A propriedade das empresas importa porque é decisiva a prerrogativa da toma das decisións

Sede de Inditex en Arteixo (A Coruña).
Sede da multinacional galega Inditex en Arteixo (A Coruña). / Mundiario
O crecemento do século XXI foi confiado directamente ao logro da competitividade exterior sen tomar en consideración as componentes do ingreso desa procedencia.
A propriedade das empresas importa porque é decisiva a prerrogativa da toma das decisións

Dicíamos no artigo anterior en MUNDIARIO que a solidariedade non é un principio fundamental nen tampouco un dereito fundamental da Unión Europea. A solidariedade non é, polo tanto, esixíbel nen alegábel, forma parte en todo caso dun discurso político de dubidosa calidade.

Nas relacións económicas intraunión existe un substrato ou baseamento pre-político que é a estrutura económica de cada Estado Membro (EM) da dita Unión, e que, de momento, ten permanecido cuase inalterábel a respeito da estrutura previa ao ponto inicial do acoplamento. Desta maneira - admitida a hipótese de singularidade das conformacións económicas estatais EM- o labor e alcance da política económica común é só limitado. A isto sumouse, no caso da política económica española, a debilidade dun aparato de estado con moi pouca cualificación en lides con socios de grandes voos: a aterraxe na CEE produciuse en 1986 de noite e coa urxencia propria dunha necesidade imperiosa, pero con moi pouca bagaxe de know how  comunitario no portafolios español. Desa forma, e para o consumo político interior español, aplicáronse políticas de procedencia europea moitas veces lesivas ou inadecuadas usando o lema (de deseño adolescente) “por mandato comunitario” cando era perfeitamente sabido, coñecido e practicado por outros EM que había excepcións de situación, de necesidade ou de salvaguarda que podían ter conducido as políticas comunitarias con outro contido e con outro ritmo.

O fácil foi tirar liñas de maneira uniforme, sen matices nen atención aos sectores produtivos propios, en aras dun crecemento económico asegurado por grandes proxectos, mesmo con grandes pexas, como citaremos máis adiante. 

O conto do queixo

Uns casos da epiderme económica pódennos servir de ilustración das aseveracións anteriores. No mesmo ano en que “por orde comunitaria” se prohibiu en Galiza a venda de queixo artesanal elaborado con leite de vaca cru, podíase mercar no supermercado de ‘Harrods’ londinense queixo artesanal francés co etiquetado de elaboración con leite cru.

O mesmo ano en que a pesca galega viuse abaixada ao paraugas da política pesqueira común (cargada de disparates), os dinamarqueses exceptuaban da regulamentación comunitaria as embarcacións artesanais proprias. Un pouco mais tarde retiraron da PPC a Groenlandia e mais as Illas Feroe, para maior bulra dos intereses pesqueiros galegos, así como proba material da constatación da desigualdade de trato posíbel, neste caso coa pasividade española. Dicíamos epiderme económica, mais é perfeitamente destacábel que, unha vez que desaparece unha corrente produtiva vinculada e arraigada nos sectores proprios e se substitúe por  un produto importado, conséguese o dobre fracaso de xerar abandono de recursos proprios, paro e mais fallas na autosuficiencia alimentaria (e/ou industrial). Aplíquese para sectores industriais da manufactura, da construción naval, da transformación metálica, ou mesmo nos casos de privatizacións de xoias empresariais nas telecomunicacións, na produción de enerxía ou na banca.

Unha amalgama

Sostemos, por tanto, como segunda hipótese, que a resultante da política comunitaria é a suma ou composición da política dos órgaos lexislativo / executivos comunitarios (si, en realidade unha amálgama non xenuinamente democrática) e da acción estatal en dous níveis: o proceso de xestación das novas normas e a aplicación en si mesma. Nunha e noutra parte do proceso si é alegábel ou si é posíbel influír na dirección e contido das normas. So é preciso  ter capacidade, empeño e determinación na consecución dun proxecto proprio. Se hai carencia dalgún destes elementos, se resulta que somos “afectados” pola política comunitaria e non  actores (elementos componentes, partes interesadas directas, en fin, EM con todo o que isto significa), non haberá nunca sentido de integración nun clube de estados. 

Esqueceríamos unha parte da escena moi importante e que sempre se cita polos destinatarios dos fundos europeos que como regalo de maná celestial chegou a España desde 1986 a hoxe. Sexa da magnitude que for, non foi quen de mudar nen unha pequena tesela do cuadro-mosaico macroeconómico español.

Os fundos aportados deben ser valorados a longo prazo na medida en que lograron contribuír ou non ao reforzamento do aparato produtivo español frente ás súas debilidades estruturais, e, de non ser así, foron fluxos de diñeiro convertidos só no mellor dos casos en capital fixo renovado ou infraestruturas nun deserto de capital produtivo.

