Chega a conmemoración dos 25 anos de actividade xudicial en lingua galega

Casa do Concello de A Fonsagrada, en Lugo.
Casa do Concello de A Fonsagrada, en Lugo.

O Xulgado da Fonsagrada (Lugo) atesoura, por dereito propio, a experiencia máis importante e exitosa da normalización da lingua galega, segundo salienta este comentarista.

Chega a conmemoración dos 25 anos de actividade xudicial en lingua galega

O Xulgado da Fonsagrada (Lugo) atesoura, por dereito propio, a experiencia máis importante e exitosa da normalización da lingua galega, segundo salienta este comentarista.

Cando Antía González Álvarez remate a carreira de Dereito –pouco lle falta- ingresará na Irmandade Xurídica Galega, como fixeron este ano trinta xuristas no acto celebrado no pazo de Fonseca  o pasado día 27 de xuño. Unirase a esas fornadas que desde a xudicatura e a avogacía están emendándolle a plana ás vicisitudes históricas que marxinaron a lingua galega  na administración de Xustiza e procedementos procesuais. Eladio Prieto Bellas, xuíz da Fonsagrada podería apadriñala en tal celebración solemne. Sería unha honra vindo de quen leva exercendo o seu maxisterio xudicial en lingua galega arreo.

En máis dunha ocasión témonos referido a este proceso de galeguización da xudicatura e do dereito, que tivo o seu punto de arranque en maio de 1985 cando a Sala de Contencioso-Administrativo da Audiencia Territorial da Coruña dictou a primeira sentenza en galego. O maxistrado don Claudio Movilla Álvarez, a quen  homenaxeamos en Redondela e Castro Caldelas fora o relator de tal resolución xudicial. 

Hai ben anos, aproveitando as miñas vacacións estivais na Fonsagrada entregáralle copia da sentenza ao xuíz da vila, Xoán Montes, que axiña quixo sumarse á nómina de xuíces e fiscais que xa estaban realizando a actividade xurisdicional en lingua galega. Os maxistrados  Daniel García Ramos, Xosé Xoán Barreiro, Orencio Pérez González, e os fiscais Xoán Horro, Carlos Varela García e Benito Montero,  foron os verdadeiros precursores da galeguización xudicial aos que axiña se foron incorporando compañeiros e compañeira da xudicatura e avogacia.

Moitas foron as actividades que realizamos desde entón para darlle pulo a este proceso normalizador. Gardo grata lembranza  dunha iniciativa exitosa que consistíu na publicación dun libro que titulamos “Contos da Xustiza” en 1999, reeditado anos máis tarde. Unha proposta inédita e exitosa. Escritores  de recoñecida solvencia literaria: Xalvier Alcalá, Manuel Rivas, Suso de Toro, Dario X.Cabana, Carlos Casares, Alfredo Conde, Paco Martín, David Otero e Xesús Rábade escribiron cadanseu relato inspirado na casuística xudicial, e os maxistrados Xosé Xoán Barreiro Prado, Daniel García Ramos, Orencio Pérez Gonzáles, es os fiscais Carlos Varela García e Benito Montero Prego, xunto con Victorino Guiéterrez Aller, notario daquela en Lalín, e Xoaquín Monteagudo, presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, aportaban tamén a súa visión literaria da experiencia profesional. Con estes vimbios, anos despois, construíuse a Irmandade Xurídica Galega.

Desde 1990 o Xulgado da Fonsagrada véuse consolidando como un  xulgado modélico grazas a un grupo de funcionarios e funcionarias que colaboraron cos xuíces que se foron sucedendo durante estes vintecinco últimos anos naquel órgano xurisdicional. Como queda dito, o primeiro foi Xoán Montes, seguido por Alberto Benéitez Antón, que malia ser vasco soubo inculturizar a súa actividade xudicial no noso idioma, por Luís Villares Naveira e polo actual titular, Elado Prieto Bellas.

O próximo sábado, día 18, celebrarase no Xulgado da Fonsagrada un acto público, conmemorativo dos 25 anos de actividade xudicial en lingua galega coa participación de todos os xuíces que fixeron posible esta feliz experiencia, asistidos por numerosísimos profesionais do dereito. Todo traballo ben feito dá seus froitos. Na Fonsagrada  a lingua galega ten porvir.

Comentarios