O TSXG condena a Xunta a convocar un novo concurso de licenzas radiofónicas dixitais

Tribunal Superior de Justicia de Galicia, en A Coruña.
Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na Coruña.
O Colexio de Xornalistas xa ten manifestado en diferentes ocasións a importancia da radio para a pluralidade do ecosistema informativo e a necesidade de que se concedan as licenzas que están disponíbeis, tanto as dixitais como as analóxicas.
O TSXG condena a Xunta a convocar un novo concurso de licenzas radiofónicas dixitais

Tres sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia veñen de condenar a Xunta a convocar de novo o concurso para a concesión dos servizos de radiodifusión dixital, que quedara deserto no 2006 e que algunhas empresas viñan reclamando desde hai dous anos. Situacións semellantes están a producirse tamén noutras comunidades, que tampouco concederan estas licenzas alegando falta de interese comercial. 

A Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ditou o pasado 27 de xullo tres sentenzas distintas contra a Secretaria Xeral de Medios, que veñen de facerse públicas recentemente, segundo informa a web do Colexio de Xornalistas. Nos fallos, o tribunal dá a razón a tres empresas que solicitaron á Xunta poder concorrer ás concesións de frecuencias de radio dixital que aínda están libres, e condena á administración a convocar un novo concurso para outorgalas. 

O conflito remóntase a maio de 2005, cando se convocaron os concursos para a concesión dos servizos de radiodifusión dixital de cobertura autonómica e local. A resolución do concurso recaeu no seguinte goberno, que ao ano seguinte o declarou deserto aducindo que non se daban "as condicións de mercado adecuadas". Seguiron a realizarse concesións de licenzas de radio analóxica (a última este ano), mais as frecuencias dixitais non volveron a saír a concurso malia a que desde o 2018 estas tres empresas o reclamaran. Agora, o TSXG desmonta o argumentario da falta de interese comercial aducindo que "non é sostible dicir que non se convoca o concurso por non existir interese por ningunha empresa cando unha pluralidade de sociedades mercantís o están a solicitar”. 

Segundo constata o Colexio de Xornalistas, a situación galega, porén, non é unha excepción, senón practicamente a norma en todo o estado. Só Cataluña e Baleares convocaron a concesión de licenzas no seu día, e no resto dos casos a decisión está pendente de recursos ante os respectivos tribunais superiores, producíndose xa algunhas resolucións a favor das empresas como as de Navarra, Asturias, A Rioxa, Madrid, Estremadura ou a Comunidade Valenciana. No País Vasco ou Canarias os fallos foron favorábeis ao goberno. A sentenza do TSXG só pode ser recorrida en casación. 

O Colexio de Xornalistas xa ten manifestado en diferentes ocasións a importancia da radio para a pluralidade do ecosistema informativo e a necesidade de que se concedan as licenzas que están disponíbeis, tanto as dixitais como as analóxicas. @mundiario

Comentarios