A suposta boa xestión de Núñez Feijóo, ¿un falso mito?

Alberto Núñez Feijóo. / Mundiario
Alberto Núñez Feijóo. / Mundiario
Malia a súa cativeira xestión ao longo destes máis de once anos, Alberto Núñez Feijóo conserva unha imaxe de bo xestor nunha aprezábel minoría da cidadanía galega. Un fenómeno ben inexplicábel, se analisamos a xeito o seu longo mandato.
A suposta boa xestión de Núñez Feijóo, ¿un falso mito?

Despois de máis de once anos de mal goberno, Alberto Núñez Feijóo aínda é percebido por unha importante minoría de galegos-por sorte minguante, malia o moi circunstancial reactivamento da súa imaxe na conxuntura pandémica-como un bo xestor.

Como ben coñece –ou polo menos intúe– a maioría social deste País non hai tal. Desque chegou ao Goberno ( abril de 2009),  ate o comezo da pandemia Feijóo pechou arredor de mil camas hospitalarias, reducindo a nosa ratio de prazas UCI/100.000 habitantes a 5,88, fronte ás 8,20 estatais ou as máis de 13 da Alemaña. No 2019 o noso país era o terceiro territorio do Estado-só arrastras de Andalucía e Extremadura- con menos camas hospitalarias (3,14/1000 residentes, fronte ás máis de 4 de Catalunya e Aragón). Mais xa dicía o noso conselleiro de Sanidade en xuño de 2016 que as camas “importan nos hoteis e non tanto nos hospitais”. Medre a boa gobernanza!

Na área dos coidados temos a actual catástrofe dos servizos sociais e da dependencia, logo de deconstruir o potente esquema prestacional público e social do BNG de Anxo Quintana no Goberno de coalición 2005-2009. En once anos abandoamos o coidado dos nosos maiores dependentes a multinacionais que seica contan coa inacción inexplícábel (agás probábel colusión) de altos cargos da Administración autonómica. Doutro xeito non se podería entender o informe do Consello de Contas do 2017 que denunciaba que nos anos 2014, 2015 e 2016 constatáranse un grande número de incumprimentos da mínima ratiode 0,35 traballadores/residentes dependentes sen ningunha sanción posterior.

A catástrofe xerencial segue coa continua redución e precarización dos cadros de persoal dos nosos servizos sanitarios, educativos e sociais. Segue coa falla de política industrial (entre 2009 e 2014 perdimos todo o emprego industrial creado entre 2000 e 2008). Coa cativeza do noso investimento en Investigación e Innovación (I+D+i), onde presentamos os índices (0,84% PIB) menores da Europa toda, cunha Axencia de Innovación que só sabe pedir papeis e atrasar as axudas, por certo moi a carón da xestión autonómica da RISGA, renda que non foi quen de amortecer nin un chisco os nosos altos níveis de pobreza extrema.

Xunten vostedes, ao longo destes longos once anos, a deconstrución-sen alternativa- da política industrial e de fomento empresarial do Goberno de coalición (2005-2009), a desmontaxe dos instrumentos financeiros públicos galegos  (IGAPE e XesGalicia), a preguiza dos xestores  e a falla de confianza dos que dirixen este País no instrumento do autogoberno e nun financiamento ao xeito.

 Ninguén ben informado pode afirmar que o Goberno de Feijoo xestione nin xestionase xeitosamente. @mundiario

Comentarios