Vistazo a España

A estrutura económica española, vista na perspectiva da súa inserción na economía mundial (comunitaria polo tanto), definida polo seu motor de crecemento: o sector exterior, vendas en forma de exportación de bens mercadorías, man de obra, e servizos de turismo. O crecemento do século XXI foi confiado directamente ao logro da competitividade exterior sen tomar en consideración as componentes do ingreso desa procedencia. A rúbrica de bens exportados ten unha composición singular máis alá do montante das cifras anuais: a propriedade do capital instalado en España netamente exportador é maioritariamente non español: a industria de construción do automóbel é de capital de diversos países europeos, ou xaponeses ou norteamericanos. Pode que haxa alguén que lle queira restar importancia á propriedade do capital e se fixe só no funcionamento, mais, como está quedando en evidencia nesta crise, si importa a propriedade porque é decisiva a prerrogativa da toma das decisións.

Non hai nada que poida impedir en cada un dos casos das “nosas plantas” ( é dicer, de PSA, Nissan, Mercedes, Ford, Renault, Volkswagen…) que a propriedade tome a decisión que considerar oportuna e acorde unha muda drástica do destino das súas plantas. Mesmo é importante considerar que os cambios dos procesos produtivos decididos en cada sede determinada poden afectar e afectan o emprego, as industrias relacionadas e tamén os ingresos públicos derivados da actividade. Non é en absoluto irrelevante a propriedade. 

Balanza de pagos

Outro componente do sector exterior español é o que comunmente se chama turismo, que, na perspectiva de análise económica, valórase polos ingresos anuais incluíbeis nesta rúbrica na balanza de pagos e non polos millóns de turistas que se citan nas cifras da propaganda política. Este ingreso adoece de dúas mancas: depende totalmente da conxuntura exterior, sendo ademais cíclico á inversa (vai ben cando todo vai ben e vai mal cando hai recesión), e xera unhas necesidades do aparato produtivo interior con custos asociados e asumíbeis só polo estado e/ou por axentes económicos privados sen autonomía financeira propria. Referímonos ás infraestruturas de servizos públicos desde os elementais até os complexos (auga potábel, vías de comunicación de todo tipo, sostén medioambiental..), até a modificación relativa de prezos dos bens de primeira necesidade como son a vivenda ou a alimentación.

Todo isto para que unha caída da demanda exterior, como a producida este ano de dous meses de falencia, provoque unha hecatombe. Visto que o tecido empresarial de servizos asociados ao turismo é diverso en tamaño e cun músculo empresarial feble, a  permeabilidade por todos os territorios, á parte de proporcionar unha oferta non planificada, modifica en cada caso -organiza- o uso do capital disponíbel cara ao emprego máis fácil: turismo de xeración espontánea. Esta febleza de composición engade problemas a cada caída relativa da demanda, xa que provoca localmente, en distintas zonas, continuas caídas de ingreso e continua necesidade de subvención pública en forma de paliativos. E cando semella que pode ser unha fonte segura de negocio arrastra con meios que mellor empregados serían produtivos, significando así en numerosas ocasións un estrago neto de capital. 

Os intermediarios financeiros

Non podemos deixar fóra da nosa consideración o papel do sector de intermediarios financeiros. Sen intentar anovar as análises que amosaron o disparate de converter a débeda privada bancaria en débeda pública na crise anterior, si debemos sinalar que o negocio financeiro puro e duro emprendido pola nova banca española converteuse finalmente na pior forma posíbel de canalizar o aforro privado. Non houbo reposición industrial senón desinvestimento e desabastecemento do mercado interior mesmo en subministracións de cero carga tecnolóxica.

O papel da canalización do aforro interior que non deixou de manterse en cotas moi aceptábeis é unha outra debilidade da economía española. Se non está ben remunerado e non se canaliza, non se cumpre a función de intermediación financeira e non se contribúe ao rol esperado pola banca e as restantes componentes do sector financeiro. A banca gaña (sempre gaña, como nos casinos), pero os seus gaños non son aplicados para robustecer o tecido empresarial produtivo senón para se reciclar nun negocio exclusivamente financeiro no seu sentido especulativo. É insólito no núcleo da UE a existencia dunha banca como a española que foi quen de crear créditos hipotecarios con tres garantías (reais, de renda e de avais) e conseguir tal cantidade de quebras en forma de impagos, desafiuzamentos ou de cobro imposíbel.

E, volvendo á UE, detrás da descrición das feblezas da economía española, está o cuadro da estrutura económica doutros estados membros que constitúe así mesmo a base de partida da política económica comunitaria nos ámbitos nos que se ten desenvolvidos, que teñen abranxido un campo limitado. @mundiario

Comentarios