As Festas de San Froilán serán as protagonistas do último “Vaia Troula” da temporada

Vaia Troula. / CRTVG
Vaia Troula. / CRTVG

Nieves Rodríguez estará presente no tradicional Domingo das Mozas, que é un dos días máis importantes da festa.

As Festas de San Froilán serán as protagonistas do último “Vaia Troula” da temporada

Este luns pola noite Vaia Troula despide a temporada cun programa moi especial que terá como principal argumento as Festas de San Froilán de Lugo.

A presentadora Nieves Rodríguez e as reporteiras Ariadna Leis, Belén Vara e Belén Rivero estarán na cidade das murallas para vivir unha das celebracións máis importantes e multitudinarias do ano.    

Nieves Rodríguez estará presente no tradicional Domingo das Mozas, que é un dos días máis importantes da festa. Nesta xornada, as rúas de Lugo convértense no escenario de ducias de grupos folclóricos e dun impresionante desfile de traxes galegos. E, como non podía ser doutra forma, a presentadora tamén acudirá ás casetas do polbo para comer este delicioso manxar.         

Pola súa parte, Belén Vara terá a oportunidade de pasar o día de San Froilán cos veciños de Lugo, que senten verdadeira paixón pola súa festa. Xunto a todos eles, os espectadores gozarán da troula e coñecerán os recunchos máis atraentes da cidade.

Belén Rivero será unha máis no día do inicio do San Froilán. Así poderá falar cos membros da famosa familia Pelúdez, que é un dos símbolos da festa. E Ariadna Leis dedicará a súa estadía en Lugo a bailar na verbena tradicional galega e a ir de tapas por unha cidade onde os viños e a comida teñen un sabor incrible.

Pero ademais de todo este divertido percorrido polo San Froilán de Lugo, as cámaras de Vaia Troula tamén estarán presentes na Festa do Marisco do Grove, na Semana da Tortilla do concello de Betanzos e na Exaltación da Faba de Lourenzá. A romaría do Cabalo de Tomiño, o Encontro de Danzas de Camariñas e a gran romaría de San Breixo, no concello de Barro, completan o menú trouleiro do último programa da temporada.

E, para que ninguén quede con ganas de bailar, a orquestra Cinema ofrecerá unha actuación cargada de ritmo. @galiciamundiari

Comentarios