Justo Beramendi: "Fraguas foi un militante galeguista moi activo ata o 36"

Justo Beramendi no Museo do Pobo Galego. Ás súas costas, parte da biblioteca de Antonio Fraguas, con máis de 12.000 volumes. / RAG
Justo Beramendi no Museo do Pobo Galego. Ás súas costas, parte da biblioteca de Antonio Fraguas, con máis de 12.000 volumes. / RAG

Justo Beramendi lembra nesta entrevista como foron buscar a Antonio Fraguas para contar co seu apoio ao Museo do Pobo Galego. O vello profesor non só aceptou, senón que axiña se converteu nunha figura fundamental do museo.

Justo Beramendi: "Fraguas foi un militante galeguista moi activo ata o 36"

O 29 de outubro de 1977 o Museo do Pobo Galego abría as portas ao público por primeira vez coa inauguración das salas dedicadas á cestaría, a olaría e os tecidos. O proxecto empezara a xestarse a comezos do ano anterior por iniciativa dun grupo de persoas, entre elas Justo Beramendi, actual presidente do padroado da institución, unha asociación sen ánimo de lucro que suma preto de dous milleiros de socios e socias.

O historiador lembra nesta entrevista como foron buscar a Antonio Fraguas para contar co seu apoio. O vello profesor non só aceptou, senón que axiña se converteu nunha figura fundamental do museo, culminando así unha carreira coñecida sobre todo polas súas achegas etnográficas e a súa paixón pola docencia. Pero Fraguas tamén foi un galeguista activo politicamente antes do 36. Desa faciana menos coñecida, pola que foi represaliado, fala tamén o profesor Beramendi, reputado especialista en historia dos nacionalismos.

– Que significa para o Museo do Pobo Galego este Día das Letras Galegas dedicado a Antonio Fraguas?

– Significa un recoñecemento a unha das persoas fundamentais na súa fundación e no seu desenvolvemento.

– A relación que vostede mantén co Museo do Pobo Galego tamén vén daquel momento fundacional, no ano 1976. Como foi a incorporación de Fraguas?

– A xunta de goberno do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia deunos, ás persoas que daquela estabamos na súa comisión de cultura, vía libre para intentar constituír o padroado que tiña como obxectivo a creación do museo. Daquela comisión formabamos parte dous ausentes, desgraciadamente, Rafael Baltar e mais Carlos García Martínez, María Xosé Fernández Cerviño e eu mesmo. O que fixemos foi recrutar as persoas que pensamos que poderían formar parte do padroado, entre elas, por suposto, todos os galeguistas históricos que aínda vivían, e foi así como don Antonio Fraguas foi unha das persoas que fomos buscar.

– Imaxinamos que non dubidou a resposta.

– Don Antonio estaba daquela un pouco deprimido, acababa de xubilarse e non sabía moi ben que facer coa súa vida, que estivera centrada na docencia. Acolleu moi ben a idea e a partir dese momento foi unha das pezas fundamentais tanto do padroado como despois, cando o Concello de Santiago cedeu o edificio do convento de San Domingos de Bonaval para instalar o museo, como primeiro director do Museo do Pobo Galego.

– Como se foi dotando de contido naqueles comezos? Aquí consérvanse pezas procedentes do desaparecido museo do Seminario de Estudos Galegso, do que Fraguas era membro.

– As procedentes Seminario de Estudos Galegos son moi poucas pezas, entre elas algunhas maquetas de casas. O museo formouse basicamente con achegas novas. Unha importantísima foi a colección de olaría de Luciano García Alén. Outras pezas conseguíronse en expedicións que fixeron por Galicia xente como Salvador García-Bodaño, María Xosé Fernández Cerviño e outras persoas implicadas no proxecto desde o principio.

– Que pensaría hoxe Antonio Fraguas do Museo do Pobo Galego e da Galicia actual?

– Coido que estaría bastante satisfeito do que hoxe é o museo e do afecto que a xente galega sente por el. Cando don Antonio morreu, xa tiña unha entidade importante, polo tanto viu uns dos seus obxectivos cumpridos. Outra cousa é o que lle puidera parecer a Galicia de hoxe, a globalización, o campo que esmorece…. Seguro que non lle gustaría nada, pero iso tamén nos pasa aos que imos indo vellos! (ri). É moi difícil sabelo, habería que preguntarllo a el.

– Cales son os desafíos dun museo etnográfico e antropolóxico como este nestes comezos do século XXI? Anunciouse xa unha ampliación que deberá empezar en breve.

– Este non é só un museo antropolóxico e etnográfico, a ampliación prevista son salas de historia de Galicia, que é unha idea que tiñamos desde o principio. Nos anos 70 chegou a constituírse unha sección que se chamaba de antropoloxía histórica, en lugar deantropoloxía sen anestesia (sorrí), pero como sempre andamos moi escasos de recursos aquilo esmoreceu. Logo chegou o proxecto do Gaiás e a posibilidade de que alí se fixese un museo de historia de Galicia, pero ao non ir adiante retomouse a idea orixinal. Agardamos que o compromiso da Xunta de Galicia se cumpra, xa temos moi avanzado o proxecto museográfico e esperamos que en 2021 se incorporen ao museo 1.100 metros cadrados máis dedicados ao pasado. Á parte da ampliación, coido que os retos do museo son basicamente dous. O primeiro é o relevo xeracional. O Museo do Pobo Galego é unha asociación sen ánimo de lucro e non é tan fácil atopar xente que traballe gratis et amore, pero algo se vai facendo. O segundo é garantir un financiamento suficiente para soster este museo ampliado e o conxunto de actividades complementarias para incidir na sociedade, como fixo sempre desde o principio porque non se trata só de ter máis salas.

