Cara a unha ordenación integrada do litoral galego
Recolliamos nestas páxinas de MUNDIARIO hai unhas semanas unha reseña dunha entrevista ao catedrático da UDC Javier Sanz Larruga, director do Observatorio do Litoral, na que sinalaba que Galicia ten o coñecemento e as competencias para xestionar a súa costa.
- Coñecemento porque Galicia ten case 1.500 Km dunha intrincada e marabillosa costa (do total do 8.000 km da costa española), 73 municipios costeiros con case mil areais, nos que viven case un millón e medio de persoas (algo máis do 50% da poboación galega) e nos que se desenvolve unha potente industria vinculada ao mar que alcanza os 9.000 millóns de euros de valor global do sector en datos de 2019, un 5% do PIB Galicia, xerando 40.000 empregos directos e constituíndose así na cuarta actividade da nosa economía.
- E competencia porque Galicia xa dispón do marco estatutario necesario para exercer atribucións e xestionar os usos e ocupacións no dominio público marítimo-terrestre.
Galicia conta ademais con competencias estatutarias, con distinto nivel de intensidade lexislativa ou de execución, sobre actividades e sectores que se desenvolven sobre a franxa costeira, en materia de portos, ordenación do sector pesqueiro, marisqueiro e da acuicultura, promoción e ordenación do turismo, promoción do deporte, verteduras ao litoral e, por suposto, urbanismo e protección do medio ambiente.
Recentemente, o Goberno central ven de aprobar os Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) nas cinco demarcacións mariñas españolas, reservándose na demarcación noratlántica a maior superficie da costa española para a enerxía eólica con 2.688 km cadrados, previsión que ten aberto un intenso debate na priorización dos usos e recursos da nosa costa, nomeadamente co sector pesqueiro.
A ordenación do litoral galego esixe así un enfoque sistémico e integrado, contemplando todos os espazos de terra e mar que integran a nosa fachada costeira.
A exposición pública por parte da Xunta de Galicia do anteproxecto de lei de ordenación do litoral de Galicia abre necesariamente a discusión, que queremos compartir en Galicia Debate da man do profesor Javier Sanz Larruga e da profesora Marta García Pérez, ambos catedráticos de Dereito Administrativo da UDC e que desde o Observatorio do Litoral tiveron un papel crave na fase inicial de elaboración do novo anteproxecto de lei.
Esta nova sesión de Galicia Debate na Coruña terá lugar na cea-coloquio que celebraremos o vindeiro mércores 26 deste mes abril, ás 20.30 horas no Hotel Attica 21 Coruña, rúa Enrique Mariñas, 34.
As persoas que no pertencen o chat de Whatsapp de Galicia Debate que desexen participar poderán inscribirse antes do próximo venres 21 na dirección de correo electrónico acoruna@galiciadebate.com @mundiario