cultura Galega; a concelleira de Cultura de Vilagarcía de Arousa, Sonia Outón; e o presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo; entre outros académicos e autoridades.

A RAGBA determinou dedicar o Día das Artes Galegas 2022 a Laxeiro (Lalín, 1908 –Vigo, 1996), un ano para afondar e espallar esta figura decisiva para o desenvolvemento e difusión da arte galega no século XX, cuxa obra moderna e renovadora estivo sempre comprometida coa realidade do contexto sociocultural do seu tempo. Facendo unha emotiva semblanza de Laxeiro, Manuel Quintana Martelo narrou a infancia e os inicios do pintor do Deza, nacido no lugar de Donramiro en Lalín en 1908 ata o seu pasamento en Vigo en 1996, “unha vida e obra que cubre o pasado século XX”. Quintana relatou como comezou a súa andaina xa de neno nas terras lalinenses e ben cedo amosando unhas condicións que aveciñaban a súa futura calidade artística, ao acadar unha beca do Concello de Lalín para realizar estudos de arte. Así, lembrou Quintana, é como descobre a obra dos grandes clásicos, para ir dando forma ao seu debuxo e pintura, chegando a conformar na compaña de Luis Seoane, Manuel Colmeiro ou Carlos Maside “os recoñecidos como renovadores da plástica galega”.

Na súa etapa arxentina, Quintana Martelo explicou que alí realizou boa parte do seu traballo máis significativo, regresando a Galicia no ano 1970 e instalándose, alternativamente, en Vigo e en Madrid. “Podemos afirmar, sen dúbida, que Laxeiro é un daqueles que ten a capacidade de afondar nas fontes inspiradoras, nos alicerces da cultura galega, tomando como unha das súas referencias a obra do Mestre Mateo no Pórtico da Gloria de quen sabemos foi un decidido admirador. Cumpre tamén a súa obra coas fontes tradicionais dos arquetipos do rural galego, pero cheo dunha fantasía e fabulación moi achegado a súa recorrida fantasía da familia da Romea que, en moitos momentos, ou sempre, vai dar forma a súa obra cun significado cualificativo persoal sen esquecer a posta en escena de contemporaneidade” –indicou–.

Neste punto, o presidente agradeceu a colaboración de diferentes organismos para a celebración deste ano de Laxeiro, á Xunta de Galicia, aos Concello da Coruña, Vigo e Lalín, ás Deputacións da Coruña, Lugo e Ourense,  e ao Parlamento de Galicia. “Somos unha institución aberta e disposta a estar alí onde a cultura do noso país o demande, xa que facendo cultura facemos país, e a cultura, tantas veces maltratada ou esquecida, é o pouso que deixan os pobos para a súa historia”.

Tamén como síntese do traballo da Academia, Manuel Quintana Martelo sinalou que a institución leva medrando desde 2015 coa incorporación de novos académicos e novas académicas, “buscando actualizar e mesmo aumentar a presenza de mulleres, pero non por compromiso ético senón por méritos”. Tamén se incorporaron novos académicos de honra, establecéronse convenios coas Deputacións, concellos e mesmo co Parlamento de Galicia, visitáronse distintas cidades e vilas galegas, púxose en marcha a exposición itinerante “Facer Camiño” por vilas polas que discorre o Camiño de Santiago, e celébranse os encontros no Pazo de Mariñán para poñer en contacto o traballo das universidades e os centros de arte, entre outras actividades. “Esta Academia vai estar sempre presente en todos aqueles lugares que o requiran, porque somos unha institución aberta e disposta a estar alí onde a cultura do noso país o demande, xa que facendo cultura facemos país, e porque a cultura, tantas veces maltratada ou esquecida, é o pouso que deixan os pobos para a súa historia e, por iso, tamén queremos facer unha chamada á concordia, á paz e ao encontro dos pobos fóra de loitas, invasións e de todo o que só aporta desgraza e tristeza”.

Unha das vellas aspiracións da RAGBA é recuperar o Salón Noble do piso superior da sede da Academia, unha teima que o presidente dixo que tiña unha boa acollida por parte do Concello, polo que agradeceu publicamente á alcaldesa a concesión deste agasallo que “dará a posibilidade de ensanchar a nosa presenza cultural no ámbito da cidade e mesmo de toda Galicia.”

Unha exposición fotográfica itinerante que percorrerá Galicia

Como un recordo presente do pasado do artista, a pincelada de Laxeiro quedou reflectida hoxe na inauguración da mostra fotográfica “Acción Laxeiro”, comisariada polo fotógrafo e académico numerario da sección de Artes da Imaxe Xurxo Lobato. Esta mostra está baseada na obra “Aparición”, cadro de gran formato creada en vivo por Laxeiro o 28 de abril 1987 na Galería Trinta –situada naquel entón na rúa Nova de Santiago de Compostela–, o día da inauguración dunha mostra súa, e esta acción expositiva de Lobato describe o que foi aquel evento. A exposición “Acción Laxeiro” viaxará despois por Galicia para visitar o Centro Marcos Valcárcel da Deputación de Vigo, O Vello Cárcere do Concello de Lugo e o Museo Municipal Ramón María Aller Ulloa en Lalín.

