Bombas en Gaza, chuvia solidaria en Compostela

Portada do libro Intifada.Ofrenda de poetas galegos a Palestina. / Mundiario
En Compostela cae auga –que tanta falta fai nas casas e nos hospitais de Palestina– mais en Gaza choven bombas que arrasan coa poboación.

Nos anos oitenta, un grupo de mozos palestinos estudaban en Santiago de Compostela e residían no noso concello. Estaban matriculados maiormente en Medicina e boa parte deles tiña como obxectivo volver á súa terra unha vez rematada a formación, para contribuír a fortalecer os servizos sanitarios do seu pobo. Entre eles, un era especialmente coñecido por todo o estudando que naquela altura participaba en multitude de iniciativas e mobilizacións, non só na defensa dos nosos dereitos senón tamén de solidariedade con aquelas persoas e pobos que o precisaban.

Chamábase Mohamed Safa e, ademais de estudar, desenvolvía unha intensa actividade de concienciación sobre a situación do seu pobo, sobre a súa loita heroica e o masacre inxusto que padecía por parte do Estado de Israel. En 1991 –van máis de corenta anos alá– publicou un libro que lemos con atención. Titulábase Palestina. Tierra de luz y sombra e relatábanos, como el dicía, unha historia de "gloria e destrución, de esplendor e longa noite" que o autor decidiu iniciar cos primeiros movemento migratorios, nin máis nin menos que no III milenio antes da nosa era, cando aquela terra fértil era o paraíso desexado, para logo relatar a historia de acoso e derribo dun pobo que engade nas últimas semanas un dos seus episodios máis sanguentos e crueis.

Pegamos agora, insisto, máis de corenta anos despois, no libro de Safa e percorremos unha historia que explica moito mellor o noso presente. Asistimos así á ocupación de territorio e ao recoñecemento do Estado de Israel cando aínda non tiña nin fronteiras definidas, o obxectivo de conquistar "un territorio árabe mais sen árabes", o grande éxodo de persoas refuxiadas a países árabes limítrofes e o acoso e derribo da poboación, como aquel atentado inicial nos anos cincuenta en Kurf Kassem que rematou a golpe de metralletas co asasinato de máis de medio cento de persoas nunha aldea ao regreso do seu traballo no campo nos anos cincuenta. "Pretendían con esta matanza e outras tantas, sementar o medo e o horror entre a poboación palestina, para obrigala a buscar seguridade e salvación, ou mellor dito, un refuxio, xustamente fóra do territorio palestino", apunta Safa no seu libro. Insisto, porque é importante sinalar as datas, fala dun atentado dos anos cincuenta. Naquela altura producíase ao tempo unha ocupación exponencial das terras que non tardou en se situar no 78%. O autor lémbranos, non sen dor, aquela frase atroz de Ralph Banch, daquela secretario xeral adxunto para asuntos políticos da ONU: "Lamento que este estado teña nacido expansionista".

No lacónico e inoperante da expresión recóllese, dalgunha maneira, a actitude en toda esta longa historia dos organismos internacionais, dos chamados xendarmes do mundo, que tiveron en Palestina unha actuación cómplice cun exterminio que se está a converter nun dos maiores dramas da historia, un xenocidio que se retransmite en directo sen que ninguén pareza ter intención real de paralo.

Longa e dura historia

Mais Mohamed Safa lembrábanos que hai xa máis de tres décadas unha palabra árabe ecoaba en todo o mundo e concienciaba con máis forza sobre a loita palestina. Nacía en 1987 a Intifada, o rexeitamento civil da poboación palestina á ocupación israelí ou, como el a definía, a "reacción inevitábel ante unha situación límite". Situación límite, si, a fins dos oitenta xa. E a poboación tiraba pedras contra mísiles nunha loita desigual que sumaba vítimas e doíanos tanto naquela Compostela en que queriamos construír un mundo mellor.

Tamén porque, desde a propia Intifada, chegábanos a mensaxe de que a súa loita era polo dereito de autodeterminación e, mesmo coa diferenza de situación e a distancia dos territorios, nós eramos quen de entender e solidarizarnos con ese obxectivo. Con esa idea, o Parlamento Palestino no Exilio decidiu en 1988 a Declaración do Estado Palestino Independente. Estaba, como se dixo naquel momento, a "un tiro de pedra" mais, 35 anos despois, continuamos a reclamar o seu recoñecemento internacional, que as resolucións de Nacións Unidas non sexan cinza, que se poña fin á complicidade co Estado de Israel e que se pare o masacre co pobo palestino.

Remítome hoxe a esta longa e dura historia porque é fácil demostrar que o proceso de exterminio acentuado en Gaza vén de lonxe. Non é, por tanto, un tema recente e consiste nun ataque sistemático que vén padecendo o pobo palestino desde hai xa moito tempo. É un xenocidio que se está a producir ao tempo que o Estado de Israel continúa a súa cruenta ofensiva sen que ninguén poña medidas para parar o horror, nin hai sancións comerciais nin procesos abertos contra un goberno que acumula razóns para ser acusado de crimes de guerra.

