Serafín Mourelle Bugallo, vello mestre de tantas cousas

Serafín Mourelle Bugallo. / AELG
Serafín Mourelle Bugallo. / AELG

Pronunciar o apelido Mourelle en calquera recuncho mariñeiro de Galicia ou de Irlanda era poñer en valor a un home que o foi todo no mar.

Serafín Mourelle Bugallo, vello mestre de tantas cousas

​Andou ao mar e andou a navegar. Foi da mariña mercante e fíxose patrón de pesca de sona no Gran Sol após abrir carreiros de vida no oeste de Irlanda arando o caladoiro de Porcupine. Deu nome galego a praias descoñecidas dese saco inmenso e ricaz que foi –xa non é tanto– o mítico Gran Sol, onde a mar "tumba" e as ondas "tragan" os barcos, onde os pantocazos van de proa a popa e o caldo engulido navega de babor a estribor. 

Morreu o pai de Porcupine, Serafín Mourelle Bugallo, un mariñeiro de Corme que fondeou na Ronda de Outeiro coruñesa, a onde chegaban os recendos do porto sempre vivo e os salseiros imaxinados dun mar domeado que nada tiña que ver có do Gran Sol. Inquedo permanentemente, Mourelle sempre estaba atento ós acontecementos  do mar. Vehemente na fala –falangueiro si era– bautismou o mar en compás de compasillo, nunha ventá aberta a cambios: "A barco novo, chaval, capitán  vello", díxome máis dunha vez para remarcar o valor da experiencia e antepoñendo ás novas tecnoloxías a seguridade que él tiña no seu vello sextante. 

Pronunciar o apelido Mourelle en calquera recuncho mariñeiro de Galicia ou de Irlanda era poñer en valor a un home que o foi todo no mar: cho ós catorce anos, patrón ata a súa xubilación. Xa nesta etapa da súa vida permitiu que aboiara a súa vea poética:

"Catorce anos eu tiña

cando ata ti me acheguei,

agora xa son sesenta

e nunca máis voltaréi".

Foi o seu canto dorido ao mar de Irlanda, un mar ó que cantou sempre, mesmo para elevar a súas queixas pola morte do seu irmán. 

Serafín Mourelle levaba nos ollos o sol e a prata do mar do banco canario-sahariano; pero "viviu" sempre no seu Gran Sol. A este falaba cando nas últimas horas de marzo fixo soar por derradeira vez a buguina do seu ser mariño depositado nas Carapelas de sal e iodo dos seus poemas de vida e morte  e, prendida no peito cheo de escuma, o nomeamento pola Asociaciòn de Escritoras e Escritores en Lingua Galega de Mestre da Memoria 2017.

Xa non falaremos máis, Mourelle, das cousas que nos gustaba debater polo miudo. Xa hai tempo que non o faciamos. A túa voz sempre campanuda a rompida –coma o mar da Costa da Morte tan teu– xa non pedirá vez para retrucar calquera apuntamento contrario ó que ti pensabas (cústame moito falar de ti en pasado). Deixas un enorme valeiro neste mar de contradiccións do que tantas veces parolamos.

Boa proa, Mourelle. Unha fonda aperta vello mestre de tantas cousas. @mundiario

Comentarios