Imprimir

Unha necesaria reconstrución identitaria e institucional da idea de España

Adrián Rosales Rodríguez | 28 de marzo de 2020

Mapa de España.
Mapa de España.

O sentimento de españolidade está actualmente lastrado pola súa asociación case exclusiva á dereita centrípeta, polo rexeitamento dos independentistas e pola falta de apoio da esquerda estatal.

Na actualidade, o problema territorial segue sendo materia pendente na política española. Ao forte sentimento territorialista en Euskadi, Catalunya e en habitantes doutros lugares de España hai que sumarlle no outro extremo o centralismo de VOX e de moitos votantes de PP ou Cs. Así mesmo, a exaltación da idea de España provén só e practicamente da dereita centrípeta. Deste xeito, podemos dividir a perspectiva da españolidade en catro grupos políticos:

> Dereita españolista (PP, VOX e Cs), que reivindican tacitamente unha concepción castelanista de España, pero tamén inclúen elementos comúns a todos os españois: idioma castelán como vehicular, himno e bandeira, Madrid como eixe radiocéntrico de España, Real Madrid como símbolo deportivo, tauromaquia como festa nacional, relixión católica (salvo no caso de Cs) como eixe identitario, unha historia común dende a unión dinástica castelán-aragonesa de 1479 máis a consideración do monarca como símbolo da unidade do país.

> Esquerda española (PSOE. Podemos, IU, Más País, Equo): posúen unha idea moito máis civil da españolidade. Asóciana a un sentimento de pertenza como país máis, ao pacto de 1978 (no caso do PSOE) e á necesidade dun sólido Estado social nesta articulación.

> Rexionalistas e federalistas centrífugos (CC, Chunta Aragonesista, PAR, PSC, a extinta UDC, PPdeG fraguista, UPN, Compromis): parten da idea dun Estado integral plural, é dicir, unha España con elementos comúns, pero moi diversa. A exaltación dos elementos de españolidade comúns varía segundo a formación política.

> Nacionalismo periférico (BNG, EHB, PNV, ERC, CUP, PDeCAT): Ven a España como un Estado e non como unha nación, é dicir, un entramado institucional pouco menos que artificial e castelanizador que se impón sobre as identidades nacionais das autonomías non castelás.

En conclusión, salvo parcialmente o terceiro, ningún dos catro grupos fai unha exaltación integralista da idea de España, é dicir, sentirmos orgullosos dos nosos elementos comúns á vez da rica heteroxeneidade dos territorios que a compoñen. Isto tan só  a fai o carlismo (Partido Carlista e Comunión Tradicionalista), pero este movemento ten un peso moi marxinal na sociedade actualmente. E por que digo que España é unha nación de nacións, é dicir, un país con elementos comúns á vez que moi diverso?  España é común porque temos unha relixión maioritaria (católica) culturalmente moi influínte, porque compartimos unha raza caucásico-mediterránea (dentro do necesario e obrigatorio respeto ás demais etnias e confesións), porque levamos xuntos 2.200 anos de historia dende as primeiras Hispania Citerior e Ulterior (1.400, coa actual Portugal), porque todos estamos no rincón suroeste da Península Ibérica porque, salvo parcialmente os vascos, temos unha base lingüístico-cultural romana; e porque a nosa cultura política é a propia da Europa latina. Neste sentido, desde o punto de vista xeográfico-histórico, entendo que Portugal é tamén parte de España. Outra cousa é o que lexitimamente sintan e queiran os seus habitantes. Pero é innegable a súa base orixinal hispánica máis o resto de elementos descritos e mailo feito de compartir máis do 60% da historia en común desde o nacemento das entidades políticas no albor da Idade Antiga, a partir da conquista romana de Iberia (218 AC).

Respecto á lingua castelá,  se ben é imprescindible como elemento funcional de unión, a diferencia dos aspectos anteriores non é identitariamente común, senón que naceu en Castela, expandíndose  despois no resto da actual España e en ultramar.

mapa españa federal2

Territorios históricos de España.

España é diversa polo seguinte: porque temas catro zonas climáticas (oceánica, mediterránea, esteparia e montañosa), pola súa diversa orografía (mesetaria, montañosa e volcánica) e edafoloxía (silícea, kárstica e arcillosa), hidrográfica (ríos de notable caudal, onde este é escaso e dependentes da neve), pola existencia de oito linguas no conxunto hispánico oriundas de Iberia (castelán, portugués, catalán, galego, euskera, a versión aranesa do occitano, astur-leonés e aragonés) e pola variedade de tradicións culturais locais. A isto hai que sumar o forte peso institucional na historia dos distintos territorios españois, algúns dos cales foron reinos independentes hispanocatólicos no pasado: Castilla (1035-1479), Aragón (1035-1479), Galicia (diferentes períodos da Idade Media), Portugal (desde 1143 ata hoxe, salvo no periodo 1580-1640), Asturies (718-924), Llión (durante dous periodos medievais), Nafarroa (824-1512).

Non debemos esquecernos, neste sentido, da musulmán suní Al-Andalus (711-1492) ou da semiindependencia que mantiveron os pobos pagáns astures (411-585, cántabros (411-574) e vascóns (411-581) na Alta Idade Media en paralelo ao reino cristián hispanovisigodo (católico, desde 589; e antes, arriano).

En resumo, como politólogo, profesor de Xeografía e Historia e cidadán español, creo que son convenientes as seguintes medidas identitarias e institucionais para España:

> Reformar a Constitución nun sentido federal, iberista e plurinacional, establecendo teitos competenciais para as distintas nacións que compoñen a Nación española.

> Referendo sobre a forma de Estado. Segundo o resultado que saia, o Rei ou hipotético Presidente da República serían tamén símbolos de unión de España.

> Por outra banda, resulta imprescindible, aplicando o artigo 3.3 da CE, a consideración de oficialidade das citadas linguas propias de cada autonomía (no caso do portugués, para Olivença, na actual Extremadura), especialmente para protexer o astur-leonés e o aragonés, ambas non oficiais e en serio perigo de morte, segundo a UNESCO.

> Do mesmo xeito, é fundamental unha reforma da norma suprema para que a carta Magna recoñeza e regule e dereito de autodeterminación das hoxe comunidades autónomas, ou ben abrir a porta a unha posible solución mixta ante procesos independentistas coma o catalán: que haxa unha maioría cualificada no propio territorio e logo que sexa refrendada polo conxunto do Estado.

> Asemade, é preciso propoñer unha reorganización das autonomías (ou hipotéticos Estados federados) baixo criterios identitarios (lingua propia, cultura historia e xeografía), sempre que así aposten por iso os seus cidadáns: Galicia, Asturies, Cantabria, Euskadi, Nafarroa, Aragón, Catalunya, Val d’Arán, València, Illes Balears, Murcia, Andalucía, Ceuta, Melilla, Castilla, Extremadura e Llión. E abrindo sempre xuridicamente a porta a unha utópica entrada de Portugal e Andorra no conxunto hispánico.

Honestamente, e dentro das imperfeccións e desaprobacións que tería este modelo integralista, este sería o máis idóneo, pois é o único que inclúe unha idea de españolidade orgullosa e incluínte tanto a nivel centrípeto como centrífugo. @mundiario

 

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/eurorregion/nueva-concepcion-espana/20200328121703179819.html


© 2020 MUNDIARIO

MUNDIARIO

Compañía Mundiario de Comunicación S.L.
© Todos los derechos reservados.