Reconstruír Galiza

Paisaje rural de Galicia. / CostaMeiga
Paisaxe rural de Galiza. / CostaMeiga
Se aceitarmos que a caracterización da economía galega adoece de certa deformidade, tamén aceitaremos que non é innata: foise adquirindo ao longo de procesos reiterados de abandono, falta de seguimento.

O só feito de aceitar como proposta a reconstrución é porque se parte da hipótese da existencia de certa destrución ou necesidade de rehabilitación. En calquer das dúas hipóteses, se falamos da economía, é preciso, antes de nada, chegar a un consenso sobre a caracterización do destruído así como a marcación do obxectivo de chegada. Xa é un logro que se teñan adiado -nesta ocasión- as nocións tan vistosas de modernización, crecemento a toda custa, igualación cos máis desenvolvidos, potenciación das industrias de alta tecnoloxía... e todos e cada un dos modelos que, exhibidos como un espello, se teñen amosado para indicar o noso camiño.

A nosa hipótese -aproveitando esta ocasión pandémica de certa destrución- é para ir camiñando cara a unha economía autocentrada. Algo moi semellante ao que empezaron facendo os cociñeiros de vangarda para acabar nunha cociña idéntica á destruída antes de empezar a deconstrución. É dicer, en lugar de tortilla de patacas deconstruída, fágase unha boa tortilla de patacas clásica, mesmo como se fixo antes da existencia dos libros de cociña de masa.

Se a economía galega ten forma actual caracterizada de certa deformidade é certamente ese proceso o que hai que atender, xa que temos constatado que hai algunhas certezas sobre as que non parece haber discusión: hai recursos naturais e industriais; hai aforro e capacidade propria para xerar máis e utilizalo de forma produtiva; dispoñemos da man de obra máis cualificada de todos os tempos próximos -historicamente falando-; hai iniciativa privada dabondo para crear tecido produtivo competitivo e mais reter o capital xerado (polo menos no medio prazo)... e , non obstante, non deixan de estar presentes o paro, o desinvestimento industrial, a emigración (agora de persoal moi cualificado) e, en fin, no canto da pobreza, unha enorme proporción de economía submerxida propria de economía ‘gorrovello’.

Esta é unha ocasión única, xa que a chegada de fundos Covid europeos (facendo, de momento, pouco caso de como teremos que pagar o suposto donativo) permítenos realizar investimentos directamente produtivos na súa maior parte, e, dese modo, ser quen de crear postos de traballo coa dobre finalidade de paliar o paro estrutural e crear capacidade de pagamento tanto de impostos (directamente aumento do erario público) como unha garantía de medio prazo de resistir en posíbeis ciclos negativos. A proposta de estudo de novos investimentos que propomos haberá de ter en conta un cambio de rumbo do actual (referímonos á política económica de feitos consumados) xa que, nos últimos anos, semella que o camiño percorrido foi o marcado polos intereses exclusivos do capital de grande tamaño e alleo aos intereses de futuro do país. Se aceitarmos que a caracterización da economía galega adoece de certa deformidade, tamén aceitaremos que non é innata: foise adquirindo ao longo de procesos reiterados de abandono, falta de seguimento, en fin, falta de planificación e cuidado dos procesos de produción: todos e cada un, para lograr que o éxito acompañe ao nacemento do producido. 

Os logros dunha industrialización planificada non é só a primeira parte do proceso: lograr o produto. É preciso situalo no mercado con garantías de pervivencia á vez que se acompaña do necesario investimento en investigación para consolidar o papel conseguido nos mercados. Os procesos en economía son todo: empezar, empeza calquera. O caso é responsabelmente facerse cargo das consecuencias previsíbeis despois da primeira instalación, sexa industrial, sexa de servizos. Non hai nada neutro, nen a custo cero: unha vez posta en uso unha fábrica, por exemplo, de motocicletas, haberá que termar das condicións para a súa continuidade, o que esixe unha garantía de subministracións privadas e públicas evidentes. Tamén haberá que “axudar” a garantir que os consumidores próximos sexan demandantes de motocicletas ou, se non, “axudar” a vendelas na exportación. Haberá que valorar canto custa socialmente o abandono doutras producións posíbeis no espazo físico e cos recursos financeiros utilizados, xa que ese é un exame imprescindíbel da corrente de fluídos necesarios para o futuro da factoría; mesmo haberá que contestar á pergunta chave: son as motocicletas realmente o que necesitamos? Porque as economías modelo, as que sempre se usan de exemplo, o que posúen en común é teren feito en cada etapa histórica o que decidiron que tiñan que facer, por razóns de necesidade e conveniencia. Isto é única e exclusivamente o que teñen en común Reino Unido, Alemaña, Franza, Suíza, Xapón, China, EEUU e hoxe, nos que foron máis pobres que nós -historicamente-, Dinamarca, Noruega ou Polonia. A estrutura económica dos mellores só é igual a de outro da mesma lista en poder económico creado e expandido por todo o mundo. No interior das súas economías cada un é só semellante a si mesmo. Por esta razón, o primeiro en se pór de acordo -xenialidades á parte- é en que queremos nos converter. Unha vez sabido iso, só hai unha fórmula máxica para conseguilo: facelo, e facelo ben.

Neste momento -ocasión única pola chegada escalonada de fundos procedentes da Unión Europea- hai unha serie de criterios que consideramos básicos para non caír na profundización dos errores de política económica do presente, unha xestión de intereses das grandes compañías estranxeiras esquecendo a capacidade propria:

- Non utilizar os fundos en crear condicións favorábeis para as empresas multinacionais europeas; moi simples: non contribuír nós -cos fundos atribuídos- a solventar os problemas de industria e intermediarios financeiros franceses, holandeses e alemáns. É moi doado : o posíbel beneficiario directo da fábrica (tractora do presidente Feixóo) de hidróxeno verde é Citroën. Esperemos que Citröen sexa quen de se compoñer por si mesma.

- Utilizar os fundos para realizar investimentos industriais e de servizos vinculados con uso de recursos disponíbeis e que garantan a medio prazo emprego e situación favorábel nos mercados: local, interior e exterior. Algunhas industrias xa están ben posicionadas. Outras terán que contar coa colaboración pública e, noutros casos, precisaran de creación -ex-novo- de empresas mixtas que cumpran ese papel. No primeiro caso están moi ben situadas as industrias de conserva e novos transformados de pescado, e, no segundo caso, todo o tecido industrial relacionado coa produción agrogandeira precisa dunha atención e plan imprescindíbel. No caso das industrias de confección, a colaboración pública pasa por considerar unha novidade xubilosa: a decisión de relocalizar as factorías que tiñan sido deslocalizadas no pasado. A crise Covid amosou con claridade como nese momento o desabastecemento pode ser totalmente afogador. A competencia do futuro, quedou aprendido, non será sobre o prezo dos salarios... Así, un a un, todos e cada un dos subsectores produtivos dos que de momento podemos reorientar o seu rumbo para cumprir o obxectivo sinalado: producir de forma competitiva para o país e o seu crecemento autocentrado, facelo de forma planificada con vista ao medio prazo. Visto que tratamos de plans a medio prazo, é imprescindíbel un acordo das forzas políticas galegas nunha forma de plan estratéxico con acordo unánime, xa que do contrario só contemplaríamos unha serie de medidas de goberno suxeitas ás dubidas de execución fóra da querenza do goberno correspondente. @mundiario

Comentarios