COUSAS MIÚDAS

A construción da nación desde o realismo político

O libro A construción da nación desde o realismo político, de Manuel López Foxo. / Mundiario
Seis cousas miúdas sobre Manuel López Foxo, Foment del Treball, as facultades de medicina na Galiza, Gemma Nierga, The Washington Post e Catherine Russell.

Cousa I

Manuel López Foxo, colaborador de longa data deste MUNDIARIO, publica A construción da nación desde o realismo político, un volume que tira do prelo unha editora de recente criación, Lorref.

A obra compila artigos publicados na edición Galicia deste xornal.

Manuel Veiga faille unha reseña gabanciosa no Nós Diario. Normal: o libro ten moi, moi boa pinta.

Cousa II

“Sen inmigración non podemos producir e non somos competitivos. Os poderes públicos teñen que nos escoitar”.

A frase non é dun dirixente da esquerda, senón de Josep Sánchez Llibre, da patronal catalá, Foment del Treball.

Unha frase que desde logo non asinarían nin Vox nin Aliança Catalana nin tampouco hoxe un PP demasiado atento a non incomodar os sectores ultra do electorado.

Unha frase chea de intelixencia e que revela que o capital non se pode realizar sen o factor traballo. De primeiro de marxismo: só o traballo cría valor e sen traballadoras/es -sexan autóctonos ou inmigrantes- non hai plusvalía.

Cousa III

Necesitamos formar máis médicas e médicos nas universidades públicas galegas, no conxunto do sistema universitario do País. Máis médicas e médicos. As 400 prazas en Primeiro de Medicina da USC non chegan. Que é o que non entende o PP galego? Ou que intereses serve ao defender ese límite de prazas?

Cousa IV

Vista a entrevista de Gemma Nierga ao presidente do Goberno español na televisión pública estatal, conclúo que non, que non estamos nunha ditadura e que si, si é posíbel o xornalismo nos medios que pagamos cos nosos impostos.

Cousa V

Xa non é posíbel ocultar que os EUA están a cometer crimes de guerra no Mar do Caribe, coa coartada do combate contra o narcotráfico. Moi interesante, nese sentido, o traballo de investigación xornalística do The Washington Post, o mítico diario que tombou Nixon e que agora, ai!, é propiedade de Jeff Bezos.

A coartada non dá agachado o albo obxectivo que persegue Washington: facerse coas fabulosas riquezas naturais (a comezar polo petróleo) de Venezuela.

Cousa VI

Como é obvio, estou moi lonxe de ser Obama ou Pedro Sánchez, mais vanme permitir que eu tamén faga recomendacións musicais e partille con vostedes unha recente descuberta que fixen no océano de Spotify: a voz de Catherine Russell (Nova Iorque, 1956). Puro jazz clásico, a bordar eses standards típicos dos filmes de Woody Allen. Seica estivo hai pouco por Euskadi. Estaría ben que algún día apañase o micrófono nalgún palco galego. @mundiario