Semana con paixón

Personas mayores en un banco. / CSIC
Personas mayores en un banco. / CSIC
Semella que en cumprimento da tradición católica da Semana Santa era preciso engadir un pouco máis de violencia á xa sufrida pola pandemia.

As semanas poden ser de  paixón, con paixón e de media paixón. Esta que acabamos de pasar é do tipo con paixón. Diríamos paixón fervente e desgarradora provocada pola deplorábel e vergoñenta comprobación do trato que se lle deu nesta sociedade aos maiores.

O escándalo das residencias públicas, privadas, concertadas e de calquera outra modalidade, é unha especie de delito colectivo do que hai responsábeis directos e colaboradores necesarios: por acción, por omisión, por consentimento, e por colaboración debida na perpetración do maltrato.

A responsabilidade directa vén enfiada nunha corrente política ultraliberal, ou simplesmente liberal, que predicou e practicou a privatización de actividades que nunca deben ser constitutivas de negocio. E se nalgunha ocasión teñen resultado de gaño, ha ser posíbel ou a un prezo prohibitivo para os xubilados traballadores, ou ben resultar dunha sobreexplotación de man de obra feminina, nun ambiente económico de precariedade laboral.

Indirectamente, o ton social dominante, favorecedor, por riba de todo, da exaltación da xuventude tamén é un contributo neto ao desprezo, ocultación e, finalmente, trato inhumano dos maiores. Semella que en cumprimento da tradición católica da Semana Santa era preciso engadir un pouco máis de violencia á xa sufrida pola pandemia.

Soubemos da enfermidade, da angustia padecida, da soidade dos que non a escolleron, e, para rematar, a morte forzosa de maiores confinados (e amoreados) moito antes de que fose obrigado pola pandemia. A tradición católica española é única no mundo, desde a perspectiva de celebración masiva con espectáculo e en escenario aberto.

Para atopar unha posíbel explicación sociolóxica do amor ao espectáculo pasional faremos un razoamento por redución ao absurdo. Que é o contrario de devoción? O negocio; pois ben, as  Bolsas de valores do mundo pechan como festivo o venres santo e o luns de pascua, se son europeas e/ou do ámbito e influencia histórica de Europa nos últimos séculos da súa historia. Pero o día 1 de maio, día do Traballo pechan a case totalidade das bolsas do mundo, incluíndo, por certo, as asiáticas, coa excepción do Xapón.

En Xapón, que son moi coidadosos da súa cultura e do valor do seu esforzo como pobo, nun país ben pouco dotado (en riquezas naturais) polos deuses da fortuna, celebran o día 16 de setembro “Día do respecto aos Maiores”, e ese día é feriado total, mesmo coa Bolsa de valores de Tokio pechada. A celebración do día é unha homenaxe colectiva aos maiores e ao recoñecemento da experiencia como valor social a gardar e lucir como un tesouro.

Temos en común co Xapón a nosa lonxevidade e mais a esperanza de vida. Mesmo temos un número de centenarios moi semellante en termos relativos: 6 por cada 10.000 na Galiza e 5,57 por cada 10.000 no Xapón. Daríamos por ben pasada esta crise se o seu primeiro resultado fose comezar a tratar os maiores como persoas con todos os dereitos humanos, con todo o coidado, mimo e devoción, como fan no Xapón, mesmo na residencia onde habita a persoa máis vella do mundo, Kane Tanaka, de 117 anos. @mundiario

Comentarios