Un paso adiante e outro tamén
“Nós temos fe no noso pobo e moi logo o noso pobo terá fe en nós”
Castelao.
As persoas facémonos aprendendo a amar desde o día que nacemos. Amar o outro e a si propia. Amar o individuo e o colectivo nun camiño que transitamos canda o exemplo das referentes, as imprescindíbeis espellos que foron para seguiren a ser en nós. Nelas explicámonos.
Os trobadores de nome propio e as anónimas. As cantareiras que peneiraron o brillo das coplas. Os canteiros que repenicaron na Berenguela. A pluma rosaliana que ergueu a voz aliada dun pobo aminorado. O corpo expulso dun compromiso sempre en Galiza. A labarada que alampea o corpo de Alexandre Bóveda. A liberdade no extrarradio da longa noite de pedra.
Unha moitedume de luciñas que representa o pobo galego en pé, a soñar en plural colectivo. E nós imos facendo parte.
A memoria recente lévanos a un pobo que segue a medrar no amor ao país das referentes. De Nunca Máis a Altri Non e Queremos Galego fala a conciencia de noso, a defensa do noso lugar no mundo e a vocación de autogoberno porque ninguén manda en nós máis que o vento, escribiu o poeta Xosé Iglesias. Por iso a esixencia social dunha proposta política que as canalice como ferramenta de transformación e avance, con autonomía e raíces firmes en Nós.
A forza do amor á Terra nunca é inútil.
O amor a Galiza xestado ao redor da marea negra do Prestige levoume en 2002 a ser parte do proxecto político do BNG. O mesmo amor inalterábel que me fixo permanecer e acreditar en que era posíbel reconstruírmos o BNG como alternativa política que convertese Galiza en suxeito propio e non en complemento circunstancial entregado a intereses alleos.
Un tempo novo para o BNG
En 2016 acompañoume unha mociña adolescente a un acto político en que participaba a recén eleita Ana Pontón como portavoz nacional. Ao saírmos, pregunteille que lle parecera. A súa resposta foi rápida: “Entendín o que dixo Ana Pontón e ademais penso que ten razón”.
Confésolles que respirei aliviada e orgullosa. Agora si comezaba un tempo novo para o BNG reconectar co pobo galego, tamén cunha mocidade que precisa referentes do seu tempo.
Unha organización sólida termara dos cabos, os principios firmes sostiveran as velas e a capitá estaba preparada para ler o mapa da ruta e guiar a tripulación porque coñecía a forza do país, tiña un proxecto de ilusión e esperanza para el e estaba en disposición de dálo todo para que o sentir galeguista e nacionalista medrasen a favor de Galiza.
Apenas oito anos despois o BNG, a casa común no amor e defensa de Galiza, medrou de forma imparábel en apoio social, en militancia, simpatizantes e en votos en todas as convocatorias electorais. Volta ser referente coma nunca.
Un éxito colectivo, construído desde cada recanto de Galiza, que converteu o BNG nunha forza confiábel e críbel, en ascenso continuado, referente de implicación e compromiso para cun pobo que non se resigna a deixarse invalidar pola indiferenza.
Unha muller referente que se pon na pel do outro e á fronte dunha organización ferminista, que esperta orgullo e complicidade e que nos convida ás mulleres a darmos sempre un paso máis alá deixando atrás a síndrome da impostora.
Ana Pontón, a lucidez da cabeza visíbel e o latexo vivo do corazón presentido, a palabra certa e o talento político, arroupada por un grande equipo xeneroso, que debemos redobrar o conxunto da militancia na XVIII Asemblea Nacional que se celebra o 1 de decembro.
O noso compromiso intacto cos principios do BNG para facer avanzar unha Galiza do XXI.
Un paso adiante e outro tamén, Galiza. @mundiario