– Co gallo do centenario do nacemento de Fraguas, o Museo do Pobo Galego editou en 2005 un volume conmemorativo no que vostede analiza un aspecto da súa vida que segue a ser pouco coñecido, o seu activismo político galeguista antes de 1936. Por que sucede isto?

– Porque nunca foi un dirixente, o único cargo orgánico que tivo foi o de secretario xeral do Partido Galeguista da Estrada, por iso o chamei o soldado fiel. Era fundamentalmente un militante de base, pero moi, moi activo, e sobre todo tiña moi claro cales eran as necesidades do país e do nacionalismo. Supeditaba todo na súa actuación política a iso, aínda que ás veces houbese cousas coas que non estaba moi de acordo.

– Por exemplo?

– Isto queda moi claro cando nos anos 30 o Partido Galeguista afonda a división entre esquerda e dereita, ou entre filorrepublicanos demócratas e politicamente laicos, como Castelao e Bóveda, e os politicamente católicos. Fraguas é un home moi relixioso, pero a pesar diso mantense fiel ao que decida a maioría do partido, a esquerda, en contra do que fan íntimos amigos seus e colaboradores na primeira radio de Galicia, como Xosé Mosquera, O vello dos contos.

– Tamén foi moi activo na campaña a prol do Estatuto de Autonomía.

– Si, coma todos os militantes, se hai Estatuto de Autonomía de Galicia en 1936 é grazas ao Partido Galeguista. A pesar de ser un partido minoritario, centra todas as súas enerxías desde a súa fundación cara á consecución da autonomía de Galicia, incluso os escindidos participan na campaña do referendo activamente.

– Que relación tivera previamente coas Irmandades da Fala?

– Cando chega a Santiago de Compostela, en setembro de 1924, Fraguas afíliase á Irmandade de Santiago, figura na relación de afiliados nesta cidade que me facilitou Isaac Díaz Pardo do seu pai, Camilo Díaz Baliño. Pero nas Irmandades da Fala decaera a actividade por mor da ditadura de Primo de Rivera, a única que resiste e que se mantén organizada durante todo este período é a da Coruña, que tiña máis de 300 afiliados. Cando a Irmandade de Santiago se desorganiza por completo, el segue fiel ao seu compromiso político. Proba diso é que en 1928 participa nunha reunión na casa de Díaz Baliño na que se produce o primeiro intento de reorganizar o nacionalismo na clandestinidade. Alí está el, entre representantes da Irmandade da Coruña, algúns do grupo de Ourense -Otero Pedrayo, Vicente Risco, Florentino López Cuevillas- e outros compañeiros de Santiago. Eu sei desta reunión por unha carta en que Otero Pedrayo lle fala do que pretendía facer ao que era o mestre de todos eles, Antón Losada, que xa está maliño. Non se volve saber da nova organización que se pretendía constituír, pero a presenza de Fraguas naquela xuntanza indica que era un dos que mantiña o facho en pé. Máis adiante, en 1930, na ditablanda de Berenguer, cando se volve facer un pouco de política, el é tamén un dos que reorganiza rapidamente a Irmandade de Santiago. No 31, cando se forma a escala galega outro grupo, Esquerda Galeguista, aí está Fraguas de novo, e meses despois será un dos cofundadores do Partido Galeguista, aínda que non estea presente no acto.

– Pode ter que ver tamén este escaso coñecemento desta parte da biografía de Fraguas co feito de que el mesmo nunca quixo falar da súa experiencia na guerra civil?

– Si, hai que ter en conta que a experiencia da sublevación militar e da represión que se desencadeou en Galicia foi moi dura, non todos foron quen de aturala.

– Nin sequera falou moito daqueles anos unha vez restablecida a democracia.

– Fraguas era nese sentido bastante hermético, non lle gustaba nin sequera falar mal dos que lle fixeran dano. Un relato pormenorizado da represión que sufriu na Estrada apareceu nunha axenda. Atopouno Rosa Méndez (bibliotecaria do Museo do Pobo Galego) hai uns meses repasando os seus dietarios. Son dúas páxinas, nada máis, escritas en 1996 (tres anos antes do seu pasamento). A represión contra Fraguas ten dúas dimensións: unha delas é a que conta nesa axenda, o que lle fan na Estrada, que en realidade é unha acción que poderiamos chamar espontánea, de incontrolados. Non é unha represión oficial, senón que vén duns rapaces, algún deles probablemente alumno seu, que lle fan varrer as rúas, ameázano cunha pistola e fanlle beber aceite de rícino, algo que facían os falanxistas imitando os fascistas italianos. Iso pasa, pero logo vén a depuración administrativa como funcionario, que o afasta durante un tempo da docencia no ensino público. E aí os propios inimigos de Fraguas trátano con respecto: os informes do alcalde e do xefe da Falanxe da Estrada din que pertencía a un partido separatista, pero que é unha persoa de bos costumes e moi querido polo alumnado, entre o que nunca fixo propaganda. @mundiario

Comentarios