Galiza precisa investimento en industria, nun momento de crise profunda e duradoira

Producción industrial. / Mundiario
Producción industrial. / Mundiario

As novas disponibilidades de financiamento procedentes dos fondos Covid19 europeos, ou Programa Next Generation EU, suporán arredor de 8.000 millóns de euros.

Galiza precisa investimento en industria, nun momento de crise profunda e duradoira

Témonos referido en MUNDIARIO en anteriores entregas ás necesidades de investimento industrial novo na economía galega. Visto que seguimos á espera dunha información completa, denotativa de transparencia informativa e lonxe da propaganda habitual, permitímonos insistir no rol do investimento en industria, nun momento de crise profunda e duradoira.

Todos os diagnósticos coinciden en que é preciso encarar a etapa post-pandemia levando a cabo proxectos de investimento novo que permitan superar os efeitos do desastre económico presente. A cuantía do paro, o cesamento de actividade, cerramento definitivo de empresas, a caída do consumo tanto privado como público, o aumento acelerado da débeda tanto pública como privada..., non son máis que algúns dos efeitos coñecidos da máis grave caída de actividade sofrida. E aumenta de tamaño ao observar as expectativas do ciclo económico a curto prazo: movémonos no seo dunha incerteza recalcitrante, que fai moi difícil planificar partindo das mesmas bases económicas do próximo pasado. Hai tamén unha perspectiva xeneralizada de cautela e máis de escuridade sobre o que vai deparar a conducta económica dos outros intervinientes (vale dicer, outras economías copartícipes en relacións económicas) tanto no interior como no exterior do espazo económico en que nos movemos, por moito que a influencia ou peso do global sexa unha constatación evidente. Este panorama de desconcerto vale para os próximos meses e tamén para os anos seguintes.

Unha vía de saída

A partir deste consenso xeral sobre o diagnóstico da situación e tamén da necesidade imperiosa de lle atopar unha vía de saída, comezamos a observar que as propostas de solución dadas a coñecer até agora non van significar alivio para a crise presente nen para reorientar os problemas cíclicos de control do crecemento sostido que precisa a economía galega. Por exemplo, promover un proxecto que use 1.300 millóns de euros na industria de automoción PSA-Citroën (como se anunciou días pasados por parte do señor Feixoo) significa destinar case a cuarta parte das disponibilidades comunitarias novas a unha industria francesa. Xa deberíamos ter aprendido como actúa o capital extranxeiro. Aliás, é interesante se perguntar que tipo de gran capital representa esa industria automovilística, se precisa dispor do capital que unha pequena economía, como a nosa, está en condicións de proporcionar. É o mundo ao revés: os menos capaces destinan capital e recursos ao gran capital para maior gloria dos poderosos. É tamén o guión dun romance desgrazado: os fondos comunitarios póñense ao dispor dos que sofren problemas pola crise, logrando que eses recursos retornen a “casa” medrados e favorecidos.

Así mesmo, non consideraremos relevantes -nen programa ao xeito- as propostas feitas desde a irresponsabilidade ou o descoñecemento da materia, ao proclamar a necesidade de mudar a estrutura económica galega, como se de mudar de traxe se tratar. Unha remuda estrutural precisa moita máis enerxía nacional que a que -hoxe e aquí- se está en condicións de utilizar. Levemos coa dignidade posíbel o tratamento a esta estrutura e fagamos programas acaídos para non lle quebrar os ósos ao noso esquelete estrutural. Mudar a estrutura económica galega, ou a española, ou a francesa requer neste sistema de relacións económicas mundializadas -chamadas máis frecuentementemente globais- unha revolución, aínda que for pequena, ou ben un acordo social unánime e decidido para levar a cabo un programa consensuado, cuxas transformacións económicas conduzan a modificacións de base da creación do excedente económico, do seu uso unha vez xerado, así como da reutilización do sobrante. É realmente formoso / ilusorio pensar que se podería conseguir pero non deixa de figurar no reino da utopía.

