A lingua e a cultura nunha Galiza mellor

Manifestación a favor do galego.

No BNG gústanos a lingua galega. Gústanos a cultura galega. Gústanos coñecer os procesos creativos dos nosos creadores e creadoras. Gústanos a identidade propia que proxectan desde nós cara ao mundo para nos facer sentir singulares dentro da diversidade e da pluralidade de linguas e culturas.

No BNG presumimos da nosa lingua, como creación e expresion cultural colectiva, sen complexos nin limitacións, porque é a lingua dos afectos, veñan estes da transmisión interxeracional ou das chegadas conscientes das neofalantes ao porto de abrigo que sempre é a lingua galega.

Para o BNG a cultura é un dereito que, ademais, xera riqueza.

No BNG acreditamos nunha cultura galega viva, dinámica e aberta, que dialoga en igualdade co resto das culturas do mundo, en continua experimentación e innovación, con intención formadora no persoal e transformadora no social, que estimule a participación cidadá, apoie a creación artística, faga aínda máis visíbel a nosa produción cultural e actúe como elemento de dinamización, desenvolvemento e vertebración territorial, social e económica do noso país.

O pobo galego ten demostrado que sente orgullo da súa identidade cultural. Este sentimento de orgullo partillámolo no BNG.

Por iso un goberno liderado polo BNG acreditará na lingua e na cultura galega como espellos nos que nos mirar para nos proxectar ao mundo. A lingua, a cultura, o talento, a creación serán bandeira do novo goberno liderado polo BNG.

É agora o momento de avanzar cara a unha nova Galiza sostida nos pulsos dun futuro en igualdade para a lingua e a cultura galega, para sempre irmos da súa man Máis Alá! @mundiario