As imaxes diarias son aterradoras e percorren o mundo con tanta forza como o discurso que exculpa Israel e se mostra cómplice cos seus crimes, colaboracionista cos grandes poderes económicos e políticos con intereses no territorio. O control do discurso merece, neste caso, unha análise demorada que desvelaría a eficacia dos tentáculos de quen realmente move o mundo.

Mais, neste tempo noso, os medios teñen moito poder, ben o sabemos, mais non son quen de calar conciencias, de calar as voces que, cada día máis, berran contra o horror. O pasado sábado, nunha xornada de intensa chuvia, milleiros de persoas camiñamos as rúas de Santiago para que se sentise a nosa voz fronte á barbarie. Non no noso nome. A arroiada non parou a mobilización porque, como se repetiu nas intervencións finais, en Compostela cae auga –que tanta falta fai nas casas e nos hospitais de Palestina– mais en Gaza choven bombas que arrasan coa poboación.

Asistimos con dor ao silencio da comunidade internacional, á falta de accións contra Israel; vemos con horror como os gobernos occidentais continúan vendendo armas ao estado xenocida como irmáns menores do gran contratista da guerra que continúan a ser os Estados Unidos –fiel aliado do Estado sionista–, que coida da defensa de Israel sen importarlle a destrución de escolas ou  hospitais co asasinato de milleiros de persoas. No outro lado da pantalla, milleiros de palestinos/as continúan a ser asasinados/as diante dos nosos ollos. E isto acontece agora máis que nunca e respondemos a ese ataque mais, como dicía, só como punta de lanza dun horror que vén de lonxe. A ONU dá unha cifra aterradora. 1.434 nenos e nenas foron asasinados/as entre 2008 e o 31 de agosto deste ano, antes de iniciar esta barbarie que multiplica vítimas dun pobo que ten dereito a súa existencia, que merece unha vida en paz.

Un alto ao fogo humanitario

Israel vulnera o Dereito Internacional cunha impunidade asombrosa e en nada fican as resolucións de Nacións Unidas condenando o ataque aos dereitos humanos, a usurpación de terra, os asentamentos ilegais ou a operación de limpeza étnica deseñada co fin da expansión total en terra palestina. En palabras da relatora da ONU para Palestina, Francesca Albanesa, o conflito está na ocupación dun Estado sobre as aspiracións dun pobo. A grave situación que vivimos esixe un alto ao fogo humanitario, un SOS dos pobos do mundo con Gaza.

A planificación do terror execútase sobre a poboación civil como un castigo sen piedade e a resistencia faise máis dura entre milleiros de persoas mortas, bombas e a falta de auga, combustíbel, alimentos ou electricidade. Gaza está sendo arrasada diante dos nosos ollos e o Dereito Internacional mostra o seu lado máis débil e ineficaz, ao servizo dos mandos dunha aniquilación inxusta e insoportábel. Falamos de case 8000 persoas asasinadas nas últimas semanas, dor e desolación sen medida e sen tregua que tería que avergoñar as institucións internacionais. Gaza asolada e bloqueada mentres as cámaras das televisións occidentais gravan na distancia pola prohibición de Israel de entrada de xornalistas que testifiquen o masacre.

Manifestación en Compostela. / Mundiario

Compromiso irrenunciábel

Por todo isto, en Compostela este sábado quixemos que se vise o noso compromiso irrenunciábel co pobo palestino, a nosa condena ao xenocidio, a esixencia de que a comunidade internacional pare a barbarie e deixe de apoiar o terrorismo de estado. Denunciamos tamén, como se dixo no manifesto final, as políticas da Xunta, o Goberno Español e a UE de complicidade co Estado de Israel. Esiximos tolerancia cero con este horror insoportábel e reclamamos o dereito de autodeterminación do pobo palestino.

As imaxes son aterradoras, nenos e nenas brutalmente asasinados /as mentres o concerto internacional continúa a nutrir de armamento o Estado de Israel. Mantéñense tamén as relacións diplomáticas e comerciais co goberno asasino con normalidade, sen ningún boicot nin cancelación. A nosa voz é máis urxente que nunca e en todo o mundo ten que sentirse forte para denunciar que non calaremos nin pararemos de sinalar os responsábeis do xenocidio.

Naquela Compostela de 1989 a que me refería no inicio deste texto nacía un volume colectivo que se titulaba Intifada.Ofrenda de poetas galegos a Palestina, publicado pola Fundación Araguaney e que vería posteriormente unha segunda edición ampliada. Os versos de Xela Arias baten aínda con máis forza hoxe as nosas conciencias cando se dirixe a eses nenos e nenas e di:

"enfía as túas pedras e

 avergónzanos mentres habilitas da túa infancia

unha adolescencia rodeada de mortos máis vivos

cás nosas historias de ondulantes corredores demócratas".

E finalizo coa firme voz de Xela Arias para homenaxear tamén a escritora Adania Shinli a quen a Feira do Libro de Fráncfort cancelou a entrega dun premio que recoñecía a súa novela que narra a violación e asasinato dunha nena palestina en mans de soldados israelís en 1949. As súas voces firmes contra o que posibelmente é o maior horror que marcará a historia da nosa xeración. @mundiario