Poder económico

O feito histórico constatado certifica que desde hai cen anos a hoxe só dúas economías cambiaron a súa estrutura económica e con ela a súa ubicación relativa na economía mundial: Rusia e China. Cuba non foi quen de mudar a súa estrutura produtiva interna, nen a súa ubicación na economía mundial. No noso caso, o crecemento económico que se leva rexistado desde os anos 60 do século pasado a hoxe non deu lugar en absoluto a unha economía (vale igual para a sociedade, incluída a deriva empobrecedora do uso público do galego) autodeterminada, que, como é sabido, non é sinónimo de autosuficiente nen por suposto de autarquía. Gozar de certo poder económico sobre as decisións de investimento, de emprego do aforro e de decisións de produción propria son condicións necesarias pero non suficientes para non ser dependente, para se relacionar en plano de igualdade e non de necesidade co resto do mundo.

Esquecida logo a grandilocuencia estrutural, naveguemos pola vía da conxuntura, ben entendido que se poden levar a cabo proxectos sensatos, outros insensatos / irracionais, ou simplesmente disparatados. Nos disparatados encadraríamos os dedicados a financiar con fondos públicos o capital extranxeiro que, se ben é veciño, residente na Galiza, ten a médula, a forma e a dirección dun capital transnacional, o que se traduce en que está de paso, e só co ánimo sistémico de tirar o máximo beneficio na súa estadía. En cambio, a realización das rendas do seu capital hanse dar onde o negocio medre, ou, vale dicer, onde lle pete. O capital estranxeiro en forma de IED (Investimento Extranxeiro Directo) é certamente unha das formas posíbeis de financiar investimento industrial, pero non a única nen a máis conveniente. O emprego de aforro propio encarcerado nas entidades bancarias de tantos e tan fieis clientes galegos, como é no caso de Abanca por exemplo, pode constituír, mediante acordos conveniados co poder político, unha boa e conveniente fonte de financiamento a medio e longo prazo de novos investimentos. Eis un bon papel a desempeñar polo desaparecido Igape; ulo? Así mesmo tamén constitúe unha forma adecuada de promover mobilización de capital proprio a unificación empresarial en segmentos industriais existentes pero necesitados de maior tamaño.

As novas disponibilidades de financiamento procedentes dos fondos Covid19 europeos, ou Programa Next Generation EU, suporán arredor de 8.000 millóns de euros. Cómpre deseñar uns proxectos que contribúan positivamente ao investimento novo creador de emprego, de emprego industrial maioritariamente, con capacidade de arrastre interindustrial que equivale a dicer que provoquen crecemento económico en sectores estratéxicos para a Galiza.

Capital industrial

A respeito do uso de capital novo para uso industrial non hai dúbidas: nas declaracións do Presidente da Xunta ou dos seus asesores hai coincidencia: creación de novo capital industrial. A nosa proposta é moi sinxela de formular: empreguemos o novo capital nos sectores de actividade económica nos que xa existe capital galego, naquelas actividades con éxito, nas actividades creadoras de emprego directo, indirecto e inducido en actividades que -por necesidade material- realicen reinvestimentos aquí ou, internacionalizándose, sexan quen de xerar máis industria. Débese determinar que industria, que situación relativa ten na economía galega, que situación ocupa no concerto económico mundial, que grau de inserimento posúe cos restantes sectores económicos da economía galega, europea e mundial, e cal resulta a medio prazo máis xeradora de crecemento nos outros sectores relacionados.

Na situación presente, reiteramos, coñecido o ponto de partida en capital disponíbel, o sensato, para lograr o obxectivo de crecemento e de evitación de calquera destrago de recursos, é partir da existente capacidade produtiva ben instalada, é dicer, producindo e con éxito de mercado, así como contribuír con investimentos necesarios para contribuír no eido público a insumos industriais accesíbeis e cun prezo competitivo. @mundiario

Comentarios