O reto de Galicia está en cambiar as industrias contaminantes por outras sostibles

Francisco Reynés, con el logo de Naturgy, la antigua Gas Natural Fenosa.
Francisco Reynés, co logo de Naturgy, a antiga Gas Natural Fenosa.
Producir electricidade ten custos sociais importantes e exportar electricidade, directa ou indirectamente, so beneficia as grandes empresas (Naturgy, Iberdrola, Endesa...) e a multinacionais electrointensivas que buscan aquí electricidade barata pero non cotizan para o territorio onde sacan a renta.
O reto de Galicia está en cambiar as industrias contaminantes por outras sostibles

A Asociación de Empresas  con Gran Consumo de Enerxía (AEGE) formada  pola industria electrointensiva española no ano 1980  ten como obxectivo “crear políticas enerxéticas que favorezan a competitividade dos seus asociados”, está composta de vinte e sete compañías industriais e setenta e oito industrias de todo o Estado que consumen o 9,3% da demanda eléctrica peninsular. Na Galiza están incluídas na AEGE nove fábricas electrointensivas que representan a nada desprezable porcentaxe do 11,5% do total do Estado e pertencen aos sectores da metalurxia non férrica (5 fábricas), siderurxia (2), gases industriais (1) e  química básica (1),  pero aquí non consumen o 9,3% senón o  34% da enerxía que demandamos, vexamos cales son:  

> Alúmina Española SA e Aluminio Español SA,   propiedade da multinacional americana Alcoa, a  sua filial Alcoa Spain ten sé en Madrid.  

> Alu Ibérica (antes Alcoa Inespal), pertence ao Grupo Industrial Riesgo. Alcoa vendeuna ao fondo suízo Partner Capital, e este revendeuna moi pronto ao Grupo Industrial Riesgo. 

> Ferroatlántica de Sabón, pertence ao Grupo Ferroglobe, no 2015 era nun 57% Ferroatlántica e 43% Globe Speciality Metals GSM con sé en Miami.

> Xeal (“Xallas Electricidad y Aleaciones” ), especializadas en fabricar ferrosilicio, ferromanganeso... Xeal denominábase antes Ferroatlántica de Cee e Ferroatlántica de Dumbría,  hoxe as dúas factorías e as centrais e minicentrais eléctricas asociadas son  propiedade do fondo americano TPG (Texas Pacific Group) con sé en Londres que as adquiriu no 2019 .

> Celsa Atlantic de Laracha  do grupo multinacional europeo Celsa Group, ten sé en Barcelona,  é un dos maiores produtores de aceiro de Europa. Celsa Atlantic utiliza chatarra na produción.

>  Megasa  Siderúrgica de Narón do Grupo Megasa, fundada pola familia galega Freire en 1953, produce aceiro  aproveitando chatarra. Narón é a sé central corporativa do grupo con fabricas en Narón e  Ferrol (Megamalla), Zaragoza (Megasider Zaragoza), Lisboa (Seixal)  e Maia (Maia Siderurxia) . 

> Air Liquide Ibérica de gases en A Coruña  do Grupo Air Liquide  que se  proclama multinacional líder en diversos sectores está presente en 80 países. A  filial do Grupo en España ten a sé en Madrid.

Consumo eléctrico das electrointensivas

As industrias electrointesivas asentadas en Galicia necesitan  da orde do 34% da electricidade total que demandamos en todos os sectores. O resto da industria galega (localizada en 12.768 locais no ano 2017, segundo o INE)  consume  por baixo do 19%  da demanda total .  No Estado a industria en xeral demanda menos do 35% da electricidade total, na Galiza o consumo industrial  precisa o 52,4% do total .  A industria electrointensiva nos sectores da metalurxia e siderurxia  no Estado representan menos do 11% da demanda, pero na Galiza oito instalacións da metalurxia e siderurxia consumen o 34% da electricidade total galega. As electrointensivas tiveron total despreocupación polo consumo eléctrico, sirva como proba que no ano 2001 esta  industria  consumía  6,2 millóns de Mwh, e no ano 2016 o consumo foi de  6,18 millóns de Mwh. 

A industria electrointensiva  é  pouco eficiente nos procesos e despilfarradora  en enerxía, o que repercute dende o punto de vista económico. Ao mesmo tempo é altamente contaminante, consume electricidade non renovable, auga e outras materias primas e por si fora pouco xera residuos  e lodos vermellos. Si a isto sumamos - salvo excepcións- que a industria electrointensiva está en maos de multinacionais  que cotiza fora de Galicia, os beneficios e valor engadido vai a miles de quilómetros de distancia.

Neste momento que se fala tanto de fondos europeos para desenvolver a economía, os partidos políticos, sindicatos, os traballadores e en xeral a sociedade en vez de esixir e pelexar para que a situación quede como ate agora, tiñan que premer ao Goberno e a Xunta para desenvolver un novo modelo produtivo, para cambiar as industrias altamente contaminantes por outras sostibles (aluminio primario por aluminio secundario por exemplo), xa que mentres representamos o 5% do PIB do Estado, Galicia é responsable de emisións contaminantes que case triplican esta cifra. Nin a democracia  nin a autonomía  corrixiron o papel terceiromundista da industria e en Europa a industria contaminante ten os días contados con data de caducidade e aquí nin se decataron.   

Galiza no 2018 tiña unha xeración neta de electricidade de 32.037  Gigawatiosh(Gwh)  e un consumo que so alcanzaba 17.798 Gwh, situación  similar a anos anteriores polo que permanentemente exportamos electricidade - entre o 25 eo 45% segundo os anos-. Aparte indirectamente exportamos electricidade “envasada” en produtos que a consumiron en grandes cantidades (tochos de aluminio primario,  ferroaliaxes, silicio metal, aceiro...). Producir electricidade ten custos sociais importantes e exportar electricidade, directa ou indirectamente, so beneficia as grandes empresas eléctricas (Naturgy, Iberdrola, Endesa...) e a multinacionais electrointensivas que buscan aquí electricidade barata pero non cotizan  para o territorio onde  sacan a renta. @mundiario

Comentarios