A lexislación de Feijóo é responsábel da falla de coñecemento do galego nos máis novos

Manifestación en defensa do galego. / Mundiario
Manifestación en defensa do galego. / Mundiario
Semella que o Partido Popular de Galicia está satisfeito destes dez anos de deconstrución lingüística, polo que semella tamén que estas solucións políticas só poderían vir da remuda a fronte do Goberno galego no vindeiro 2020, ano de eleccións autonómicas en Galicia.
A lexislación de Feijóo é responsábel da falla de coñecemento do galego nos máis novos

As decisións políticas de Núñez Feijóo son responsábeis de que o 24% das persoas menores de 16 anos non o entendan. Esta porcentaxe descende ao 9,4% no grupo de idade entre 16 e 30 anos, os formados ao abeiro do último Decreto de Fraga e o do bipartito, os mellores dados de coñecemento da lingua por idades, agás os maiores de 65. A relación destes dados catastróficos co Decreto de plurilingüismo de 2010 é nidia.

A enquisa do Instituto Galego de Estatística (IGE) de 2018 a respecto do uso da nosa lingua propia reflicte uns dados moi negativos  no  que atinxe ao uso e coñecemento do galego das persoas entre 5 e 15 anos e máis ao uso público da lingua co persoal sanitario e educativo e no ámbito laboral cos xefes. Deste xeito, case o 24% das persoas de 15 e menos anos (16,9% no 2013) descoñecen o galego, mentres que esa porcentaxe baixa a un 9,5% para as persoas entre 16 e 29 anos, que melloran abondo o 12,29% das de 30 a 49. É dicir, as crianzas educadas ao abeiro do Decreto de Núñez Feijóo de plurilingüismo de 2010  saben moito menos galego ca as persoas educadas nos primeiros dez anos do século, ao abeiro do Plan de Normalización Linguïstica aprobado hai agora quince anos por unanimidade do Parlamento e dos Decretos do penúltimo goberno Fraga e do goberno de coalición do PSdeG-PSOE e o BNG.

As persoas que falan só ou maioritariamente galego acadan un 52,3% (unha moi lixeira mellora a respecto do 2013), mais destas só manteñen a lingua cos xefes un 42%, cos médicos un 46 e cos profesores un 39,4%. Mentres, dese 52,3% só pouco máis do 16% usa na escrita o galego. Xa que logo, cómpre tirar tres conclusións:  i ) que a lexislación de Núñez Feijóo é directa responsábel da falla de coñecemento do galego nos máis novos, ii) que a política lingüística de Núñez Feijóo fornece combustíbel ao uso diglósico nas relacións da cidadanía coas persoas investidas de Poder, quer formal quer informal e iii) que a cidadanía é máis resiliente do previsíbel, tendo en conta que somos a lingua e cultura menos subvencionada e apoiada dende os Poderes Públicos da Europa toda. Velaí que as solucións máis urxentes para o galego sexan políticas: inmersión lingüística para garantir o seu coñecemento equilibrado e medidas lexislativas e administrativas eficaces que garantan plena liberdade lingüística no traballo e perante as Administracións xeral, sanitaria e de Xustiza.

Todo cidadán, grupo ou partido responsábel habería de lle dar apoio a medidas desta caste, que requiren dun grande consenso social e político. Mais, para desgraza deste país, semella que o PPdeG está satisfeito destes dez anos de deconstrución lingüística, polo que semella tamén que estas solucións políticas só poderían  virán da remuda a fronte do Goberno galego no vindeiro 2020. @mundiario

Comentarios