O presidente da RAGBA compartiu con todo o público a súa relación con Laxeiro, desde que se coñeceron en Vigo en 1971, nunha mostra de artistas emerxentes na Praza da Princesa, pasando polos anos 80 e xa na última etapa da súa vida. Centrouse na conversa mantida durante diversos días con Laxeiro en Madrid, onde Quintana Martelo e Manolo Allué –naquel momento directores da Galería Trinta– tentaban convencer a Laxeiro para facer esa mostra en Compostela, compartindo risas, historias e anécdotas laxeirianas. E aí xurdiu a idea de pintar o cadro, que en preto dunha hora tiña feito, “unha obra fresca, viva, áxil, de trato exquisito e onde foi todo un acontecemento ver como comezaba con trazos rápidos e pouco a pouco,  como por arte de maxia ía xurdindo a súa fantasía pictórica”, segundo describiu Quintana

Dous días e un sinfín de imaxes con Laxeiro

Tamén de primeira man narrou Xurxo Lobato a súa relación con Laxeiro. Desde o comezo da súa etapa profesional, e ao longo da súa vida, Xurxo Lobato tivo a oportunidade de coñecer a Laxeiro, en dúas ocasión, foi a relación máis intensa. No ano 1987, sendo Lobato coordinador do proxecto “Galicia a pé de foto”, onde varios fotógrafos de diferentes lugares de España retrataban a Galicia desde diversos puntos de vista, para finalmente culminar na edición dun libro coeditado pola Universidad Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) e Lunwerg editores.

Lobato encargouse de fotografar a persoeiros da cultura, entre eles Lobato. “Citoume no seu estudo da rúa Príncipe de Vigo. Alí estiven toda a mañá retratando e escoitando as súas historias. Polo serán, acompañeino a Compostela onde na Galería Trinta, pintaría unha obra en vivo ante os asistentes invitados, o que hoxe chamaríamos action painting. Un día con Laxeiro, unha experiencia inesquecible” –explicou–.

A outra relación máis estreita co pintor que destacou Lobato, foi cando o fotógrafo estaba a facer a serie de “Galegos na escaleira”, retratando a un galego/a nunha escaleira o máis acaída coa súa personalidade, e logo unha persoa que coñecera ao personaxe escribía o texto sobre del. Cando invita a Laxeiro a participar, o pintor dille que escaleira xa a pinta el, e que escribe sobre ela el mesmo. “Cítame no seu piso de Urzaiz en Vigo, e alí retrato o proceso creativo de Laxeiro pintando unha escaleira. O remate para celebralo púxose a tocar a pandeireta e mais a frauta da ledicia que tiña. Laxeiro en estado puro” –rememorou Lobato–.

A “Aparición”, a creación pública dun Laxeiro global

O afortunado coleccionista que posúe a obra “Aparición” é o xornalista Xosé Ramón Pousa que, xunto a súa compañeira María Jesús Castro, que mercaron e apalabraron con Laxeiro o prezo do cadro antes da súa realización o citado día de abril do 87. Naquel acto, unha especie de vernissage, Pousa lembrou que estaban presentes os principais creadores plásticos de Galicia: Xulio Maside, Felipe Criado, Ventura Cores, Alfonso Sucasas, Correa Corredoira, Antón Castro, Permuy, Huete, especialistas como Marisa Sobrino, Xosé Blanco, ou personalidades como Xerardo Estévez..., entre máis dun cento de convidados. Xosé Ramón Pousa argumentou que arriscar o prestixio pintando un cadro de gran formato ante un público especializado é un reto que moi poucos artistas de renome, como Laxeiro, se atreven a facer, e que saia ben e que o cadro pase a ser toda unha referencia dentro da súa obra é algo excepcional. “En pouco máis dunha hora, un cento de espectadores vivimos a destreza dos pinceis de Laxeiro que, facilmente, sen dúbidas nin pausas, foi transformando un lenzo, branco inmaculado, nunha venta ao mundo máxico dun artista consagrado” –manifestou–. @mundiario

 

Facendo memoria, Pousa explicou como Laxeiro, con case oitenta anos, encheu a tea de cor –cos seus típicos azuis intensos, negros, brancos, ocres, verdes e laranxas– e coa súa marcada estética abstracto-impresionista. “E coa firma plasmada na tea, soaron os pechados aplausos dun público entregado” –concluíu–.

Laxeiro, artista do Día das Artes Galegas 2022 da RAGBA
Comentarios